Sábado 20 Abril 2024

GCiencia celebra o 8M cun videopódcast especial con científicas galegas

Unha entrevista coa lucense Sonia Villapol abre un ciclo programado en colaboración coa Deputación de Pontevedra

A igualdade tamén é unha cuestión científica. Por iso, co gallo do 8M, Día da Muller, GCiencia organiza o ciclo de entrevistas e mesas redondas Ciencia en feminino en colaboración coa Deputación de Pontevedra. Todos os mércores do mes de marzo emitiranse charlas-coloquio para analizar a situación da muller na ciencia, o teito de cristal, as vocacións científicas entre as nenas, a perspectiva de xénero, a maternidade e a conciliación, así como os retos de futuro. Para iso, contaremos con oito científicas galegas que analizarán a situación dende o seu propio prisma. Xunto a elas estará a deputada de Novas Tecnoloxías, Ana Mejías, en representación da Deputación de Pontevedra.

As catro citas de Ciencia en feminino celebraranse os mércores 8, 15, 22 e 29 de marzo ás 19.00 horas. Poderanse seguir a través das redes de GCiencia. O programa é o seguinte:

Publicidade

8 de marzo. Entrevista á neurocientífica Sonia Villapol

A neurocientífica Sonia Villapol naceu na Pastoriza (Lugo) e licenciouse en Bioloxía Molecular e Biotecnoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Malia que a súa andaina científica comezou na súa Galicia natal, pronto abandonou a terra e xa leva 20 anos emigrada. A súa primeira parada foi a Universidade Autónoma de Barcelona, onde fixo un máster e un doutoramento en Neurociencias.

Na súa etapa posdoutoral traballou en París, na Universidade Pierre e Marie Curie VI e no Hospital Robert Debré. No 2010 mudouse aos Estados Unidos e dende o 2018 é xefa de laboratorio e profesora de Neurocirurxía no Instituto Académico de Investigación do Hospital Metodista de Houston (Texas), e profesora de Neurociencia na Facultade de Medicina no Weill Cornell de Nova York.

15 de marzo. Mesa redonda: Espertar a vocación científica: como promover os estudos STEM entre as nenas

Segundo datos do Ministerio de Ciencia e Innovación, a maioría do alumnado universitario, o 56% do total, son mulleres. Pero esta cifra varía segundo as áreas: dun 25% en enxeñarías e arquitectura a un 70% en ciencias da saúde. Nesta mesa redonda analizaremos por que as rapazas seguen a rexeitar as carreiras técnicas, tamén denominadas vocacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas, polas súas siglas en inglés). Participan as seguintes investigadoras galegas:

  • Ana Freire, directora do Departamento de Operacións, Tecnoloxía e Ciencia da UPF-BSM, a escola de Management da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona. Tamén é a impulsora do concurso Wisibilízalas, dirixido a centros educativos de todo o mundo para romper cos estereotipos de xénero.
  • Rosa Crujeiras, matemática, directora científica do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAGA) e profesora da USC.
  • Vanessa Valdiglesias, doutora en Bioloxía e coordinadora do grupo de Nanotoxicoloxía e Toxicoloxía Xenética do Centro Intercisciplinar de Química e Bioloxía da Universidade da Coruña.

Tamén contaremos coa participación da deputada de Novas Tecnoloxías, Ana Mejías, en representación da Deputación de Pontevedra.

22 de marzo. Entrevista coa catedrática de Medicina Legal Victoria Lareu

María Victoria Lareu Huidobro, nada en Santiago de Compostela, licenciouse en Medicina e Cirurxía pola USC. Tamén se formou en centros internacionais de recoñecido prestixio, como o Instituto de Medicina Legal de Coímbra e o London Hospital College. En 2007 obtivo o cargo de catedrática de Medicina Legal pola USC e foi denominada directora do Insituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro, que segue a liderar na actualidade. En 2021 foi galardoada co Premio María Josefa Wonenburguer.

29 de marzo. Mesa redonda: Retos de futuro: que nos queda por facer para romper a fenda de xénero

Cales son as diferenzas entre homes e mulleres no ámbito da ciencia? E na investigación? Segue a haber unha gran desigualdade salarial? Estas e outras moitas preguntas, todas elas relacionadas coa fenda de xénero, serán resoltas na última actividade do ciclo Ciencia en feminino. Contaremos coa participación de:

  • Verónica Bolón, investigadora en intelixencia artificial e profesora da Universidade da Coruña (UDC).
  • Susana Ladra, directora do Campus Innova e profesora na UDC.
  • Ana Crujeiras, líder do grupo de Epixenómica e Endocrinoloxía e Nutrición do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS).

Tamén contaremos coa participación da deputada de Novas Tecnoloxías, Ana Mejías, en representación da Deputación de Pontevedra.


Podes consultar o programa completo aquí.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A galega Sonia Villapol demostra que os probióticos axudan a recuperarse do dano cerebral

A neurocientífica publica un estudo que proba como as cepas de 'Lactobacillus' contribúen a reducir a inflamación no cerebro despois dunha lesión
00:54:16

Begoña Vila: “Cando son a única muller nunha reunión xa non o penso. Aprendino co tempo”

A astrofísica da NASA clausura o ciclo 'Ciencia en feminino' facendo un repaso á súa traxectoria como muller e científica
00:00:00

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. Entrevista con Begoña Vila

A astrofísica viguesa traballa actualmente na NASA e conta a súa experiencia como muller científica nun campo tradicionalmente masculinizado
00:59:50

“A presión que hai en España por investigar fóra non a hai noutros países”

As científicas galegas Raquel Lama, Cristina Lazcano e Carmen Figueras participaron na terceira sesión de ‘Ciencia en Femino’ para falar sobre as súas experiencias investigadoras no estranxeiro