Sábado 27 Abril 2024

A Universidade de Santiago, líder en patentes en España

A Universidade de Santiago de Compostela encabeza o ránking de universidades públicas españolas con máis solicitudes de patentes nacionais tramitadas diante da Oficina Española de Patentes e Marcas (OEPM), segundo consta no informe ‘As universidades españolas. Unha perspectiva autonómica, 2014’, elaborado pola Fundación CYD (Coñecemento e Desenvolvemento) e no que se recollen datos do conxunto de España, por comunidades e universidades.
O citado traballo, que constitúe unha valiosa fonte de información sobre as características máis salientables do sistema universitario español por comunidades autónomas, sitúa a Galicia como a segunda comunidade autónoma máis dinámica en canto á solicitude de patentes nacionais respecto ao seu cadro de persoal docente e investigador en equivalencia a tempo completo. Asemade, a clasificación recollida no último informe elaborado pola Fundación CYD , tamén se fai eco da participación da USC noutras 243 solicitudes de patentes cursadas diante da OEPM entre os anos 2000 e 2012.

Santiago tramitou 98 das 112 patentes das universidades galegas de 2004 a 2012

A contribución da Universidade de Santiago de Compostela á situación de liderado da comunidade galega neste indicador non é menor, xa que a institución académica compostelá, líder nacional neste capítulo, tramitou 98 das 112 solicitudes de patentes PCT presentadas na Oficina España de Patentes e Marcas (OPEM), dependente do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte (MEC), polas universidades galegas no período comprendido entre 2004 e 2012, no que o citado informe da Fundación CYD ten contabilizadas un total de 1.504 peticións por parte do conxunto da universidade pública española.
A institución académica compostelá tamén ocupa unha posición de liderado no capítulo referido ás solicitudes de patentes nacionais participadas por universidades no período 2000-2012. De feito, 243 das 497 peticións de patentes nacionais rexistradas polas universidades galegas neste tempo están participadas pola USC, unha estatística que a sitúa na cuarta posición do panorama nacional.

Publicidade

Santiago asina a metade dos artigos científicos das universidades galegas

A Fundación CYD tamén inclúe no último informe que vén de presentar outros indicadores que corroboran o liderado da Universidade de Santiago de Compostela no que se refire a produción científica no marco do Sistema Universitario Galego, ao que tamén pertencen as universidades de A Coruña e Vigo, e tamén no conxunto da universidade pública española. Cómpre salientar neste caso que a autoría de máis de 8.000 das 16.610 publicacións científicas acuñadas polas universidades galegas entre 2008 e 2012 corresponde á Universidade de Santiago de Compostela.
Cómpre salientar neste eido o grande impacto acadado pola USC no que atinxe á súa produción científica cuxa temática garda relación coa área das ciencias medioambientais. De feito, o último informe da Fundación CYD, que cifra en 611 as producións científicas da USC referida a este área do saber, fai especial fincapé no alto porcentaxe de excelencia da súa produción científica neste eido.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia avanza para contar cos seus propios medicamentos CAR-T nos próximos anos

A finais de ano abrirá un centro de produción en Santiago e un proxecto de investigación traballa para aplicalos en tumores sólidos

Así era Castro Valente: a fotografía láser recrea a muralla da gran fortaleza medieval galega

Un estudo da USC usa as novas tecnoloxías para ampliar información sobre o xacemento de 10 hectáreas situado entre Padrón e A Estrada

O meteorito que brillou como cincuenta lúas cheas xa pode visitarse en Santiago

Tratouse dun asteroide de 1,15 metros de tamaño e 2,62 toneladas de masa que chocou contra a atmosfera a 15 Km/s

Unha tese galega demostra a viabilidade de reutilizar restos vinícolas e pesqueiros no país

Antonio Cortés avaliou a sustentabilidade das estratexias de valorización de residuos orgánicos, alén de estudar a ecoeficiencia dos procesos