Sábado 27 Abril 2024

A ‘Starting Grant’ Elena Ojea, nova ‘fichaxe’ da Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo pechou hoxe o acordo definitivo para a incorporación da investigadora Elena Ojea, que o vindeiro mes de outubro comezará a desenvolver na institución académica viguesa un proxecto sobre a adaptación ao cambio climático en sistemas pesqueiros, que acadou 1,5 millóns de euros de financiamento a través do programa Starting Grant do Consello Europeo de Investigación, ERC. Nunha xuntanza, que a científica nigranesa mantivo hoxe co reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato e a vicerreitora de Investigación e Transferencia, Asunción Longo, pecháronse os detalles da chegada o vindeiro outono de Ojea á Universidade, tanto no referido aos recursos humanos como materiais.

Elena Ojea, flamante fichaxe da UVigo.
Elena Ojea, flamante fichaxe da UVigo.

Antes de marchar a vindeira semana a Estaods Unidos, Ojea cualificou de “oportunidade única” a posibilidade que a institución académica lle ofrece a través do Programa para a captación de persoal investigador seleccionado nas convocatorias do Consello Europeo de Investigación (ERC), que viu a luz en novembro do ano pasado. “Este é un dos resultado máis brillantes da convocatoria de captación de talento que nos permite incorporar investigadores e investigadoras como Elena, buscando, no seu caso concreto, o mellor encaixe nunha liña estratéxica para a especialización da Universidade, como é Campus do Mar”, explicou o reitor, Salustiano Mato, que considera “unha honra” que a institución sexa quen de captar para Vigo talento internacional.

Publicidade

Pola súa banda, a investigadora, que na actualidade está a desenvolver a súa actividade no Centro Vasco del Cambio Climático, BC3, asegurou que ademais das cuestións puramente profesionais, na súa decisión de incorporarse á Universidade de Vigo tamén pesou o seu desexo de regresar a Galicia e unha familia, “que agora está moi contenta”, recoñeceu Ojea.

Ojea estudará a incidencia do cambio climático na actividade pesqueira

Tras explicar que desde o primeiro momento na Universidade de Vigo “puxéronme moitas facilidades e unhas condicións moi boas para a miña incorporación”, Elena Ojea asegurou que neste intre lle apetece moito a investigación estratéxica e neste sentido, recoñeceu que levaba tempo seguindo a actividade de Campus do Mar e dunha comunidade científica moi interesante e activa en investigación mariña á que lle apetece sumarse e achegar o seu traballo. “Todo encaixa moi ben, hai unha estrutura moi interesante, con moita xente traballando e todo ten moito sentido”, explicou a investigadora de Nigrán, que lembrou que a Starting Grant garántelle financiamento para cinco ou seis anos e a posibilidade crear un grupo propio con cinco investigadores e investigadoras para desenvolver o seu proxecto.

“A miña investigación sobre a adaptación ao cambio climático nos sistemas pesqueiros, parte da base de que hai un impacto do cambio climático no mar e todo o que implica a nivel socioeconómico e eu intento deseñar solucións, como mudar as medidas de xestión ou os sistemas de pesca, tendo en conta isto”, explica Elena Ojea, que tras licenciarse en Ciencias Ambientais pola Universidad de Salamanca, obtivo na Universidade de Santiago de Compostela un doutoramento europeo en Economía Ambiental. Ademais de medir o impacto ambiental e económico da catástrofe do Prestige centrándose no arao, Ojea participou nun estudo sobre os efectos socioeconómicos da creación do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Realizou varias estancias en California e no ano 2009 incorporouse ao BC3 en Euskadi.

Mato dixo que a UVigo, como o Celta, ten moitas fichaxes da súa canteira

“Somos unha Universidade que pelexamos por buscar a excelencia”, asegurou o reitor, Salustiano Mato, que lembrou as limitacións que desde o ano 2012 as institucións académicas sufriron para captar e reter talento investigador e que foi a raíz desta situación que a Universidade de Vigo puxo en marcha programas de seu para manter e incorporar científicos e científicas de alto nivel. “Non hai que esquecer que nestes anos na Universidade tivemos moita ‘pesca’ por parte doutras institucións e está moi ben que a nosa canteira, como no caso do Celta, guste a outros, pero no noso caso o noso persoal non ten cláusula de rescisión”, ironizou Mato. Para o reitor a incorporación de Elena Ojea, non só terá “moitos beneficios” para a produción científica da institución, ao tempo que a visibilizará como unha universidade competitiva nos ránkings, senón que tamén será positivo para a especialización da institución, “o que repercutirá na contorna socioeconómica. A máis masa crítica e talento de alto nivel, os resultados de investigación resolverán os problemas da contorna económica”, sinalou o reitor.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático

A lamprea, en caída libre en Galicia: de 23.000 quilos capturados a 3.000 en dez anos

O catedrático da USC Fernando Cobo apunta que a presión pesqueira e a captación de auga ilegal fomentan a diminución de especies

A praia de Barra agocha unha aldea soterrada: un cambio climático invadiu todo de area hai 500 anos

Unha investigación publicada por Andrés Pino analiza o impacto social e económico da Pequena Idade do Xeo no asentamento de Cangas