Mexar na piscina xera compostos químicos velenosos.

Mexar na piscina xera compostos químicos velenosos.

Mexar na piscina produce tóxicos químicos

Un estudo internacional revela que o ácido úrico reacciona co cloro para formar cloruro de cianóxeno, un gas usado na guerra química

Ademais de ser unha porcallada, mexar dentro da piscina pode prexudicar a saúde. Cando o ácido úrico dos ouriños reacciona co cloro que se usa para desinfectar a auga orixínanse substancias tóxicas que irritan a pel, os ollos e as vías respiratorias. Así o confirma unha análise efectuada por investigadores dos Estados Unidos e China.

O enxeñeiro ambiental Ernest R. Blatchley, da Universidade de Purdue (EUA), recoñece que algunha vez mexou nunha piscina, pero di que non volverá repetilo, sobre todo tras coñecer os resultados dun estudo que desenvolveu en colaboración con científicos da Universidade de Agricultura de China.

O equipo confirmou que o cloro (Cl) que se usa para desinfectar a auga se combina moi ben co ácido úrico (CHNO) e orixinan dúas substancias tóxicas: o cloruro de cianóxeno (CNCl), que no pasado se chegou a utilizar como un axente na guerra química, e a tricloramina (NCl3), que prexudica o sistema respiratorio e produce irritacións na pel e os ollos.

A tricloramina prexudica o sistema respiratorio e irrita a pel

“O ácido úrico nunha piscina pódese atribuír case enteiramente aos ouriños humanos”, subliña Blatchely, quen verificou no laboratorio o rápido que reacciona este composto co cloro para orixinar os subprodutos volátiles perigosos. Os datos publicáronse na revista Environmental Science & Technology da Sociedad Química dos Estados Unidos.

Está claro que non todos os usuarios mexan na auga, pero as mostras tomadas polos investigadores botan unha media de entre 30 e 80 mililitros de ouriños cada vez que un nadador micciona porque non se pode aguantar ou, como sospeitan os autores, o fai disimuladamente de forma voluntaria.

Os niveis de subprodutos tóxicos son realmente perigosos? Os científicos aclaran que, por suposto, nas piscinas non se acumulan dabondo ouriños e cloro como para producir unha intoxicación grave, pero algúns usuarios si poden chegar a sentirse mal ou padecer irritacións se respiran as mesturas nocivas. “Hai casos onde a xente chegou a enfermar con síntomas parecidos aos que se producen por envelenamento por cloruro de cianóxeno ou tricloramina”, advirten os expertos.

Por todo iso, os científicos animan os nadadores e usuarios a respectar os hábitos de hixiene dentro da auga clorada. “Este estudo non me vai impedir que siga indo á piscina, pero a partires de hoxe vou ser un pouco máis cauteloso, e tamén un pouco máis cortés”, conclúe Blatchely.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.