Venres 29 Marzo 2024

Mexar na piscina produce tóxicos químicos

Ademais de ser unha porcallada, mexar dentro da piscina pode prexudicar a saúde. Cando o ácido úrico dos ouriños reacciona co cloro que se usa para desinfectar a auga orixínanse substancias tóxicas que irritan a pel, os ollos e as vías respiratorias. Así o confirma unha análise efectuada por investigadores dos Estados Unidos e China.
O enxeñeiro ambiental Ernest R. Blatchley, da Universidade de Purdue (EUA), recoñece que algunha vez mexou nunha piscina, pero di que non volverá repetilo, sobre todo tras coñecer os resultados dun estudo que desenvolveu en colaboración con científicos da Universidade de Agricultura de China.
O equipo confirmou que o cloro (Cl) que se usa para desinfectar a auga se combina moi ben co ácido úrico (CHNO) e orixinan dúas substancias tóxicas: o cloruro de cianóxeno (CNCl), que no pasado se chegou a utilizar como un axente na guerra química, e a tricloramina (NCl3), que prexudica o sistema respiratorio e produce irritacións na pel e os ollos.

A tricloramina prexudica o sistema respiratorio e irrita a pel

“O ácido úrico nunha piscina pódese atribuír case enteiramente aos ouriños humanos”, subliña Blatchely, quen verificou no laboratorio o rápido que reacciona este composto co cloro para orixinar os subprodutos volátiles perigosos. Os datos publicáronse na revista Environmental Science & Technology da Sociedad Química dos Estados Unidos.
Está claro que non todos os usuarios mexan na auga, pero as mostras tomadas polos investigadores botan unha media de entre 30 e 80 mililitros de ouriños cada vez que un nadador micciona porque non se pode aguantar ou, como sospeitan os autores, o fai disimuladamente de forma voluntaria.
Os niveis de subprodutos tóxicos son realmente perigosos? Os científicos aclaran que, por suposto, nas piscinas non se acumulan dabondo ouriños e cloro como para producir unha intoxicación grave, pero algúns usuarios si poden chegar a sentirse mal ou padecer irritacións se respiran as mesturas nocivas. “Hai casos onde a xente chegou a enfermar con síntomas parecidos aos que se producen por envelenamento por cloruro de cianóxeno ou tricloramina”, advirten os expertos.
Por todo iso, os científicos animan os nadadores e usuarios a respectar os hábitos de hixiene dentro da auga clorada. “Este estudo non me vai impedir que siga indo á piscina, pero a partires de hoxe vou ser un pouco máis cauteloso, e tamén un pouco máis cortés”, conclúe Blatchely.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo en ‘Nature’ avalía por primeira vez o uso do cloro para mitigar o cambio climático

Os expertos conclúen que este elemento provocaría efectos perniciosos que non fan recomendable o seu emprego

Ademais de ser unha cochada, ouriñar dentro da piscina pode prexudicar a saúde.

Unha análise confirma que a reacción de ouriños e cloro irritan a pel, os ollos e as vías respiratorias

O científico que se deixou picar o pene por abellas, gañador do Ig Nobel

Os premios ás investigacións máis absurdas tamén recoñecen un traballo sobre que os mamíferos tardan 21 segundos en mexar

Trihalometano, a molécula que deixou sen auga a 150.000 galegos

Fórmase por reacción do cloro coa materia orgánica da auga e está considerado canceríxeno, aínda que a moi longo prazo