Venres 26 Abril 2024

A fascinante conexión entre neuroloxía, cerámica e sociedade na prehistoria galega

Arqueólogos e neurocientíficos galegos publican en "Scientific Reports" un traballo sobre as diferenzas na noso xeito de mirar a través do tempo

Onde reparan primeiro os nosos ollos cando nos poñen diante un obxecto, unha paisaxe ou un monumento? Ata que punto a nosa mirada (e con ela a nosa mente) vai por libre, ou está condicionada polo entorno que nos rodea? É unha cuestión que trascende épocas e sociedades, e a ela quixeron responder arquéologos e neurocientíficos de Santiago de Compostela e Alicante. E a resposta é un traballo fascinante que acaba de publicar Scientific Reports, no que describen como existe unha conexión paralela a través do tempo entre o proceso cognitivo, o desenvolvemento dos materiais e a complexidade social, a partir da análise de obxectos da prehistoria de Galicia.

Mediante técnicas de seguimento ocular, o equipo formado por investigadores do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) de Santiago, o Laboratorio de Percepción da Facultade de Psicoloxía da USC e o Instituto de Neurociencias (IN) de Alicante analizou os procesos de atención selectiva que determinan a maneira na que exploramos e interactuamos coa nosa contorna.

Publicidade

A un grupo de 113 voluntarios amosáronlles diferentes patróns representados en obxectos cerámicos de varios estilos e sociedades dun período de 4.000 anos da prehistoria de Galicia. Entre estas pezas estaban, por exemplo, reconstrucións do vaso campaniforme das Pontes de García Rodríguez, gardado na colección da Universidade de Santiago; o cacharro do Dolmen de Parxubeira (Mazaricos), outro dun poboado  calcolítico de Chaves (norte de Portugal) e unha xerra do mundo castrexo do procedente do Castro do Neixón (Boiro) e característica do ben coñecido tipo “xerra Toraia”.

As pezas cerámicas foron reproducidas replicando a tecnoloxía prehistórica por un equipo de ceramistas da “Fundación Terra Termarum Castrolandín”, dirixidos pola restauradora Yolanda Porto, da empresa Restauración Fráxil.

E grazas a técnicas de análise visual, os investigadores estudaron o percorrido que realizan os ollos cando observan diferentes patróns decorativos representados en obxectos cerámicos da prehistoria. E os resultados amosan que existe unha evolución paralela entre o proceso cognitivo, o desenvolvemento material e a complexidade social.

As imaxes amosan as preferencias de exploración visual dos obxectos de cada etapa. Fonte: Criado et. al, Scientic Reports.
As imaxes amosan as preferencias de exploración visual dos obxectos de cada etapa. Fonte: Criado et. al, Scientic Reports.

Neuroarqueoloxía

O estudo englóbase dentro dun novo campo científico: a neuroarqueoloxía, unha disciplina que combina a neurociencia coa paleontoloxía, a arqueoloxía e outras ciencias sociais e humanas. “No estudo expomos a posibilidade de que a vida cultural e social inflúa no proceso cognitivo. Os movementos oculares son a proba máis obxectiva de que existe unha evolución paralela entre o proceso cognitivo, o desenvolvemento material e os cambios na complexidade social”, explica Felipe Criado Boado, profesor de investigación do CSIC, director do Incipit e primeiro autor do artigo, quen engade que “a prominencia visual de cada estilo cerámico produce unha resposta visual distinta. A cerámica prehistórica comprende unha parte importante do mundo material que rodeaba aos individuos desa época. Por iso unha análise deste tipo non é unicamente factible, senón que achega resultados moi significativos”.

Pola súa banda, o neurocientífico do CSIC no IN de Alicante Luís Martínez Otero explica que “no noso cerebro existen circuítos neuronais, ou mapas, que representan o noso espazo persoal e peripersoal. Estes circuítos determinan a maneira na que nos relacionamos socialmente e tamén co mundo que nos rodea. Con este tipo de experimentos, estamos a demostrar que estas representacións vense alteradas polo uso e deseño de ferramentas e outros artefactos culturais; o que estamos a descubrir é que se incorporan de maneira moi rápida a estes mapas neuronais pasando a formar parte do noso esquema corporal, como se falasemos dunha extensión do mesmo”.

Así, engade Martínez, “estes experimentos demostran inequivocamente que existe unha interacción moi estreita entre cambios culturais e plasticidade cerebral, o que proporciona unha nova perspectiva sobre como o cerebro permite a transmisión de valores culturais, crenzas e costumes”.

“O patrón de exploración visual que producen cambiaron ao longo da historia, e están conectadas co comportamento cognitivo da mesma forma que o están co ámbito social, incluída a complexidade social”, conta Felipe Criado

Os resultados apuntan a que o sistema de recoñecemento visual humano interioriza de forma moi activa o obxecto que observa, o que demostraría que existe un axuste da percepción entre os observadores e as estruturas materiais da súa contorna. “Por iso a percepción non pode separarse da forma. Desde esta perspectiva pode postularse que a forma dos obxectos (a cerámica neste caso) e o patrón de exploración visual que producen cambiaron ao longo da historia, e están conectadas co comportamento cognitivo da mesma forma que o están co ámbito social, incluída a complexidade social”, continúa Criado.

As análises foron realizadas no Laboratorio de Percepción da Facultade de Psicoloxía da USC, dirixido por Manuel Blanco, especialista en estudos de percepción e seguimento visual, e Diego Alonso exerceu como analista. Con esta técnica detectáronse e analizáronse os movementos visuais que fan as pupilas humanas ao observar a cerámica da prehistoria, rexistrando 500 medidas por segundo, o que permite medir os máis pequenos xestos visuais. Como sinala Manuel Blanco, “tendemos a crer que miramos o que queremos, pero isto non é totalmente certo: os nosos ollos están a explorar sistematicamente o mundo para seleccionar estímulos e guiar a atención da forma que sexa máis eficiente para os humanos. A técnica que utilizamos, co nivel de resolución que ten, permite detectar como a forma do que miramos guía esa exploración instintiva do mundo”.

Patróns de seguimento dos diversos obxectos cerámicos da prehistoria. Fonte: CSIC.
Patróns de seguimento dos diversos obxectos cerámicos da prehistoria. Fonte: CSIC.

Pola súa banda, Criado engade que o relevante neste caso é que o que miramos foi construído polos propios humanos, e apunta: “Dado que mentres exploramos o mundo construímos mapas mentais deste, os principios de deseño que deron forma aos obxectos terminan retroalimentados e volven emerxer na nosa mente”.

A partir de aquí xorde outra das conclusións deste traballo, que mostra que a tecnoloxía é un factor importante nos aspectos mentais da vida dos humanos. Isto ofrece unha nova perspectiva que axuda a comprender os procesos de innovación e cambio tecnolóxico que se producen en todas as épocas históricas, incluídas aquelas nas que estamos inmersos. “Crese que en 2020 haberá 100.000 millóns de sensores por todo o mundo captando información de todo tipo e procesándoa dixitalmente, todos conectados entre si e funcionando como un gran cerebro humano. Se se cumpre esta previsión, a investigación no campo dos procesos cognitivos e a cultura material ao longo da historia pode ser de utilidade no futuro, de maneira que poida mostrar a forma en que os humanos confían nas imaxes que lles axuden a formar un imaxinario colectivo”, conclúe o director do Incipit.

 

Referencia: Coevolution of visual behaviour, the material world and social complexity, depicted by the eye-tracking of archaeological objects in humans (Publicado en acceso libre en Scientic Reports, 8 de marzo de 2019).

 

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses