Xoves 28 Marzo 2024

Consanguinidade, incesto e mortalidade infantil: o que agocha a xenética de Carlos II

O catedrático Gonzalo Álvarez Jurado explica a investigación actual arredor das dinastías europeas e os trastornos xenéticos que as rodean

No marco do festival de divulgación científica, Pint of Science, o catedrático en Xenética na Universidade de Santiago de Compostela (USC), Gonzalo Álvarez Jurado, aproveitou para compartir a investigación que está levando a cabo actualmente. Esta comezou cunha pregunta que pode parecer sinxela: cales son as evidencias científicas de que a desaparición da dinastía dos Habsburgo españois foi debida ao alto grao de consanguinidade?

“A dinastía extinguiuse á morte de Carlos II, coñecido como o enfeitizado, porque non tiña descendencia e a partir de aí orixínase unha crise política que conduce a unha guerra, a que coñecemos como Guerra de Sucesión Española. Algúns historiadores mesmo falan dela como a primeira guerra mundial da historia porque afectou a todos os grandes países europeos e ás súas colonias. E dáse por sentado que a causa desta extinción é a elevada incidencia de matrimonios consanguíneos, porque hai uns datos moi sedutores, pero isto non implica que haxa unha demostración científica”, explica Álvarez Jurado.

Publicidade

Nada fóra do común

Se ben é certo que hai numerosas evidencias dos efectos dos matrimonios dentro da mesma familia nos seus descendentes, tamén é certo que a consanguinidade non é algo fóra do común: “Case todo o mundo pensa que a consanguinidade é unha cousa rara ou un fenómeno estraño ligado a culturas atrasadas e esta é unha visión nesgada. Hoxe en día os matrimonios consanguíneos son o 10% da poboación mundial. O que ocorre é que tanto en Europa como en América do norte a incidencia é menor entón temos ese prexuízo do mundo occidental de crernos que o mundo é como o vemos aquí”, sinala o catedrático. 

“agora estamos estudando outras dinastías reais”

Principalmente isto débese ás vantaxes que os matrimonios entre curmáns segundos ou entre tío e sobriña van máis alá do xenético, polo que tamén son unións máis comúns no mundo rural: “A consanguinidade pode ter efectos prexudiciais dende o punto de vista biolóxico, pero tamén pode ter beneficios de tipo socioeconómico, xa que serven para manter as propiedades dentro da propia familia”, afirma o experto en xenética.

Por outra banda, tanto nas dinastías reais como no mundo antigo, a consanguinidade tampouco era algo estraño, xa non só entre primos irmáns, senón tamén entre irmáns carnais ou entre pais e fillas. Por isto, cabe preguntarse por que a consanguinidade sería o motivo de extinción dos Habsburgo españois e non doutras liñaxes. Neste sentido, Álvarez Jurado apunta que “Carlos II tivo numerosas enfermidades e non foi capaz de ter ningún fillo, pero isto puido ser debido a outros factores que non teñen que ver coa consanguinidade. Por iso, pareceunos moi interesante probar a hipótese e arrancar esta investigación, que agora estamos continuando con outras dinastías reais”.

Hipótese comprobada

Sendo un lugar común na historiografía europea, os investigadores decidiron poñer a proba a hipótese da consanguinidade como causa da extinción dos Habsburgo e o que atoparon apoiaba bastante este factor: “Os historiadores tiveron un olfacto bastante bo e déronse conta de que aí a consanguinidade era relevante. A través das xenealoxías nós puidemos comprobar que os coeficientes de consanguinidade foran incrementándose moito ao longo da dinastía, ata chegar ao 25% en Carlos II. E despois, e máis importante, atopamos unha correlación fortísima nos nenos, os fillos destes reis, entre o seu nivel de consanguinidade e a súa mortalidade”, explica o catedrático. 

Así, cunha mortalidade tan elevada, a dinastía foi mermando o seu número de potenciais herdeiros ao trono e, polo tanto, a consanguinidade non só foi a responsable das enfermidades e da ausencia da descendencia de Carlos II, senón tamén de que non houbera outros herdeiros máis que os implicados na Guerra de Secesión, procedentes das dinastías austríaca e francesa.

 Algúns dos síntomas de Carlos II eran baixa estatura, delgadez extrema, cabeza grande, dificultades para comezar a falar e tendencia a ter trastornos intestinais

“Nos nosos traballos contamos con especialistas en medicina aos que lles subministramos a información histórica que existe sobre a sintomatoloxía de Carlos II. Chamábaselle o enfeitizado porque tivo infinidade de enfermidades: era baixo de estatura, delgado, coa cabeza grande, non puido camiñar ata os 6 anos, non foi capaz de falar ata os 10 anos, tivo numerosas infeccións de neno, numerosos trastornos intestinais con vómitos e diarreas, estivo casado dúas veces e non tivo fillos —polo que se sospeita que era infértil ou impotente—, aos 30 anos parecía un ancián e pasou os últimos anos da súa vida na cama. Morreu “prematuramente”, aos 38 anos despois dun episodio de febre e infección e cando se embalsamou o cadáver viuse que tiña un só testículo e moi pequeno”, sinala Álvarez Jurado. 

Así, en internet poden atoparse numerosas hipóteses descartadas polos investigadores como a do raquitismo, “é moi estraño nun infante real que recibía unha boa alimentación”, ou a de que Carlos II fose portador dos cromosomas XXY, “encaixaría coa súa esterilidade, pero estas adoitan ser persoas moi altas e non temos evidencias de que a consanguinidade produza un trastorno cromosómico desa magnitude”.

Dous trastornos xenéticos

Para resolver este enigma da historia, os investigadores optaron por filtrar as enfermidades debidas a trastornos enéticos regresivos, “porque sabemos tanto por estudos teóricos como experimentais que a consanguinidade aumenta a frecuencia de homocigotos regresivos“, nas bases de datos actuais de enfermidades hereditarias.

Así, atoparon dous xenes distintos que, xuntos, poderían explicar toda a sintomatoloxía que presentaba Carlos II. “Por unha banda, o PROP1, que está no cromosoma 5, dá lugar a un déficit de hormonas como a pituitaria, a do crecemento, a tiroides, a prolactina, etc, xerando, entre outras cousas, individuos estériles. Por outra banda, hai un xene no cromosoma 7 que dá lugar á acidose tubular renal distal (dRTA) e que adoita xerar como efecto secundario o raquitismo, explicando a súa aparición nun infante real”, sinala Álvarez Jurado. Con todo, isto non supón unha demostración directa, senón que a comprobación definitiva requiriría realizar unha análise xenómica a partir dos restos de Carlos II.

Laboratorios reais

A investigación que comezou co obxectivo de desvelar o que ocorrera coa dinastía dos Habsburgo españois converteuse nun estudo moito máis grande onde Gonzalo Álvarez Jurado xunto co seu equipo continúa realizando as xenealoxías das principais dinastías europeas: “Manexamos en todas elas unha información practicamente dende o ano 1.000 ata a actualidade. Coñecemos a súa xenealoxía e tamén sabemos cantos fillos tiveron e cando morreron, co cal podemos estudar ao mesmo tempo a mortalidade infantil e ver se existe unha relación directa entre os niveis de consanguinidade e a mortalidade infantil. Utilizámolas como laboratorios para poder estudar con moito detalle as consecuencias xenéticas da consanguinidade na especie humana“. 

Gonzalo Álvarez Jurado, catedrático en Xenética na USC.
Gonzalo Álvarez Jurado, catedrático en Xenética na USC.

Se ben os matrimonios consanguíneos non son exclusivos das dinastías europeas, é nestas onde mellor se conservan as certezas sobre as relacións xenalóxicas, e moito máis se o que se pretende estudar son os efectos destes na mortalidade infantil. Un exemplo disto é o caso de Cleopatra: “Todos os exiptólogos recoñecen que era a filla de Ptolomeo XII, pero o faraón tiña unha esposa principal, Cleopatra XI, que era a súa irmá, e mulleres secundarias e non se poñen de acordo de quen delas era filla”, manifesta o experto en xenética.

Dado que este tipo de matrimonios teñen unha incidencia do 10% na poboación mundial, este tipo de investigacións son dun interese cada vez maior, precisamente porque, tal e como sinala Álvarez Jurado, “hai moitísimos estudos realizados nos últimos 20 anos sobre os efectos da consanguinidade na mortalidade infantil en multitude de poboacións de todo o mundo. A maior parte deses estudos, por non dicir case a súa totalidade, son sempre comparando a mortalidade dos nenos que son primos irmáns coa mortalidade de nenos da mesma poboación que son fillos de pais non emparentados porque este é o tipo de matrimonio consanguíneo máis frecuente en todas as partes do mundo. Polo tanto, temos un coñecemento bastante preciso dos efectos que estes producen, pero que ocorre se o coeficiente de consanguinidade é maior? Pois non o sabemos“.

“Os datos xenómicos están revelando que hai máis incidencia do incesto do que se esperaba”

Se o coeficiente de consanguinidade entre fillos de matrimonios non emparentados é do 0%, no caso dos matrimonios de primos irmáns rolda o 5% e na dinastía dos Habsburgo chegan a atoparse personaxes cun nivel de consanguinidade do 30%. “Esta análise das dinastías permítenos coñecer a relación da consanguinidade coa mortalidade infantil non só para niveis pequenos ou moderados de consanguinidade, senón efectos aínda maiores ou inclusive o que ocorre nas relacións incestuosas. O incesto é algo reprobado en todas as culturas, polo que moitos dos casos permanecen ocultos. Agora os datos xenómicos están revelando que hai máis incidencia do incesto do que se esperaba e hai que pensar que eses descendentes terán un coeficiente de consanguinidade do 25%“, apunta o catedrático. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A endogamia causou a “mandíbula dos Austrias”, segundo científicos galegos

Un estudo xenealóxico constata, a través da análise de retratos pictóricos, que a consanguinidade deixou trazas no rostro da dinastía

Consanguinidad hasta Felipe VI

Dos genetistas de Santiago estudian los efectos de la endogamia en los Borbones tras certificar que acabó con los Austrias