Investigación para mellorar a xeración de electricidad hidráulica y mariña. É o obxectivo do Centro Internacional de Excelencia Hidráulica de Vigo (CIEH), inaugurado por Gas Natural Fenosa cunha forte inversión en equipos, persoal e proxectos, para achegar innovación ás instalacións do grupo en todo o mundo.
O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou que o centro “reforza o compromiso de Gas Natural Fenosa coa innovación e o desenvolvemento das renovables en Galicia”. E considerou que fai de Galicia “o laboratorio desde o que se incorporarán melloras en todas as instalacións hidráulicas e mariñas da empresa no mundo, impulsando a innovación enerxética mediante o traballo coas universidades e os centros tecnolóxicos”.
O novo centro investigador supón traballo para 76 persoas, así como a implementación de 25 proxectos en I+D+i, parte dos cales xa se teñen levado a cabo, cun investimento de 23 millóns ata o ano 2017. “É un esforzo que xa ten implicado ás tres universidades, ao Feuga, e ao centro tecnolóxico Energy Lab, ademais de a varias empresas líderes, que están a contribuír para facer da innovación enerxética galega un referente a nivel mundial no eido hidráulico”, incidiu o conselleiro.
Un proxecto mellora a vida útil das centrais hidroeléctricas en vinte anos
Gas Natural Fenosa destacou que o traballo do CIEH xa ten acadado éxitos cos primeiros proxectos que puxo en marcha, mellorando a vida útil das centrais hidroeléctricas en vinte anos. “Esta alianza coa Xunta xa nos permitiu colocar en Galicia tanto a xestión das renovables do grupo como, especificamente, os seus activos hidráulicos a nivel mundial”, dixo Francisco Conde.
A Xunta comparte con Gas Natural Unión Fenosa outras liñas de actuación como a Unidade Mixta de Investigación que lle está a permitir a Gas Natural Unión Fenosa, a través do traballo con Energy Lab, impulsar a investigación de novos procesos, sistemas e servizos tecnolóxicos en relación co uso de gas natural e biometano para aplicacións de mobilidade marítima (como barcos) e agraria (como tractores), xerando investimentos por 2,2 millóns de euros .