Venres 29 Marzo 2024

Once milenios de cambio ambiental en Galicia

Daniel Viña Teijo/Universidade de Santiago de Compostela

Hai 6.000 anos, os habitantes de Campo Lameiro (Pontevedra) xa empregaban o lume para transformar o seu entorno e adaptalo á gandería. Hoxe, os segredos que agocha o seu solo están a ser investigados para reconstruír a historia ambiental de Galicia. A pesar de que solemos crer que a contaminación humana é froito da modernidade e que provén dos tempos da Revolución Industrial, a realidade é que as persoas xa contaminábamos e transformábamos o noso entorno hai milleiros de anos. É importante, xa que logo, desmitificar a idea dos nosos devanceiros como seres en harmonía cunha natureza idílica xa que, por exemplo, os incendios provocados nos nosos bosques tampouco son exclusivos do presente. Investigacións levadas a cabo na USC atoparon evidencias de que, polo menos desde o ano 4.000 a.C., aproximadamente, os humanos empregaban lume para despexar os bosques e aproveitar o terreo para actividades gandeiras.

Campo_Lameiro,_Parque_arqueolóxico_05-08

Por suposto, estas transformacións non tiñan o impacto contaminante das nosas fábricas ou dos nosos medios de transporte, que están a potenciar un cambio climático aumentando a temperatura do planeta, pero os estudos levados a cabo en Campo Lameiro revelan que a  deforestación tivo un impacto máis importante do que os científicos agardaban atopar, favorecendo a erosión do solo e a súa acidificación. Os científicos do Departamento de Edafoloxía da USC son capaces de reconstruír parte da historia dun lugar investigando o que agocha o seu solo. O chan vaise formando a través da acumulación de diferentes capas ao longo dos anos, gardando información lista para ser descifrada cos métodos axeitados, como a análise dos carbóns que deixaron tras de si os incendios.

Publicidade

Estes carbóns son o rexistro que as diferentes especies vexetais deixan despois de arder, e permiten que os investigadores identifiquen as especies que había na zona en cada época, xa que o carbón mantén a estrutura característica de cada unha delas. Os restos queimados permanecen no chan, e pasan a quedar soterrados co paso do tempo ao irse acumulando novas capas de terreo na superficie. Polo tanto, a canta máis profundidade sexa atopada unha mostra, máis antiga será. Os investigadores empregan a datación a través de carbono-14 para coñecer a antigüidade dalgunhas mostras de terreo e despois aplican algoritmos matemáticos para calcular a idade do solo en función da súa profundidade.

A análise da terra permite remontarse 11.000 anos no pasado

No caso de Campo Lameiro, o equipo de científicos traballou sobre cinco localizacións diferentes cun grosor de entre 1,50 e 2,35 metros, o que lles permitiu remontarse ata 11.000 anos no pasado do lugar para estudar as especies vexetais que habitaban alí en cada época. As mostras recollidas son examinadas a través dun microscopio para determinar a especie da que se trata, estudando a estrutura da planta conservada no carbón. Ademais, tamén se buscan restos de graos de pole —as células reprodutoras dalgunhas plantas— que quedaran no terreo e que axudan nas tarefas de identificación; non só das especies da propia zona, senón tamén dos arredores, xa que o pole é transportado polo vento e algúns animais.

Deste xeito, podemos facernos unha idea de como era a vexetación nos últimos momentos do Paleolítico e afirmar, por exemplo, que hai uns once mil anos esta terra estaba dominada por bidueiros e, especialmente, toxos e xestas, formando unha paisaxe aberta. Porén, esta situación inicial sufriu numerosos cambios co paso do tempo. Nun primeiro momento, a humidade e o calor eran as forzas máis determinantes para provocar a expansión dalgunhas especies e a contracción doutras. Co paso do tempo, non só o clima influía nestes procesos, senón que os humanos comezaron a modificar o seu entorno para adaptalo ás súas necesidades, alterando a distribución natural das especies.

As investigacións levadas a cabo en Campo Lameiro revelan que entre o 8.000 a.C. e o 6.000 a.C. tivo lugar unha rápida expansión do carballo, como resultado dun aumento das temperaturas e da humidade. Atopáronse probas de que nesta época houbo incendios —sen poder afirmar claramente se foron de orixe humana ou natural—, aínda que non foron o suficientemente intensos como para provocar unha redución importante da cobertura forestal.

Non é ata chegar ao ano 4.000 a.C. cando aparecen probas que relacionan a actividade humana cos cambios que se producen na vexetación. As sociedades da época provocaron incendios para despexar os bosques e adaptar a terra ao pastoreo animal. Isto fixo que diminuíra o dominio do carballo e que o breixo se expandira. Hai uns cinco mil anos prodúcese outro cambio: o clima vólvese máis frío, o que axuda a incrementar a erosión e a contracción forestal. Esta fraxilidade, unida ao aumento das actividades humanas, fai que esta época sexa un dos períodos máis intensos de cambio ambiental antes da era industrial, segundo afirman os investigadores.

No tránsito das idades de Bronce e Ferro houbo grandes cambios que afectaron á paisaxe

Durante a transición entre a Idade de Bronce e a Idade de Ferro —aproximadamente no 1.000 a.C.— tiveron lugar cambios tecnolóxicos e económicos con consecuencias para a paisaxe. O sistema agrario tornouse máis complexo, e a produción de obxectos metálicos fixo aumentar o uso da madeira como combustible e da contaminación. Ademais, os numerosos asentamentos humanos fixeron que os bosques perderan peso con respecto aos arbustos.

Outro dos grandes procesos de regresión forestal tivo lugar coincidindo coa transición entre o mundo romano e o xermánico, aproximadamente 500 anos d.C. Os romanos gozaran dunhas condicións de temperatura e humidade altas que, ao rematar, complicou a recuperación vexetal despois dos incendios e da deforestación a mans das sociedades humanas. Hoxe, ao achegarnos a este parque arqueolóxico das Rías Baixas, vemos que o que domina son os pinos, xunto cos carballos e os breixos. Os eucaliptos, os toxos e os fieitos foron eliminados da zona, e, trala expropiación de terras levada a cabo a comezos do novo milenio, rematouse coa gandería.

Un lugar sagrado

Campo Lameiro é coñecido polos seus gravados tallados en pedra: numerosos petróglifos enchen as 22 hectáreas que ocupa o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre neste municipio pontevedrés. Estas obras creáronse aproximadamente entre o terceiro e o primeiro milenio antes de Cristo, e pode que coincidan cun momento no que a actividade gandeira se detivo mentres os incendios continuaban a ser abundantes.

Os investigadores traballan cunha hipótese aínda sen confirmar, e é que tal vez a creación dos petróglifos sexa a inauguración dunha especie de santuario. Pode que a zona, a través desas liñas gravadas na pedra se transformara nun lugar sagrado que obrigaba a levar ao gando a outras localizacións e que, polo tanto, influíra tamén na maneira na que evolucionou a vexetación da zona. Pero iso xa é outra historia…

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A borrasca Irene azouta Galicia con refachos de máis de 80 km/h

É unha fronte de alto impacto e A Coruña e Ourense poderán acumular 40 litros en 12 horas

Un ano de eventos climáticos extremos… pero non en Galicia: “Os valores non foron excepcionais”

O físico da USC Gonzalo Míguez Macho sostén que a temperatura promedio será máis alta este ano, pero non de maneira excesiva como noutros puntos de España

Como impactará a borrasca Elisa en Galicia?

Non terá tanta intensidade como Ciarán ou Domingos. O sábado será o día con máis precipitacións

Un río atmosférico pon fin á calor en Galicia: caen as temperaturas e actívase a alerta por chuvia

O clima outonal inaugúrase este venres pola entrada dun centro de baixas presións que baixará as máximas ata sete graos