Biodixestor en Hamilton, Ontario (Canadá).

Biodixestor en Hamilton, Ontario (Canadá).

O pozo negro como futuro enerxético

Unha empresa nacida na Universidade de Santiago busca financiamento para implantar un novedoso sistema de produción

Alejandro Gándara
Daniel García
Facultades de Ciencias da Comunicación e de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela

 

Pouca dúbida hai de que vivimos nun mundo no que todo é, cada día, máis caro. Mesmo os bens máis básicos non escapan á espiral inflacionista que caracteriza as nosas economías. Unha espiral na que brilla con luz propia a factura eléctrica, cuxo espectacular aumento nos últimos anos converteunos nun dos países coa enerxía máis cara de Europa. A explicación? É complexa, mais podemos sinalar como causa principal a voracidade dunhas compañías eléctricas que se empeñan en non deixar caer a súa taxa de beneficios.

Tan cara é a electricidade que mesmo custa vidas, como relataban recentemente cinco bombeiros da área metropolitana de Barcelona, os que denuncian que a maioría dos incendios teñen como causa a pobreza enerxética, que dificulta pagar a factura da luz e o gas. Un problema que xa afecta a sete millóns de persoas en España, segundo un informe publicado o ano pasado pola Asociación de Ciencias Ambientais, e que obriga a moitas persoas a utilizar sistemas pouco seguros para conseguir calefacción.

“Os residuos humanos son toda unha mina”, din os creadores do sistema

No medio deste desolador panorama, Hidrovermi, un proxecto empresarial radicado en Uninova, o viveiro de empresas da Universidade de Santiago de Compostela, pretende traer a Galicia unha tecnoloxía moi sinxela para converter os residuos que producimos as persoas en biogás para o consumo doméstico. Un modelo, din, que representa unha “vía de eficacia e aforro enerxético e á vez un tratamento de salubridade”, e que consideran especialmente adecuado debido ás nosas particulares circunstancias.

Segundo datos do Instituto Galego de Estatística, en Galicia hai máis de 300.000 fogares que non contan cun servizo de sumidoiros. A complicada orografía, así como a dispersión da poboación, dificultan a chegada deste servizo a moitas zonas do rural galego, nas que a solución máis común para o tratamento de augas residuais acostuma a ser a instalación de fosas sépticas, tamén chamadas pozos negros, que proliferan por todo o país.

Hidrovermi 2-1-1

Pablo e Edgar, creadores de Hidrovermi. / Alejandro Gándara

“O saneamento non pode chegar a tódolos lugares”, explica Edgar Romero, licenciado en enxeñería de montes pola Universidade Federal de Matogrosso, Brasil. “Trátase dunha realidade que podemos aproveitar e obter rendemento enerxético dela”. Edgar, boliviano de nacemento, chegou a Santiago no ano 1992 para realizar unha tese doutoral sobre o tratamento de augas residuais, cando coñeceu a Pablo Álvarez, un biólogo uruguaio afincado na capital galega, que tamén estaba a realizar a súa tese. Xuntos levaron un proxecto de cooperación internacional a Bolivia, onde se dedicaron ao tratamento de augas residuais en lagoas de oxidación.

“Pensamos que poderiamos utilizar ese metano procedente das lagoas e por iso decidimos volver aquí en 2010 e crear unha nova empresa chamada Hidrovermi”. Ese mesmo ano presentaron o proxecto a Uninova e gañaron o premio ao “proxecto de sensibilidade ambiental” de Uniemprende. Tamén obtiveron outro no programa Compostela Activa en 2012, mais polo momento non puideron levar a súa idea á práctica. “Tiñamos intención de instalar cinco biodixestores en cinco zonas do rural: unha aldea, unha casa, unha escola, unha explotación gandeira… para poder obter información sobre os diferentes rendementos, pero non atopamos financiamento”.

O modelo usa os materias orgánicos residuais para xerar altas cantidades de metano

O funcionamento do sistema de biodixestores que propón Hidrovermi é o seguinte: todos os materias orgánicos residuais son conducidos a un sistema pechado, sendo biodegradados por bacterias nun proceso anaeróbico (sen osíxeno). O resultado deste proceso é a xeración de altas cantidades de metano, compoñente principal do biogas, que é separado e conducido ao exterior para o seu emprego inmediato. A clave para a produción eficiente de metano é a orixe do material orgánico e o seu potencial metaxénico, no que, segundo Edgar e Pablo, os residuos humanos son toda unha mina.

Este sistema, aseguran, sería beneficioso para o rural galego por diversos aspectos. “Por unha parte podería supoñer un aforro enerxético para moitas familias e explotacións no rural galego”. Tamén axudaría ao mantemento das fosas sépticas, que, de non estar debidamente acondicionadas “poden supoñer unha fonte de infeccións, malos olores e filtracións aos acuíferos e augas superficiais”. Algo que, segundo Manuel Soto, profesor de enxeñaría química e director da Oficina de Medio Ambiente da Universidade da Coruña, xa acontece debido a un “descontrol absoluto” no seu mantemento e a súa construción. En canto aos biodixestores, o catedrático opina que, a nivel particular, os custos de instalación e mantemento destes sistemas complicarían a súa rendibilidade, mais no nivel comunitario a cantidade de residuos debería ser suficiente para superar este problema.

Outros países

“O problema é que non sabemos se poderemos afrontar os riscos que supón un crédito, xa que non sabemos ata que punto é viable, pero si que en outros países xa é unha realidade”. O exemplo máis representativo é Alemaña, que lidera o sector a nivel mundial cuns 6.800 biodixestores en todo o país, a maioría instalados en explotacións agrogandeiras. Tamén hai vilas enteiras que se benefician de sistemas semellantes, como por exemplo na localidade sueca de Motala, onde o lixo orgánico é utilizado nun biodixestor que orixina suficiente biogas para subministrar combustible aos 25 autobuses e os 100 vehículos do parque público municipal. O apoio institucional, mediante subvencións e incentivos fiscais, é un dos motivos principais de que estas iniciativas saíran adiante; un apoio que parece imposible nun país como España, que desde o comezo da crise viu reducida de maneira drástica a súa inversión en enerxías renovables.

Ante esta situación, Pablo e Edgar amósanse pouco esperanzados, a pesar de seguilo intentando. Achacan a súa situación á falta de interese nun modelo enerxético diferente por parte de empresas e institucións, malia que se teñen sentado a falar con Repsol ou o Inega. “Temos que esperar porque polo momento non podemos levar a cabo a nosa idea. Como vou eu quitarche a ti 10 céntimos do teu negocio? Hai que esperar”, afirman. Mentres tanto, o moribundo rural galego podería estar desperdiciando –de novo– unha grande oportunidade.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.