AOca1

Sala de saunas da Unidade de Venres Clínicos. / Emilio Gutiérrez

Cara á cara co monstro: a calor loita coa anorexia

A Universidade de Santiago desenvolve un tratamento experimental único contra o trastorno alimenticio baseado na aplicación de calor

Andrea Oca Facultade de Ciencias da Comunicación
da Universidade de Santiago

 

En pleno Campus Vida de Santiago de Compostela atópase a Facultade de Psicoloxía. As súas paredes, aparentemente normais, albergan unha saída cara á esperanza. Unha saída con perfil de unidade e con nome de día: venres. A Unidade de Venres Clínicos (UVC), creada en 1984, da Universidade de Santiago de Compostela (USC) é o lugar onde se desenvolve un tratamento experimental único tanto en España coma na maior parte do panorama internacional. Todo para vencer ao monstro, que ten un nome ligado ás mulleres. É o monstro da anorexia nerviosa e achou en Santiago ao seu maior inimigo: a aplicación de calor.

Pasaron anos dende investigacións ignoradas como as de William Gull quen, en 1874, introduciu o concepto de anorexia nerviosa e a conveniencia de proporcionar calor externa aos afectados. Emilio Gutiérrez, responsable da UVC, e o seu equipo si viraron a mirada cara o pasado para poder encarar o futuro. Foi así como comezaron as primeiras experimentacións coa calor, a través dun modelo animal. O modelo ABA (Activity-Based Anorexia) está baseado na restrición de alimentación ás ratas, tanto femias como machos, e na actividade destas nunha roda para correr. Tras tanto tempo pasando por alto o efecto da temperatura na anorexia, as ratas permitiron abrir de novo a porta. Cando estaban en movemento na roda, os membros da UVC optaron por subir os graos. O resultado foi esclarecedor. As ratas deixaban de lado o exercicio fatigante para dar paso á inxestión de alimentos. O 100% curábanse grazas ao cambio ambiental mentres que, sen esa subida de temperatura, non conseguían sobrevivir. ¿Por que non ocorrería o mesmo cos humanos? Comezaba a seguinte fase.

Na maioría dos casos, as persoas que padecen anorexia sofren hipotermia

Os profesionais, familias e amigos que están en contacto coa anorexia saben que existe un denominador común. As persoas que padecen anorexia sofren hipotermia debido á falta de alimentos e ao feito de que a xeración máis importante de calor no organismo é a propia dixestión. Conforme aos descubrimentos feitos na Unidade, é esa ausencia de calor á que leva a unha continua actividade física. Igual que no modelo animal, a falta de alimentos vai seguida de exercicio compulsivo. Este feito é o comezo dun círculo vicioso xa que, aparte da desestabilización da temperatura corporal dos perxudicados, entra en xogo o natural impedimento para tomar alimentos xusto despois de practicar deporte. A tecla que solucionou o problema foi á mesma cá do modelo animal. O aumento da temperatura corporal fai que as rapazas (todo mulleres no caso da UVC) con anorexia de tipo nerviosa se sintan máis relaxadas e con mellor actitude fronte a comida. A calor restablece a temperatura correcta e elas empezan a comer.

AOcacalor

Datos recollidos en Utrecht nos que se percibe máis actividade no grupo a menor temperatura.

A temperatura resulta, polo tanto, a clave do proceso. As persoas sas pesan máis no inverno ca no verán. Pola contra, as anoréxicas pesan menos no inverno ca no verán segundo unha investigación realizada en Madrid polo equipo da UVC. Mesmos resultados obtidos por Olaia Carrera, doutora en psicoloxía e membro da Unidade, noutro estudo realizado en Utrecht no ano 2012. Anotou os datos da temperatura ambiental e da actividade das pacientes con anorexia nerviosa. Posteriormente, dividiunas nun grupo frío e nun grupo máis quente. Estas recompilacións botaron por terra a hipótese do hospital implicado, onde se cría que a hormona leptina era a culpable da falta de apetito. Dita hormona é a encargada de detectar as reservas de graxa do organismo e inhibir o desexo de comer. Carrera encontrou que a actividade excesiva só respondía a unha variable: a temperatura. Por que non aumentala artificialmente?

Emilio Gutiérrez confesa a sorpresa levada ao comprobar que ninguén lle dera importancia ao papel das saunas. As saunas permiten influír na temperatura, por iso están presentes nos tratamentos da Unidade. As saunas infravermellas empregadas teñen a posibilidade de axustar a temperatura inicial e final de cada sesión. A calor frea o exceso de actividade e favorece a inxestión de comida. Esta é a base das accións que se levan a cabo na UVC. É un servizo privado que se financia coa contribución dos pacientes e dos profesionais que acoden a formarse. Este tratamento é único e, a nivel nacional, non se aplica. A escala internacional só se utiliza como rutina en Vancouver. No resto, os tratamentos farmacolóxicos e psicolóxicos predominan. Respecto aos primeiros, Gutiérrez asegura que non hai consecuencias positivas. En cambio, esta entidade de psicoloxía mostra resultados evidentes que fan cambiar a maneira de concibir a actividade constante ligada á enfermidade. Non correspondería ao anhelo de queimar calorías senón de quentarse.

As saunas, que permiten influír na temperatura, están presentes nos tratamentos

No artigo Hyperactivity in Anorexia Nervosa: Warming Up Not Just Burning-Off Calories (2012), o equipo da Unidade recorre á latitude nas súas argumentacións. Danse menos casos de anorexia nerviosa nos países tropicais ca nos lugares cunha latitude entre 40º e 60º, onde a temperatura é máis baixa. Confírmase a distribución xeográfica desigual coa temperatura como causa. Este punto cambia o enfoque, deixando de lado as teorías que acusan aos ideais de beleza. Gutiérrez insiste en que a anorexia nerviosa sobreviviu a diferentes sociedades con culturas variadas e formúlase a pregunta de por que entre todas as persoas que fan dieta só algunhas sofren este mal. A resposta non recae na moda nin tampouco nos canons de beleza, máis ben na bioloxía.

A busca de respostas non resulta fácil. O proceso é lento e o número de participantes no tratamento non é elevado, tres neste momento. As melloras chegan arredor dos tres meses tras o comezo. O carácter experimental fai que a investigación non cese. Actualmente, xira entorno á fabricación de chalecos térmicos mediante nanotecnoloxía para conseguir quentar sen necesidade de empregar outros aparatos. Por outra banda, tamén se aspira a desenvolver un ensaio clínico co obxectivo de establecer o aumento de temperatura como substituto dos medicamentos. Ademais, a calor tamén fai que non sexa necesario comer máis cantidade de alimentos que unha persoa sa para poder engordar, o cal diminúe o sufrimento. Un sufrimento que impide vivir con normalidade, un sufrimento sen tregua. Pero coa plataforma de psicoloxía da USC como rival. Quizais, nun futuro, a anorexia nerviosa deixe de atemorizar e de invadir vidas que non lle pertencen.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.