ciencia que conta

O certame ‘Ciencia que Conta’ entrega os seus premios tras recibir 161 relatos escolares

A oitava edición do concurso de relatos científicos Ciencia Que Conta recibiu 161 textos de escolares de toda Galicia. Este sábado 7 de maio coñeceranse os gañadores nunha gala que terá lugar na Fundación Barrié de Vigo a partir das 17.00 horas. O certame busca os mellores relatos curtos relacionados coa ciencia, para poñer en valor a importancia da I+D+i no desenvolvemento económico e no benestar da sociedade, acadando así un maior recoñecemento social para estas actividades, así como un achegamento das novas xeracións ao traballo de científicos e tecnólogos. O certame está organizado polo Grupo Divulgatia, nado a partir do Grupo de Investigación Novos Materias da Universidade de Vigo, co apoio de educaBarrié, Ingenyus, a Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica e a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo.

Dos 161 relatos recibidos, a categoría de Secundaria foi a que tivo unha participación máis numerosa, chegando aos 108 relatos. Outros 38 foron escritos por estudantes de Primaria, cinco por alumnos e alumnas de Bacharelato e dez enviados por participantes non escolares.

A participación en Educación Secundaria foi a máis numerosa, con 108 relatos

Na categoría xeral os premiados foron Bettiana Hidalgo, por O amor xorde en todas partes; José Ricardo Soto, por Non molestes aos meus círculos e Paula Xirasola, con O xenio que non foi figura. En Bacharelato os galardoados son Claudia Vega,do IES Xesús Taboada Chivite de Verín por Agarimos esquecibles e Mar Sola, do IES Politécnico de Vigo por Ondiñas do mar de Vigo. En Secundaria os galardóns son para Alba Vicente, do IES Félix Muriel de Rianxo por Nunca te rindas; Iria Freire, do IES Xulián Magariños de Negreira co relato A vida dende o principio; Manuel Francisco Lamela, do Instituto Basanta Silva de Vilalba por A ombros de xigantes; María Ramilo, do Colexio Miralba de Vigo con A Penicilina e Pedro Martín Suárez do Liceo de Nueva Helvecia (Uruguai) por Un excelente descubrimento. Finalmente, na categoría de Primaria os relatos premiados son Crónicas dunha pinga, de Anxo Vázquez, do CPR Plurilingüe Salesianos da Coruña; Un científico ao meu carón, de Bruno Rodríguez, do CEIP De Foz Nº1; O doador doado, de Lucas López, estudantes do CEIP de Ponte Sampaio; A nena á que non lle deixaron escribir poesías, de Pablo Antonio Chas e Magnetismo Diario, de Paula Romero, ambos da Escola Rosalía de Castro de Vigo.

Os premiados recibirán as súas distincións nunha gala de entrega de premios que estará dirixida durante a súa primeira hora polo locutor Manuel Vicente que gravará o seu programa Efervesciencia que se emite na Radio Galega. Durante o programa farase unha recreación dos relatos gañadores en cada unha das categorías, así como entrevistas aos participantes. O acto pecharase coa representación da obra teatral Non toques os meus círculos de Artello Teatro. Segundo a lenda, as palabras que dan título á obra foron as últimas pronunciadas por Arquímedes de Siracusa antes de morrer a mans dun soldado romano, no 212 aC. A peza conta a historia dun científico despedido do seu traballo nunha universidade que se reinventa partindo da máxima do profeta: “se a xente non vai á física, a física terá que ir á xente”. Esta obra, recomendada a partir de 10 anos, presenta un escenario de reflexión en clave de humor, unha peza enxeñosa e divertida, sobre a difícil relación entre ciencia e poder, realizando ademais un percorrido pola figura de Arquímedes, os seus inventos e descubrimentos.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.