Crías de lobo duns catro meses e medio. Fotos: Pedro Alonso / Juan Villar.

Crías de lobo duns catro meses e medio. Fotos: Pedro Alonso / Juan Villar.

A raia galego-portuguesa consolídase como un dos refuxios dos lobos en Europa

Un estudo do biólogo Pedro Alonso publicado na revista Cerna, de Adega, conclúe que habitan en Galicia uns 70 grupos

A situación do lobo en Galicia é “tendente á estabilidade”, segundo indica Pedro Alonso, biólogo e experto no Canis lupus, no último número da revista Cerna, que vén de publicar a asociación ecoloxista Adega. O estudo, titulado O lobo na península Ibérica: situación actual e perspectivas de conservación, apunta que no territorio galego hai, na actualidade, entre 70 e 80 grupos localizados. A partir do resumo dos estudos realizados a nivel estatal, Alonso tamén conclúe que a raia entre Galicia e Portugal, sobre todo na zona da Serra do Xurés, é o lugar onde o lobo encontra “as mellores condicións de supervivencia e onde alcanza valores de densidade dos máis altos de Europa”. Estímase que nestes territorios arraianos habitan uns 20 grupos familiares.

Galicia é a segunda comunidade con maior número de lobos, por detrás de Castela e León

Galicia é a segunda comunidade con maior número de lobos, por detrás de Castela e León

Aínda que a estimación de 77 parellas que se fai no último censo estatal supón unha redución importante respecto ás 100 censadas no ano 1988, o autor apunta que esta estima foi “pouco rigorosa”. Alonso lembra que “partindo de 71 grupos localizados e considerando a cobertura territorial deficiente, estimouse que a poboación real sería un 30-50% superior, cifrando en 100 puntos de cría o censo para toda Galiza. Considerar a situación, neste sentido, como tendente á estabilidade, parece o máis prudente”.

Con todo, a situación en Galicia é relativamente boa. É a segunda comunidade autónoma en número de grupos familiares, só superada por Castela e León (163), e cunha ampla distancia sobre a terceira rexión, Asturias, que actualmente ten preto de trinta familias censadas.

O autor insiste na necesidade de deseñar políticas que consigan un “desenvolvemento harmónico” do medio rural

Ante os recurrentes conflitos e polémicas que xurden arredor da figura deste mamífero, o artigo incide na necesidade de mellorar as políticas de xestión do medio rural, para conseguir un “desenvolvemento harmónico” que integre a defensa do hábitat natural do lobo e a protección das actividades económicas que se realizan no rural e reforce a convivencia entre estas diferentes sensibilidades. O autor propón, entre outras actuacións, “o o apoio ás medidas preventivas e protectoras da gandaría extensiva, a planificación e ordenación dos aproveitamentos e usos produtivos en espazos naturais de grande valor para a conservación do lobo, o pagamento xusto e en tempo dos danos producidos, programas de sensibilización e educación ambiental no mundo rural e melloras complementarias para a integración e consolidación da poboación no medio rural”.

Nese punto, Pedro Alonso reflexiona sobre “a vaga de simpatía urbana que envolve o lobo, empoleirado á categoría de novo mito nunha sociedade urbana carente de valores”. Engade o biólogo que “a pretensión unilateral de reducir o conflito a unha cuestión económica, desprezando a vertente emocional do colectivo humano afectado, é tan irresponsábel como concibir un mundo non finito para os nosos lobos”. Alonso conclúe que o desafío deberá solucionarse “a través do diálogo”.

Unha resposta a “A raia galego-portuguesa consolídase como un dos refuxios dos lobos en Europa”

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.