Venres 26 Abril 2024

Os fogares galegos, entre os menos vulnerables á pobreza enerxética

Galicia é unha das tres comunidades autónomas con menor risco de vulnerabilidade dos seus fogares ante a pobreza enerxética. Así se desprende do informe anual ‘Pobreza Energética en España. Análisis económico y propuestas de actuación’, presentado hoxe polo centro de investigación Economics for Energy.
O estudo pon de manifesto que o aumento da fenda entre rendas altas e baixas durante a crise económica triplicou o número de familias españolas en situación de pobreza enerxética en seis anos, afectando a un de cada dez fogares. En concreto, pasouse dun 3,60% de fogares con carencias enerxéticas no ano 2007 a un 9,88% en 2013, o que se traduce en 1,8 millóns de familias. Ó aumento da pobreza xeral hai que “engadir como agravante o considerable aumento dos prezos da enerxía“, apuntan os autores do informe. “Entre 2007 e 2014, a factura eléctrica dun fogar medio en España incrementouse un 76% e a de gas natural un 35% no mesmo período, tanto polo afloramento de custos como pola inclusión na tarifa de conceptos derivados de políticas varias”, engaden.
Os resultados da análise sitúan a País Vasco (4,93%), Castilla y León (5,77%), La Rioja (6,18%) e Galicia (6,22%) como as comunidades autónomas con menor pobreza enerxética. No lado oposto atópanse Melilla (23,4%), Ceuta (16,58%), Canarias (15,09%), Andalucía (15,05%) e Murcia (14,59%).
Por outra banda, as autonomías cunha maior porcentaxe de fogares que non son pobres economicamente pero si enerxeticamente son Madrid, País Vasco, Baleares, Cataluña e Navarra, mentres que as que teñen menor porcentaxe son Melilla, Ceuta, Aragón, Extremadura e Andalucía.

Pobreza enerxética por comunidades autónomas
Fonte: Economics for Energy.

Vulnerabilidade

Unha vez definidos e calculados os distintos indicadores de pobreza enerxética, é dicir, a incidencia do problema, os autores identificaron por comunidades autónomas os fogares máis vulnerables a esta situación, guiados por unha serie factores que provocan que se poda chegar a unha situación de pobreza enerxética: tipo de fogar, tipo de vivenda, antigüidade, réxime de posesión, fonte de enerxía para a calefacción, ocupación do sustentador principal e a súa situación laboral e nivel educativo, a comunidade autónoma, a zona de residencia do fogar, o número de membros menores de 14 anos e maiores de 65, ademais dunha variable que indica se o consumo de enerxía do hogar é moi reducido

Publicidade

Galegos, asturianos e vascos son os que menos risco corren de caer na pobreza enerxética

Tomando como base Madrid, os investigadores concluíron que existe unha menor probabilidade de pobreza enerxética en Asturias, Galicia e País Vasco, mentres que no polo oposto se sitúa Castilla-La Mancha. No resto de autonomías non atoparon diferenzas significativas, como tampouco entre os fogares ubicados en zonas urbanas con respecto ós de zonas rurais.
“Como resumo, pódese sinalar que fogares con baixos ingresos (e baixos consumos enerxéticos), con membros menores ó seu cargo e con inestabilidade laboral dos seus sustentadores, son os máis vulnerables á aparición de situacións de pobreza enerxética e, por tanto, en caso de deseñar accións específicas, serían os prioritarios a tratar”, sentezan os autores do informe.

Propostas de actuación

A substitución do actual bono social por unha subvención económica de contía fixa financiada con fondos públicos, destinada ós fogares máis vulnerables e válida para o consumo de todo tipo de enerxía –non só para a eléctrica– é a principal recomendación que se formula no documento para paliar o problema. Tamén se plantexan outras medidas de apoio, como as de fomento da eficiencia enerxética e información ou que as tarifas enerxéticas recollan fielmente todos os seus custos e se exclúan os que non teñen relación directa con estas.
O informe propón ademais unha revisión dos indicadores utilizados tradicionalmente para medir a incapacidade das familias para facer fronte ós custos das súas necesidades enerxéticas básicas –de maneira que contemplen a renda ademais do consumo– para que a orientación das axudas teña como base un escenario axustado á realidade e adaptado ós fogares máis vulnerables.

Xavier Labandeira (esq.) e Pedro Linares, directores de Economics for Energy
Xavier Labandeira (esq.) e Pedro Linares, directores de Economics for Energy.

Nesa liña, o equipo responsable do estudo concluíu que ademais de determinar que é importante contemplar o nivel de renda a maiores do consumo, é necesario considerar que os indicadores absolutos funcionan mellor que os relativos (baseados na comparación coa situación doutros fogares) e que é imprescindible analizar en profundidade os resultados para tentar aillar os falsos positivos e negativos. Así, poñen de manifiesto as “limitacións do indicador máis común en Europa para medir a pobreza enerxética”, din, o denominado umbral do 10%, que considera que un fogar se atopa nesta situación cando os seus gastos de enerxía superan o 10% do total dos seus ingresos. “A ausencia de filtros por nivel de renda e consumo dos fogares fai que os falsos positivos sexan inevitables, xa que pode haber familias situadas nos segmentos máis altos de renda que, por un consumo excesivo de enerxía, podan aparecer como pobres enerxéticos”, aclaran os investigadores.
Por todo isto, defenden que, se ben con certas limitacións, o estándar mínimo de ingresos (MIS, de minimum income standard) é o que “reflicte de maneira más axeitada a realidade da pobreza enerxética”. Este concepto defínese como a renda precisa para dispoñer das oportunidades necesarias para participar na sociedade, é dicir, para non estar en situación de exclusión social.
O estudo encontra ademais diverxencias entre os distintos indicadores de pobreza xeral e de pobreza enerxética, tanto a nivel agregado como por comunidades autónomas, “o que podería confirmar o interese de analizar a pobreza enerxética como un problema específico, non totalmente asimilable á pobreza xeral”, explican.
O informe ‘Pobreza Energética en España. Análisis económico y propuestas de actuación’ foi preparado por José Carlos Romero (Instituto de Investigación Tecnológica, Universidad Pontificia Comillas), Pedro Linares (Economics for Energy e Instituto de Investigación Tecnológica) e Xiral López Otero (Economics for Energy e Universidade de Vigo). A súa elaboración contou coa axuda de Xavier Labandeira e Alicia Pérez Alonso, de Economics for Energy e Universidade de Vigo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Inmaculada Rodríguez: “Antes faciamos empresas de parafusos, agora de ciencia e tecnoloxía”

A directora xeral de Unirisco reclama dar o salto da investigación á empresa nas xornadas 'Investir en Ciencia si é rendible’, que organiza xunto a Noso Capital

Galicia lidera o debate sobre a rendibilidade da ciencia da man de Unirisco

Universidades europeas e centros de investigación analizarán en Santiago o impacto das tecnoloxías disruptivas e a importancia de crear ecosistemas emprendedores

Baterías con selo galego: así serán as futuras tomas de corrente transportables

Os equipos enerxéticos de Enercraft están fabricados con electrónica feita en Galicia

EEUU confirma o logro da fusión nuclear: “Simulamos unha estrela. Fixemos historia”

O Departamento de Enerxía dos EE.UU. logra, por primeira vez, que unha proba de fusión nuclear consiga producir máis enerxía da que consome