Enercraft é unha empresa de enxeñería especializada no desenvolvemento, fabricación e comercialización de equipos enerxéticos, baterías e sistemas de acumulación de enerxía con capacidade de arranque de motores e máquinas. Comezou fabricando baterías para aviación, con todo, decidiu cambiar o rumbo e conquistar outros territorios. Na actualidade deseñan equipos portátiles en formato maleta para a asistencia de enerxía en calquera lugar. Por exemplo, para cargar drones, que son vehículos eléctricos con gasolina, algo “incoherente” para o director desta empresa, Alberto Jurjo.
“Cargaremos os drones con baterías e non con gasolina. Así facemos un uso correcto da enerxía“, explica. O traballo, que prevé que estea rematado a finais de ano, suporía un cambio importante para a compañía: de facer baterías de soporte en terra a fabricar baterías en drones. Para o director é un “salto importante”. “Démonos de conta de que todos os nosos productos estaban orientados á aviación. Foi un punto de inflexión pensar en que outro tipo de produtos podemos facer”, alega.
As baterías que desenvolven poderán empregarse dende en vehículos eléctricos a barcos. O seu obxectivo é deseñar uns equipos moi pequenos, portátiles, en formato maleta que sexan fáciles de transportar. Son substitutivos a grupos electrónicos naturais, unha alternativa que serve como toma de corrente dende calquera lugar para conectar un dispositivo, iluminación, ferramentas… Algo que se pode converter en indispensable para os equipos de emerxencias.
Electrónica feita en Galicia
Para o director de Enercraft, un dos elementos máis importantes da empresa é a fabricación en exclusiva da electrónica en Galicia. É dicir, non compran a fabricantes externos as placas comerciais. A electrónica é personalizada a cada produto a diferencia, explica Jurjo, do resto de empresas. “Temos unha parte de innovación bastante grande. Controlamos todo o que entra e sae da batería”, alega. Seleccionan, por exemplo, un litio moi común para deseñar as súas baterías híbridas.
“Son baterías que van ser utilizadas para arrancar motores e van pedir no inicio moita enerxía. A diferencia doutros competidores, que empregan litios perigosos, o que conseguimos é entregar a enerxía durante os primeiros segundos e protexer á vez as nosas baterías. Funcionan cando pasa o pico, e conseguimos completar ese ciclo de arranque”, alega. O litio inestable -aquel comercial e que non está feito para cada produto- está presente tamén en autobuses, teléfonos, patinetes e poden explotar. “Por iso é tan importante seleccionalo e controlar a electrónica para evitar ter un produto perigososo”, comenta Jurjo.
Enercraft está activa dende 2016 e en Galicia dende 2020. Comezou en Arxentina e en 2018 os dous socios decidiron mover a empresa a Canadá. Jurjo conta ademais que por temas comerciais era moi complicado vender produtos en Arxentina, polo que abriron a empresa en Ontario cun socio local. Dende aí comezaron as exportacións internacionais, pero coa chegada da pandemia tiveron que pechar a empresa. Non había aviación. Decidiron entón regresar a Galicia. Albero Jurjo é de Cambados (Pontevedra) e, por terceira vez, decidiu comezar de cero.
Conta que foi moi complicado e, valla a redundancia, comenta que “fixo falta invertir moita enerxía”. Xa van facer tres anos en Galicia e están asentados no polígono empresarial de Barro (Pontevedra), actualmente ocupados nun proceso de selección de socios e inversores para continuar contratando persoal. A pandemia cambioulles a maneira de mirar o negocio e ampliaron os seus horizontes. E case que xa poden asegurar que os seus produtos viaxan por terra, mar e aire.