Venres 26 Abril 2024

Descobren en Ourense novas pinturas rupestres do Neolítico

“Representacións en tinta plana de cor vermella integrables dentro da denominada tradición de arte esquemática pintada e que poderían ser obra das primeiras sociedades agro-pastorís do Neolítico”. Con estas palabras Beatriz Comendador, profesora da Área de Prehistoria e investigadora do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (Geaat) da Universidade de Vigo, fai unha primeira descrición da pintura rupestre atopada recentemente en Vilardevós.

Beatriz Comendador e Lara Bacelar.
Beatriz Comendador e Lara Bacelar.

Segundo explica Beatriz Comendador no marco do estudo deste achado, o 22 de outubro de 2017 “dous amantes da arqueoloxía da bisbarra de Monterrei, Bruno Rúa e José Luis Lozano, identificaron nun penedo motivos que non lles pareceron naturais”, dando aviso a esta profesora, coa que tiñan colaborado en diversas actuacións arqueolóxicas na comarca.

Publicidade

Unha vez visitado o lugar, Comendador identificou as pinturas e informou ao Servizo de Arqueoloxía da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, visitando posteriormente o lugar coa arqueóloga da delegación de Ourense e con Lara Bacelar Alves, especialista en arte rupestre e investigadora da Universidade de Coimbra, en Portugal, sendo identificados novos motivos.

“A pintura é unha das primeiras manifestacións deste tipo atopadas en Galicia, xa que ata o de agora non se tiña identificado arte esquemática pintada na provincia de Ourense”, explica Beatriz Comendador. Trátase, apunta, de restos de pintura vermella sobre un penedo cuarcítico, algúns deles dificilmente visibles a simple vista. Os motivos mellor conservados, indica, son dixitacións de cor vermella que presentan unha óptima definición co tratamento fotográfico, habendo tamén outros elementos menos evidentes que deberán ser rexistrados con máis pormenor. “É preciso un labor de equipo para facer unha limpeza adecuada das superficies e facer o rexistro das pinturas con metodoloxías axeitadas, polo que sería fundamental poder desenvolver un proxecto con financiación específica para o seu estudo e protección”, comenta a arqueóloga.

As pinturas foron atopadas en Vilardevós en outubro por dous arqueólogos

O carácter das manifestacións pictóricas e o potencial do lugar, detalla, tamén foi corroborado por Fernando Carrera, profesor da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia e experto en pintura prehistórica.

Beatriz Comendador destaca a “gran relevancia científica” das pinturas atopadas “sen necesidade de comparalas con outras”. “Cada achado é singular e ten a súa propia relevancia. Pero tamén son enormemente fráxiles porque están ao aire libre”, advirte a docente. Por este motivo, indica, non se desvelará a localización exacta do achado ata tratar o seu rexistro, conservación e posta en valor co obxectivo de preservalo de posibles danos.

Á hora de valorar a relevancia do abrigo con pintura rupestre prehistórica atopado, a profesora da Facultade de Historia do campus de Ourense sinala que se debe ter en conta como a contorna na que apareceu “ten potencial para o achado de novas pinturas e o propio lugar para a realización de sondaxes arqueolóxicas que poderían informar sobre os grupos humanos autores destes sinais na paisaxe”.

Pinturas rupestres do Neolítico atopadas en Vilardevós
Pinturas rupestres do Neolítico atopadas en Vilardevós

A zona do val do Támega, comenta, “é moi importante porque se sitúa na fronteira natural entre a gran rexión bioclimática atlántica e a rexión bioclimática mediterránea, pola que preferentemente se expande a tradición de arte esquemática pintada en Europa Occidental, lectura feita de acordo coa nova abordaxe na investigación dos contextos da arte prehistórica no noroeste peninsular que desenvolvemos”. Dadas as súas características e a proximidade doutras estacións con arte rupestre nas áreas raianas, engade, “era previsible que aparecera pintura tarde ou cedo. E aparecerá máis”.

“Algúns proxectos anteriores que abordamos na zona, como o Proxecto Urdiñeira (2009), xa incluíron a prospección de abrigos e penedos para a localización de pintura esquemática, dado o alto potencial da zona suroriental galega”, lembra a arqueóloga. A presenza, engade, doutras estacións portuguesas ao outro lado da fronteira, así como as zamoranas da zona da Serra da Culebra, da zona do Bierzo ou mesmo as de Asturias, “resulta fundamental para comprender estas manifestacións na área raiana”.

vila3

Estes aspectos están sendo obxecto dun estudo integrado por parte da propia Beatriz Comendador e de Lara Bacelar, estudo que foi presentado o pasado mes de decembro no ciclo de conferencias No limiar das artes: encrucillada de tradicións rupestres, organizado polo Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio.

“Dende hai algúns anos traballo conxuntamente coa doutora Lara Bacelar, especialista en arte holocénica e investigadora integrada no Centro de Estudos em Arqueologia, Artes e Ciências do Património da Universidade de Coimbra, sobre as características da pintura esquemática na periferia de Galicia, especialmente en termos de localización e emprazamento, co obxectivo de acadar unha visión integrada dos territorios fronteirizos e de recuperar a perspectiva de atopala nalgúns territorios potencialmente interesantes, para o que temos revisados varios conxuntos da contorna: en Trás-os-Montes, Zamora e os conxuntos do Bierzo (León) e Asturias”, indica Beatriz Comendador. Nesta liña de traballo enmárcase agora o estudo do abrigo identificado en Vilardevós.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas

A falsa endemia de malaria e outros intentos para desecar a lagoa de Antela

A partir do século XVIII a zona húmida foi considerada inimiga da agricultura. Os veciños intentaron evitar o desaugamento das terras que utilizaban para o pastoreo