Xoves 2 Maio 2024

10 razóns a favor e 10 en contra de que Hitler estivo en Galicia

O 30 de abril de 1945, Adolf Hitler suicídase no seu búnker de Berlín, xunto á súa compañeira, Eva Braun. Cianuro e un disparo da súa pistola rematan coa súa vida. O seu corpo é incinerado nun patio. E, a partires de aquí, comezan a desatarse as especulacións, que chegan ata hoxe. A canle de televisión estadounidense History Channel vén de estrear a serie documental ‘Hunting Hitler’, que apunta a que o Führer fuxiu do seu búnker e se refuxiou en Galicia. Os investigadores gravaron no verán de 2015 na Coruña, en Vigo e no mosteiro de Samos, onde especulan que puido residir Hitler baixo unha identidade falsa.

Nunha reportaxe de Historias GC damos todos os datos sobre esta nova teoría de Hitler en Galicia. E velaiquí están as claves para comprender o debate. Primeiro, unha manchea de razóns para desbotar que Hitler sobrevivise ao búnker de Berlín. E, polo tanto, non estivo en Galicia. E, tras delas, outra chea de razóns empregadas para sementar as dúbidas dos partidarios da teoría da conspiración.

Publicidade

Soldados rusos desmontan un símbolo nazi en Berlín.
Soldados rusos desmontan un símbolo nazi en Berlín.

Dez razóns polas que Hitler non se refuxiou en Galicia

A Secretaria:

A película ‘O afundimento’ narra os derradeiros días de Hitler dende a visión da súa secretaria persoal. Esa muller, Traudel Junge, viviría ata 2002 para narrar o final do Reich. Contratada en 1942 para traballar na cancillería, Junge entrou no círculo íntimo do Führer, e tamén se gañou a confianza de Eva Braun e de Magda Goebbels, coas que compartiu o inferno de Berlín en 1945. En 2001, con 81 anos, publicou un libro ‘Ata a hora final’, que relata a súa experiencia, incluído o suicidio da familia Goebbels ao completo e o do matrimonio Hitler. Non hai lugar para as dúbidas.

A ‘ética’ de Hitler

Falar de ‘ética’ en Hitler pode soar raro. Pero, mesmo dentro da súa mente criminal, tiña a súa propia escala de valores. E a fuxida non encaixa na súa personalidade, pois el cría no suicidio como cuestión de honra. Tras a catástrofe de Stalingrado, o mariscal Von Paulus, xefe do Sexto Exército, decidiu renderse  aos rusos. O Führer montou en cólera: “Non chego a comprender que alguén coma el non prefira a morte”, berrou ante o seu Estado Maior, “esa clase de xente dilúe o heroísmo de moitos miles de homes. Unha muller pode pegarse un tiro e un soldado é incapaz! De verdade que non o comprendo. Un tipo así, sen agallas, ensucia a heroica reputación de todos os outros?

Traudl Junge con Hitler.
Traudl Junge con Hitler.

O medo para ser capturado

O que máis temía Hitler era ser capturado polos soviéticos. Sobre todo, tras coñecer que o cadáver espido de Mussolini foi colgado dunha gasolineira de Milán, entre cuspes e pedras dos italianos. Tras recibir a nova,  Hitler preguntou ao seu médico persoal se o cianuro sería dabondo para morrer. Aínda que este lle asegurou que morrería con toda seguridade, decidiu engadir á receita un disparo da súa pistola. E deu ao seu asistente instrucións precisas para ser incinerado.

Rochus Misch

O 5 de setembro de 2013 morreu aos 96 anos Rochus Misch, quen asistiu ao suicidio do Führer. Adscrito á súa garda persoal, foi o derradeiro soldado en abandonar o búnker, o 2 de maio de 1945. Tamén foi o derradeiro home en falar co ministro de Propaganda, Joseph Goebbels, antes de que se quitase a vida. O historiador Antony Beevor, autor de ‘Berlín: A caída’, entrevistouno e narrou como o cadáver de Hitler non obtivo o respecto apetecido. Antes de pegarlle lume á pira para incinerar o corpo, un soldado roubou o seu reloxo. E, mentres ardía, Misch baixou de volta ao búnker para avisar a un compañeiro que atendía a radio: “O xefe está a arder, queres subir e botarlle unha ollada?”

Como saír do búnker?

No nadal de 1944, por Berlín circulaba un chiste: “Sexa práctico: Regale un cadaleito”. Os alemáns sabían que a derrota era cuestión de meses. E o 30 de abril de 1945, cando se suicida Hitler, o Exército Vermello está xa en cada esquina. Berlín é unha cidade reducida a cinzas. Como se supón que ía poder o führer romper o cerco para fuxir? Escapar era imposible.

A mandíbula

Existen restos de Hitler: A mandíbula e un anaco de cranio cun buraco de bala. Polo menos, isto sostén Rusia oficialmente. O arquivo do FSB (antiga KGB) conserva ambas as pezas e o seu director, o xeneral Yuri Jristofórov, confirmouno en decembro de 2009. Semella que os cadáveres de Hitler e Eva Braun non se incineraron por completo. Os restos a medio queimar foron achados catro días despois por un soldado, Iván Churakov. Stalin ordenou en 1946 enterralos na base soviética de Magedeburgo. Finalmente, o xefe da KGB, Yuri Andrópov, mandou exhumar os restos e incineralos. As cinzas foron botadas a un río. Antes, foron enviados a Moscova o anaco de cranio e unha mandíbula. Pero unha produtora americana de televisión, Hoggard Films, dixo roubar esquirlas destes ósos e, tras analizalas na Universidade de Connecticut, determinaron que non eran de Hitler. Con isto, rodouse un exitoso documental. O caso soa aínda máis rocambolesco que a versión oficial.

Supostos restos da mandíbula de Hitler.
Supostos restos da mandíbula de Hitler.

A foto

Os soviéticos fixeron ademais unha foto aos restos de Hitler e Eva Braun. Isto foi coñecido a finais do século XX. A imaxe demostraría que Hitler morreu no búnker.

O anel do Nibelungo

Admirador de Wagner, Hitler quería un final grandioso. Testemuños dos seus colaboradores afirman que desexaba morrer en Berlín. “Quería o seu Götterdämmerung, a súa caída dos deuses”, explica o historiador Antony Beevor, citando a saga ‘O anel do Nibelungo’.

Fuxir deixando morrer a outros

Tampouco encaixa na personalidade de Hitler unha fuxida do búnker de Berlín deixando atrás aos seus máis fieis colaboradores, permitindo o seu suicidio. Así aconteceu con Martin Bormann, xunto a Joseph Goebbels coa súa esposa e os seus seis fillos. Só hai que pensar na reacción de Hitler, o desprezo que expresou polo que consideraba unha covardía do xeneral Von Paulus ao renderse aos soviéticos en Stalingrado. Non é crible que fuxise tras do suicidio dos últimos cadros do Reich que lle acompañaban.

Teorías aventuradas

Curiosamente, o que máis reforza que Hitler morreu no búnker de Berlín é o aventurado das teorías conspirativas sobre a súa fuxida. Un recente libro asegura que fuxiu polo porto de Vigo cara a Arxentina, a bordo dun submarino. Por que un submarino? Ninguén o explica. Porque o certo é que Hitler puido viaxar nun cómodo e moderno transatlántico, como outras ducias de criminais nazis que fuxiron desde Vigo con identidade falsa. Un submarino, ao termo da contenda, era moito máis perigoso e doado de detectar. Ademais, as testemuñas da segunda vida do Führer sempre son misteriosas, narran detalles moi xerais ou piden o anonimato. Non hai ningunha proba. Mesmo ao remate da II Guerra Mundial foi moi popular a andrómena de que Hitler e os xerarcas nazis seguían vivindo nunha base na Antártida. Cando menos din que Elvis Presley buscou unha illa de clima máis benigno.

Entrada ao búnker de Hitler en Berlín.
Entrada ao búnker de Hitler en Berlín.

10 razóns para a teoría da conspiración

Para a teoría da conspiración hai un bo puñado de sombras que lles fan sospeitar que Hitler sobreviviu ao búnker de Berlín. Pero ninguén atopou nin unha soa proba.

O corpo

Mussolini morreu dous días antes que Hitler. O seu cadáver foi exposto ao público, colgado dunha gasolineira en Milán. Pero co Führer non houbo corpo. A súa obsesión era non ser capturado polos soviéticos de ningún xeito e optou pola cremación tras o suicidio. A ausencia dun cadáver é un motor que alimenta a teoría conspirativa.

Os soviéticos

Os soviéticos buscaron o cadáver de Hitler. Pero Stalin ordenou un absoluto segredo. Ademais, rexeitaron colaborar cos aliados neste asunto. E, máis tarde, pasaron a sementar a confusión. O 5 de xuño xa identificaran restos do corpo de Hitler e tiñan entrevistado a testemuñas directas do seu final. E así llo fixeron saber ese día nunha reunión en Berlín a membros do Estado Maior de Eisenhower. Pero logo cambiaron a súa versión. O 9 de xuño, nunha comparecencia de prensa, o mariscal Zhúkov incendiou a teoría da conspiración ao declarar que nada sabían de Hitler e que puido escapar a algún lugar de Europa, probablemente á España de Franco. Desde ese momento, a Unión Soviética considerou segredo o caso e non volveu informar sobre o cadáver de Hitler.

Gráfico promocional de 'Hunting Hitler', a serie documental de History Channel.
Gráfico promocional de ‘Hunting Hitler’, a serie documental de History Channel.

O FBI

Mentres os rusos xogaban coa desinformación, os americanos desesperaban. Na serie ‘Hunting Hitler’, de History Channel, citan documentos asinados polo director do FBI, Edgar J. Hoover, con sospeitas gravísimas. Forman parte de 700 papeis secretos desclasificados por Washington en 2014. Hoover afirma: “Os oficiais do exército estadounidense en Alemaña non localizaron o corpo de Hitler nin hai ningunha fonte fiable que poida dicir sen dúbidas que Hitler está morto”. E engade “Existe a posibilidade de que estea vivo”. Segundo History, nestes documentos tamén aparecen operacións secretas en Arxentina e Paraguai para tentar localizar a un hipotético Hitler como refuxiado. No escurantismo soviético e na obsesión dos Estados Unidos hai que saber ler o contexto da Guerra Fría, na que a desinformación era un arma moi valiosa.

O Comisariado do Pobo

Os soviéticos encargaron a busca de Hitler a un destacamento especial do NKVD chegado a Berlín o 29 de abril.  Eran membros do célebre Comisariado do Pobo para Asuntos Internos, que tras moitas voltas sería un dos xermes da KGB. Estes tipos sabían buscar información, por calquera medio. E atoparon a Hitler. Como moi tarde os seus restos foran localizados o 9 de maio, xa que ese día lles amosaron unha caixa de puros que contiña unha mandíbula e dúas pontes dentais a Fritz Etchmann, un mecánico dental que traballara para Johann Hugo Blaschke, o odontólogo de Hitler desde 1938. Etchmann identificou as pontes como pertencentes a Hitler e Eva Braun. Ademais, interrogaron a testemuñas directas da morte do Führer. Pero toda esta información non foi transmitida aos Estados Unidos, que seguían a buscar a Hitler pola súa conta.

A confirmación

Os soviéticos tardaron dez anos en confirmar a morte de Hitler. Fixérono en 1955, aínda que case non achegaron probas, salvo detalles odontolóxicos que relacionaron coa mandíbula conseguida. Tanto atraso botou aínda máis lume a fogueira da conspiración.

O dobre

Aínda o asunto podía complicarse máis. E así foi. Porque Hitler dispoñía dalgúns dobres para que o substituísen actos, sobre todo por seguridade. E, de feito, chegouse a atopar o cadáver dun sosias, que se chegou a confundir co do propio Führer. Polo que se pode observar nas fotos, era bastante parecido.

A tumba de Magdeburgo

A partires dos anos 90 do século XX, coa desintegración da URSS, apareceron outras versións. Como que os restos calcinados de Hitler e Eva Braun foron agochados polos rusos nun cuartel militar en Magdeburgo, en territorio de Alemaña Oriental. En 1970 foran exhumados e incinerados para que a súa tumba non fose venerada. Algo así como o que fixo Estados Unidos recentemente con Bin Laden botando o seu cadáver ao mar.

O mariscal soviético Zhukov.
O mariscal soviético Zhukov.

Cranio e ADN

Nunha historia rocambolesca, un investigador de Estados Unidos chegou a conseguir unha porción do suposto óso parietal do cranio de Hitler que se conservaría en Moscova. A análise do ADN determinou que pertencía a unha muller de menos de 40 anos de idade. Máis leña ao lume da conspiración.

Cirurxía estética

O escritor Eric Frattini, no seu libro ‘Morreu Hitler no búnker?’ (Temas de Hoy) recolle mesmo a historia dun médico español que supostamente practicou a cirurxía estética a Adolf Hitler tras a súa fuxida de Berlín e antes de viaxar ao santuario americano.

O túnel

History Channel fala en ‘Hunting Hitler’ dun suposto túnel entre o búnker de Berlín e o aeroporto de Templehof. En realidade, a propia serie documental recoñece que non estaban comunicados, aínda que especula con que existisen ‘portas secretas’ usadas polo Führer. O escritor Eric Frattini fala dun voo secreto que chegou a sobrevoar a porta de Brandeburgo. Son moitas as teorías que tentan resolver o problema de como puido Hitler saír dun lugar rodeado polos soviéticos. Mesmo se fala de algo tan pintoresco como que no búnker nunca estivo el, senón un dobre.

En resumo, dez razóns en contra e dez a favor para unha historia da conspiración que ten todos os ingredientes para non ter fin ata que apareza unha proba definitiva.

Podes ler aquí unha versión deste artigo en castelán

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O Aquarium Finisterrae reforma o sanatorio de focas: “Combinaremos todas as necesidades ambientais”

O museo coruñés remodela no seu 25 aniversario a área de curación dos animais mariños

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses

Como de accesible é a rúa na que vives? Compróbao neste mapa

A aplicación 'City Access Map' permite comprobar que servizos están a menos de 15 minutos camiñando nas cidades e areas metropolitanas de Vigo e A Coruña

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844