Un "pataka", hórreo de Polinesia, Australia y Nueva Zelanda de posible origen gallego.

Un "pataka", hórreo de Polinesia, Australia e Nova Zelandia de posible orixe galega.

Así son os “pataka”, os hórreos galegos de Nova Zelandia

O nome podería vir da batata ou dunha moeda, mentres estudos xenéticos atopan descendencia vasca da San Lesmes

Un

Un “pataka”, utilizado para gardar víveres.

Os hórreos dos antípodas teñen un nome ben galego: “Patakas“. Así se chaman estas construcións de Polinesia, Australia e Nova Zelandia, onde os maorís gardaban os produtos do campo e tamén as súas riquezas máis prezadas.

Non é casual tanto parecido en nome, aparencia e funcións. Cando menos, segundo o historiador Robert Langdon, da Universidade Nacional de Australia en Canberra. A súa teoría, que esperta un enconado debate científico, afirma que a “Pataka” é un hórreo galego, que os náufragos da carabela “San Lesmes“, perdida en 1526 nos Mares do Sur, aprenderon a construír ós indíxenas.

Na nosa reportaxe sobre os galegos que descubriron Australia contamos todos os detalles desta apaixonante historia, que empeza cando zarpa da Coruña a expedición de García Jofre de Loaisa, en 1525. E conclúe cuns náufragos galegos que rematan descubrindo Australia e Nova Zelandia.

Pero agora imos cos “Pataka“, que Langdon e outros estudosos identifican como hórreos xenuinamente galegos. En “The Lost Caravel“, Langdon afirma que o nome provén directamente do “galician pataca“. Non obstante, non pode referirse ao tubérculo chamado “solanum tuberosum” que hoxe comemos en forma de cachelos. Nomeadamente, porque non se coñecía cando zarpou a “San Lesmes” da Coruña, en 1525. Haberían de pasar 12 anos, ata 1537, para que os conquistadores tivesen diante a pataca por primeira vez no val da Grita, no que hoxe sería Colombia.

O nome non ven da pataca, que non se coñecía, pero si da batata ou dunha moeda

Non obstante, Langdon e outros estudosos cren que podería ser a batata, a “ipomea batatas“, que os españois xa viran no Caribe nas súas primeiras exploracións. E que levaba en Oceanía dende o ano 1000, probablemente por algunha viaxe dende Sudamérica en embarcacións rudimentarias.

Outras teorías apuntan a que “Pataka” vén do italiano “patacca“, unha antiga moeda dunha onza. Trátase dun vocábulo moi estendido para moedas de pouco valor. E, por suposto, encaixa coa galega “patacón“. E podería falar das riquezas que se gardaban nestes hórreos.

Teorías contrarias a orixe galega

Hai tamén os que refutan a Langdon. Como Mara Mulrooney, da Universidade de Auckland, quen en 2009 publicou un artigo no New Zealand Journal of History: “Langdon propón similitudes arquitectónicas entre o hórreo (un almacén galego) e o pataka (o almacén maorí), e proclama que o nome pataka está claramente derivado da palabra castelá para a pataca doce, a “pataca”. Mulrooney, non entanto, pensa que podería vir do maorí “pa” (lugar pechado) e “takaa” (preparar a comida).

En canto ás palabras, Langdon cita por exemplo ” pero ” que é a forma en que os maorís din “can“. O cal soa castelán, pero menos galego que “pataca”.

Maoríes fronte o seu

Maoríes fronte o seu “pataka”.

Se os hórreos galegos seguen espertando controversia, tamén os trazos europeos atopados nos aborixes mesmo antes da visita do inglés Cook. Annie Beart, en “As primeiras viaxes españolas a Tuamotu“, destaca que o vasco Pedro Fernández de Quirós, no século XVII, atopou poboación branca, de cabelo louro e ollos azuis. Nas mesmas illas onde se supón que deambulou a carabela “San Lesmes” dende 1526.

Mesmo se fixeron estudos xenéticos, como os que narra Wilfried Schuhmacher, que sospeitaba que había descendentes de mariñeiros vascos da San Lesmes entre os aborixes da illa de Pascua: “Dos tests realizados a escala mundial, nos anos 1970 ao 72, de Histocompatibilidade ( Dausset, Colombani 1973 ) despréndese que as poboacións puras investigadas dos vascos e dos insulares de Pascua presentan o máis alto e o segundo máis alto-porcentaxe do mundo, respectivamente, ( 39 e 37%) en relación con varios antíxenos”. (Revista Fontes Linguae Vasconum, 1976).

Mestura xenética cos europeos

Moitos intentaron rebater esa mestura xenética. O argumento principal é que eran poucos galegos para que fose significativa. E para que os rasgos europeos fosen evidentes séculos máis tarde na descendencia. Pero Langdon contrapón “as numerosas descricións de maorís na época de Cook, así como moitas fotografías do século XIX do Museo Smithsonian de Washington“. E cita estudos xenéticos que “regularmente revolven un anómalo puzle de marcadores caucásicos, como os seus narices estreitos e os inesperados xenes caucásicos (Buck, 1923; Staveleyand Douglas, 1958) Dagger (1986) “.

Os argumentos de Langdon para a xenética poden lerse neste artigo.

En definitiva, dende que, en 1976, o profesor Langdon publicou “The Lost Caravel“, a controversia segue en pé. Tanto el coma outros investigadores afirman que hai hórreos galegos en Australia e Nova Zelandia. Que son a pegada dos galegos da “San Lesmes” que descubriron as nosas antípodas. E que teñen un nome moi típico do país: “patakas“.

Ler o artigo en castelán

Unha resposta a “Así son os “pataka”, os hórreos galegos de Nova Zelandia”

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.