Cafenina, a "aspirina" galega, de Laboratorios Orzán.

Cafenina, a "aspirina" galega, de Laboratorios Orzán.

A ciencia que creou a botica dos nosos avós

A odisea dos pequenos laboratorios e farmacias que lanzaron medicamentos propios cos adiantos científicos da súa época

Pequenos laboratorios e farmacias foron en Galicia os pioneiros da industria farmacéutica. Antes da aparición dun sector industrial. Antes de que existisen xigantes como BayerRochePfizer ou mesmo a galega Zeltia, foron modestas boticas as que se botaron a crear os seus propios medicamentos de marca. Dende finais do século XIX, os xornais énchense de anuncios que pregoan os remedios máis milagrosos. Todo semella ter cura grazas a pomadas, unturas, pílulas e xaropes, que se fabrican a pequena escala, por todas as cidades do país. Así xurdiu un auténtico vademecum propio de Galicia, que empregaba os adiantos científicos para adaptalos ao mercado local.

Gonival, de Laboratorios Orzán, para a gonorrea.

Gonival, de Laboratorios Orzán, para a gonorrea.

Estes modestos tratamentos, coa súa marca e a súa mercadotecnia, chegaron a facerse moi populares. Pero desaparecerían máis tarde ante o pulo dos grandes grupos químicos.

Un dos grandes éxitos de principios do século XX foi o “Ladillol”, dos coruñeses Laboratorios Orzán. O seu nome non deixaba dúbidas sobre as súas indicacións: servía para combater as infestacións de piollos patos.

Camilo José Cela, na súa obra “San Camilo 1936”, menciona o “Ladillol” nunha pasaxe: ” La tísica Lupita le pone la zancadilla y el hermano marista se estrella contra una tapia que anuncia el Ladillol, destruye radicalmente los pedículus del pubis, Laboratorios Orzán”.

O laxante Bescansa foi todo un éxito, como tamén o dentífrico Orzán

Tamén sinala máis tarde outros da competencia, como “Mataladillas Bomba“, de Laboratorios Burriana, en Castelló. Ou o “Aceite de Lion“, de laboratorio Castillón, de Madrid. Pero o gran rival de “Ladillol” será, durante a República, a Guerra Civil e a posguerra, outro fármaco con dous slogans de impacto: “El Aceite Inglés: ladilla que toca, muerta es”; ou ben “El Aceite Inglés… todo el mundo sabe para lo que es”.

Laboratorios Orzán, fundado na Coruña polo farmacéutico Ismael Vidal, ten tamén éxito con Gonival, indicato para tratar a gonorrea. Ademais, fabrican o popular dentífrico “Crema Orzán“, o  purgante “Colagol“, o antirreumático “Linisum” ou o complexo vitamínico “Cobaltrón“.

Antiga botica de Pontevedra.

Antiga botica de Pontevedra.

En Ourense, o Laboratorio Vidal comercializa “Perusabinos“, indicado para as infeccións da pel. Mentres, en Compostela, Bescansa fai a crema dérmica “Acnosán”, o antiácido “Oxagás” e un xarope reconstituínte chamado “Riché”. Fundada en 1917 por Ricardo Bescansa Castilla, esta industria farmacéutica rexional será unha das máis activas na produción propia de medicamentos. Pero, dende os anos 20 do século pasado, por toda a xeografía galega hai boticas que se reconverten en laboratorios e producen os seus propios fármacos. De Ponteareas, sae o Biogenal, contra a anemia; mentres que en Verín o Laboratorio Amoeiro fabrica o “Liver-Kal”, para que os nenos medren fortes e sans.

Xunto á industria farmacéutica, tamén apareceu unha cosmética galega. En 1905, saen da illa da Toxa os primeiros xabóns e sales da  marca “La Toja”. O seu fundador será o home máis rico da Galicia da época, o marqués de Riestra. Pero o crack do 29 nos Estados Unidos será un duro revés para a empresa e obrigaría a vender a marca á Banca Pastor, que quedaría baixo a presidencia de Pedro Barrié de la Maza.

Outra marca cosmética de éxito foi a loción “La Carmela“, creada en 1902 polo profesor e boticario santiagués Nemesio López Caro. Este pequeno milagre da química empregaba acetato de chumbo e eliminaba as canas. En 1925, trasladou a súa produción a Barcelona e remataría desaparecendo cando todos copiaron a súa fórmula. Pero foi un fenómeno de vendas en Europa, América e os países árabes, onde se comercializaba coa etiqueta traducida. A propia empresa galega presumía de ter como cliente un actor norteamericano, ben que de segunda fila. Era coñecido como Ronald Reagan.

La Carmela foi todo un éxito en países árabes.

La Carmela foi todo un éxito en países árabes.

Un produto estrela para o nacemento da industria farmacéutica galega será a ergotina, que se obtén do caruncho do centeo e que permite fabricar remedios que van dende os coagulantes ata como psicoactivos. En Galicia, algunhas farmacias e laboratorios lanzan medicamentos derivados da ergotina en producións modestas. Pero todo cambia en 1936, apenas dous meses antes da Guerra Civil, cando dous científicos formados na Universidade de Santiago, o médico Ramón Obella Vidal e o farmacéutico Francisco Rubira, fundan o Instituto Bioquímico Miguel Servet, en Vigo. Con eles, traballa o intelectual galeguista Alexandre Bóveda e o químico Fernando Calvet.

Os científicos galegos lanzan o Pan Ergot, fabricado a partir do cornecho e indicado para curar as xaquecas e o glaucoma. Pero a Guerra Civil truncaría o seu éxito, xa que son perseguidos polo franquismo. Bóveda é fusilado na Caeira, en Poio, en 1936. E moitos dos outros rematan na cadea, no exilio ou represaliados. Calvet, tras pasar polo cárcere, perdería a súa praza en Santiago pero se enrolaría na empresa Zeltia, o proxecto farmacéutico máis potente.

Os irmáns Fernández López (fundadores tamén de Pescanova, Frigsa ou Cementos do Noroeste, entre outras moitas industrias) foron os impulsores da farmacéutica, que nace en 1939. Estes industriais aproveitan os subprodutos dos seus matadoiros industriais para elaborar compostos tonificantes e vitamínicos. E combínao coa explotación do caruncho. Así nace Zeltia, coa súa base no Porriño, que fabricará tamén substancias como a efedrina, a insulina, vacinas, vitaminas e pesticidas ou funxicidas.

Zeltia conseguirá que a súa marca ZZ se converta no líder entre os pesticidas agrícolas en España. E en 1945, os Fernández López participarán na creación da empresa Antibióticos, S.A. ou artellarán acordos estables con multinacionais como Cooper e Robertson. Zeltia rematará inmersa en Pharmamar, a compañía que busca nos océanos moléculas con propiedades medicinais e que xa comercializa nos Estados Unidos o seu antitumoral Yondelis.

Pequenos medicamentos, marcas e produtos cosméticos saíron da ilusión de farmacéuticos e químicos galegos. Non sobrevivirían ás grandes multinacionais. E nunca alcanzaron o nivel do xigante Zeltia, dende O Porriño ao mercado mundial. Pero queda no recordo, e nos vellos anuncios, unha época na que Ladillol se enfrontaba ao Aceite Inglés. Álvaro Cunqueiro podería chamala a dunha “Escola de Menciñeiros”…

A febre do caruncho do centeo

O caruncho é un fungo parasito do centeo que ten moitos nomes: cornello, cornecho, dentón, corno ou grao de corvo. Tanta popularidade débella a un alcaloide, a ergotamina, que afecta ao sistema circulatorio e provoca alucinacións. Por iso, os agricultores tiñan moito coidado de separar o caruncho do gran, porque unha fariña contaminada tiña consecuencias funestas. Moitos episodios debruxaría, na Idade Media, tiñan a súa orixe nos delirios provocados polo pan con caruncho. E está relacionado co famoso proceso ás bruxas de Salem, en Massachussets (EUA), no século XVIII, cando 25 mulleres foron condenadas a morte, acusadas de pactar co demo tras unha intoxicación masiva con efectos similares ao LSD.

Pan Ergot do Instituto Bioquímico Miguel Servet, de Vigo.

Pan Ergot do Instituto Bioquímico Miguel Servet, de Vigo.

Pero a ergotamina afecta tamén ao fluxo sanguíneo. Nas grandes intoxicacións do Medievo, descríbense pobos enteiros onde, xunto á tolemia xeral, apodrecían -chegando a desprenderse- os dedos e mesmo membros completos das vítimas do pan contaminado. Este efecto macabro converteríase no século XIX nun medicamento. Científicos como o francés Bonjean descubriron que o alcaloide do cornezuelo cortaba as hemorraxias. E, de ser desprezado e temido, pasou a ser cobizado para a fabricación de fármacos.

Así, dende a segunda metade do XIX, desatouse unha auténtica “febre do caruncho” en Galicia. O clima favorecía a aparición do fungo e os laboratorios demandábano para abastecer médicos e comadroas para os partos.

O profesor Anxo L. Fernández, da Universidade de Santiago, recolle nun estudo que se chegaron a pagar prezos astronómicos polo caruncho, que se recollía a man antes da sega. Rusia era o maior produtor mundial. E o mercado quedaba desabastecido en períodos como a Guerra Ruso-Xaponesa, en 1904, ou tras a Revolución Rusa, de 1917 a 1921. Segundo o profesor Fernández, a alza na cotización do caruncho provocaba en Galicia “unha invasión de campos á caza e captura do fungo, que se pagaba a bo prezo,”. En calquera caso, sempre era un complemento para as economías rurais. E, do porto de Vigo, saían cargamentos regulares para Inglaterra, Alemaña e Estados Unidos.

Ademais, Anxo Fernández revela que o cornecho  galego era o máis prezado. En 1912 a revista “American Druggist” sinalaba: “O ergot de centeo de maior calidade é o producido nas provincias do noroeste de España. Envíase por barco a Londres dende Vigo ou Lisboa, e case todo é consumido nos Estados Unidos”. Grazas a este composto tería o seu pulo definitivo a empresa galega Zeltia.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.