Investigadores de Quimolmat. Foto: UDC.

Investigadores de Quimolmat. Foto: UDC.

Investigadores da UDC descobren un novo sistema de refrixeración non contaminante

Os científicos galegos descubriron un material que se arrefría ao aplicarlle unha presión determinada e publicaron o avance na prestixiosa revista Nature Communications

Investigadores da Universidade da Coruña acaban de publicar na recoñecida revista Nature Communications os seus achados sobre un novo sistema de refrixeración. Este novo método, no que se propón o uso de materiais calóricos como alternativa aos gases de refrixeración, perigosos e contaminantes, polo que se poderían facer sistemas máis compactos e eficientes.

Os investigadores, que traballan nos campus da Coruña e Ferrol, descubriron que un composto sintético, a perovskita [TPrA][Mn(dca)3],  pertencente á familia dos materiais denominados “híbridos orgánicos-inorgánicos”, arrefría cando se lle aplica unha determinada presión en condicións próximas á temperatura ambiente. É o primeiro exemplo deste comportamento neste tipo de materiais. Non en tanto, segundo indican desde a UDC, é moi posible que haxa outros compostos que tamén presenten estas propiedades. Deste xeito, ábrese un gran horizonte de posibilidades en novos materiais para sistemas de refrixeración alternativos aos actuais.

O descubrimento é “100% UDC”, destacan os científicos

A capacidade de refrixeración da perovskita é moi elevada, e semellante a outros materiais xa coñecidos. Ademais, este composto é barato e non contaminante. Así, segundo os científicos galegos, o descubrimento é importante porque “somos capaces de relacionar e explicar a orixe desta propiedade tan destacada baseándonos no coñecemento de cómo están ordenados os átomos na súa estrutura cristalina”. Deste xeito, pódense “deducir os ingredientes clave que deben de posuír outros compostos para tamén poder presentar este comportamento tan destacado, o que proporciona unha guía moi valiosa na busca de novos materiais barocalóricos con mellores prestacións”.

Os investigadores subliñan que o estudo é “100% UDC”, xa que todo o traballo se desenvolveu nos laboratorios de Quimolmat da Facultade de Ciencias e do Cica, na Coruña, en colaboración co grupo Proterm da Escola Politécnica Superior de Ferrol. Asinan o artigo Juan M. Bermúdez García, Manuel Sánchez Andújar e Socorro Castro García, de Quimolmat, e Jorge López Beceiro e Ramón Artiaga, de Proterm, ademais da catedrática María Antonia Señarís Rodríguez, de Quimolmat, que é a directora do traballo.

Os sistemas de refrixeración supoñen, actualmente, un 20% do consumo enerxético mundial, e todo indica que a demanda deste sector aumentará nas vindeiras décadas. Por este motivo precísanse novos métodos que sexan menos contaminantes e máis eficientes. Os gases empregados na maioría dos sistemas son pouco eficientes, ademais de tóxicos e perigosos nalgúns casos.

Os novos materiais con potenciais aplicacións na refrixeración, como o descuberto na UDC, divídense en tres grupos, segundo o estímulo externo que se lle aplique para arrefrialos: barocalóricos (presión), magnetocalóricos (campo magnético) ou electrocalóricos (electricidade). Moitos destes compostos son sólidos, polo que se podería prescindir dos gases perigosos e tóxicos, ademais de ser máis fáciles de manipular, recuperar e reciclar. Do mesmo xeito, os sistemas poderían ser máis compactos e eficientes e menos ruidosos.

2 respostas a “Investigadores da UDC descobren un novo sistema de refrixeración non contaminante”

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.