Porcentaxe de uso do galego (agrupación das alternativas
de monolingüismo e bilingüismo en galego) segundo a
idade e tendencias de uso en cada grupo de idade. Fonte: RAG.

Porcentaxe de uso do galego (agrupación das alternativas de monolingüismo e bilingüismo en galego) segundo a idade e tendencias de uso en cada grupo de idade. Fonte: RAG.

A RAG advirte que a xente nova fala cada vez menos galego

A Academia da lingua alerta tamén de que o idioma se está deixando de transmitir de pais a fillos

“A nosa ética profesional (…) obríganos a lanzar a voz de alerta, unha voz que quere ser alentadora, pero que non pode deixar de expresarse en tons de alarma“. Así expón Henrique Monteagudo, membro da Real Academia Galega e coordinador do Seminario de Sociolingüística da entidade, o panorama que se desprende dun estudo presentado este mércores pola RAG (Lingua e sociedade en Galicia. Resumo de resultados 1992 – 2016) no que se advirte a creba da transmisión xeracional do idioma.

O traballo, cuxa presentación coincide co Día Internacional da Lingua Materna, expón unha notable fenda xeracional entre a xente nova e os maiores, cunha diferenzas que chegan a ser de 40 puntos porcentuais. Unha fenda que, a xuízo dos autores do traballo, veuse acelerada por tres procesos sociais: desruralización, terciarización e avellentamento.

Evolución das prácticas monolingües en galego nos concellos galegos entre 2001 e 2011. Taxa porcentual. Fonte: RAG.

Evolución das prácticas monolingües en galego nos
concellos galegos entre 2001 e 2011. Taxa porcentual. Fonte: RAG.

Así, os mapas e as cifras amosan que o uso do galego diminúe a gran velocidade nas áreas urbanas e periurbanas, sobre todo nas comarcas de Vigo e A Coruña, mentres que se mantén ou diminúe, en menor medida, nas zonas rurais, que á súa vez perden poboación de xeito acelerado.

“Non pretendemos alimentar un discurso pesimista sobre o futuro do galego, pero non podemos deixar de sinalar os riscos que corre o noso idioma”, engade Henrique Monteagudo na introdución do estudo.

Con todo, o informe reflicte unha sociedade bilingüe cunha “vitalidade incuestionable” da lingua galega. Hai 1,3 millóns de galegofalantes habituais, con porcentaxes maiores que os do eúscaro e o catalán nos seus respectivos territorios. Entre a poboación xeral, o perfil máis frecuente é o das persoas que empregan como lingua habitual o galego (31 %) ou tanto o galego como o castelán (42 %). Do mesmo xeito, os datos do CIS de 2016 amosan que o galego é a lingua materna do 44,7% das persoas de 18 ou máis anos, fronte ao 30,7% que teñen como lingua inicial o castelán, ou o 23,6% con ambas.

Non en tanto, ao mirar cara a poboación máis nova, desde os 5 anos e ata os 65, a lingua inicial maioritaria empeza a ser o castelán (38% fronte ao 34% do galego e o 28 % de ambas), que é tamén o idioma que emprega habitualmente unha maior proporción nesta ampla franxa de idade que conta coas xeracións máis novas.

“Monolingüización” en castelán

O equipo autor do estudo detecta, do mesmo xeito, “un proceso acelerado de monolingüización en castelán, a un ritmo que non prevían os resultados de estudos demolingüísticos previos”.

E as causas hainas que buscar, segundo o traballo, na “escasa presenza” do galego na socialización secundaria; é dicir, nas relacións no ámbito escolar e en determinados contextos urbanos e semiurbanos.

Ante este panorama, a Real Academia Galega fai unha chamada á sociedade para “garantir o futuro” da lingua. “Cómpre recoñecer as dificultades do presente e os erros do pasado, pero sobre todo é imprescindible un compromiso sincero, unha acción eficaz e iniciativas máis ambiciosas por parte do goberno e do conxunto das institucións galegas e dos distintos axentes sociais”, conclúe Henrique Monteagudo.

Aquí podes ler o estudo completo da Real Academia Galega:

Lingua e sociedade en Galicia. Resumo de resultados 1992 – 2016

 

2 respostas a “A RAG advirte que a xente nova fala cada vez menos galego”

  1. Anónimo

    Coma sempre, os da RAG parecen curas no pulpito. Non hai asomo de autocrítica ao seu traballo, nin de crítica ao modelo lingüístico da escola galega e aos políticos que o sosteñen. Estes só empezarán a tomar en serio a clara desaparición do galego cando lles digan que os seus servizos xa sos escusados. O galego non se salvará se non hai inmersión lingüística.

  2. Hola!
    Na nosa casa o meu marido é gallego falante, eu teño como lingua materna o castelán e a nosa nena fala tanto galego como castelán non sólo polo pai senón porque na escola infantil está na liña de galego. Poucos coles teñen unha aula na q se fala íntegramente en galego..de feito pasa para primaria o curso que ven e non pode seguir na aula de galego xa q non hai. Simplemente hai asignaturas en castelán e outras en galego (e unha en inglés).
    Porque non se promove dende a escola a fala galega se así o queremos os pais.?
    A nena fala máis en castelán q en galego…pois a partires do ano q ven acentuarse máis ata probablemente sólo falar en castelán. Unha mágoa

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.