Venres 29 Marzo 2024

Os frigoríficos do futuro e as arterias artificiais, premios de investigación da RAGC

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) deu a coñecer os gañadores dos seus premios de Investigación Ernesto Viéitez 2017. A institución recoñeceu, na categoría absoluta, ao proxecto “Novo frío”, realizado por un equipo multidisciplinar da Universidade da Coruña que desenvolveu un sistema de refrixeración non contaminante baseado na utilización de materiais sólidos. Pola súa banda, na categoría de investigadores mozos foi premiada María Aymerich, científica do Departamento de Física Aplicada da USC, que aplica tecnoloxía láser para fabricar arterias artificiais sobre as que simular e estudar doenzas cardiovasculares e tumorais en laboratorio.

O equipo da UDC galardoado co Premio de Investigación reúne a químicos e enxeñeiros do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) e dos Departamentos de Química e de Enxeñería Naval e Industrial. Liderado por María Antonia Señarís, está formado por Juan Manuel Bermúdez, Manuel Sánchez, Socorro Castro, Jorge José López e Ramón Pedro Artiaga.

Publicidade

O proxecto da UDC abre a porta á redución do gran gasto enerxético na refrixeración

Este proxecto abriu unha nova vía no desenvolvemento de sistemas de refrixeración. Actualmente, os frigoríficos, conxeladores e máquinas de aire acondicionado de hoxe arrefrían con base nos mesmos principios de compresión e expansión de gases e líquidos descritos polo británico Jacob Perkins en 1830. Porén, a refrixeración mediante fluídos supón hoxe máis do 20% do consumo enerxético mundial, e a súa eficiencia é moi mellorable e, ademais, a maioría emprega fluídos perigosos, tóxicos e contaminantes, como os gases de efecto invernadoiro.

Así, os investigadores da UDC botan man de materiais sólidos innovadores para presentar a súa alternativa de tecnoloxía de refrixeración máis económica, sustentable e enerxeticamente eficiente. A súa elección é unha perovskita de manganeso con compoñentes inorgánicos e orgánicos que pertence a unha nova familia de materiais híbridos con pouco mais de vinte anos de vida. Esta perovskita, que xa se fixo famosa como materia prima de células solares de baixo custo e alta eficiencia, proponse por primeira vez como fonte de materias refrixerantes.

Ademais, os investigadores coruñeses sinalan que o seu descubrimento permite identificar propiedades que se poden atopar noutros materiais híbridos da mesma familia, polo que se podería ampliar o abano de posibilidades. A clave está en conseguir neles o efecto refrixerante mediante a aplicación de presións moderadas, coa vantaxe de substituír os gases perigosos e contaminantes por materiais sólidos máis compactos, económicos, ecolóxicos e enerxeticamente eficientes.

Arterias artificiais

Na categoría de investigadores menores de 28 anos, María Aymerich, do Departamento de Física Aplicada da USC, foi premiada polo seu método de fabricación rápido e económico de dispositivos que simulan vasos sanguíneos para o estudo in vitro de patoloxías cardiovasculares ou tumorais.

A investigadora propón fabricar modelos artificiais de arterias capaces de replicar a estrutura dos vasos reais para realizar experimentos que permitan observar o seu comportamento nas condicións propias das doenzas coronarias e dos cancros asociados á circulación de células tumorais no torrente sanguíneo. Este avance pode contribuír de maneira decisiva a comprender os factores que favorecen estas enfermidades, que son as principais causas de mortalidade no mundo, e facilitar así tanto a súa prevención como o seu tratamento.

O dispositivo deseñado por Aymerich está fabricado en vidro utilizando tecnoloxía láser. A súa textura é rugosa para facilitar a adherencia das células –obtidas de cordóns umbilicais donados­– ás paredes do vaso artificial, de maneira que non se desprendan durante os bioensaios. Ten ademais a vantaxe de permitir a simulación de arterias máis grandes das abordadas ata o momento, como as bifurcacións coronarias, e mesmo de reproducir modelos personalizados, algo inédito ata agora.

A entrega de premios, o día 24

A elección dos galardoados vén de ser aprobada en pleno pola RAGC. Os premios serán entregados nunha cerimonia que terá lugar o 24 de xaneiro en Santiago, coincidindo coa apertura do curso académico da institución. Os galardóns, que chegan este ano á súa vixésimo sexta edición, levan o nome Premios de Investigación Ernesto Viéitez, na honra do anterior presidente da institución.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Academia de Ciencias entrega os Premios Ernesto Viéitez Cortizo 2023

Recoñece a tres equipos galegos polo estudo de microplásticos, do control da glicosa e da mellora de imaxes médicas con IA

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado

A RAGC premia ao equipo da UDC que busca métodos para identificar microplásticos no medio

Os Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo 2023 conceden dous áccesits, un para a USC e outro para a UDC

A RAGC e a Xunta convocan os X Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia

Cada categoría está dotada con 5.000 euros e o prazo para a presentación de candidaturas remata o 30 de abril