Visita Santiago o matemático Cédric Villani, medalla Fields 2010

O matemático gañador da Medalla Fields en 2010 –o equivalente ao Nobel en matemáticas–, Cédric Villani (1973, Brive-la-Gaillarde, Francia), visitará a USC o 3 de outubro convidado polo Programa ConCiencia que organizan a USC e o Consorcio de Santiago, nesta ocasión coa colaboración de RedEmprendia.

Villani, investigador e docente no Instituto Henri Poincaré e na Universidade de Lyon (Francia), ofrecerá unha conferencia ese luns ás 19.30 horas no Auditorio Novagalicia Banco (Preguntoiro, 23) que leva por título ‘De triángulos, gases, prezos e homes’. Nela, aberta a calquera persoa interesada, contará a historia de tres problemas matemáticos, que veñen respectivamente da xeometría, da física estatística e da economía, e que se xuntan dun xeito inesperado e produtivo. Aproveitará ademais para evocar grandes teorías e persoas e o xeito no que vai o progreso matemático.

Publicidade

Ese mesmo día pola mañá, ás 9.45 horas, e como vén sendo habitual na axenda de ConCiencia, manterá unha xuntanza con investigadores na Aula Magna da Facultade de Matemáticas.

Nado no seo dunha familia de universitarios e artistas, Villani ingresa aos 16 anos no prestixioso instituto Louis-le-Grand e en 1992 consegue entrar co número 4 na École Normale Supérieure de Paris onde se especializa en matemáticas. Dous anos máis tarde comeza a súa tese de doutoramento baixo a dirección da Medalla Fields Pierre-Louis Lions, fillo de Jacques-Louis Lions, que foi nomeado doutor honoris causa pola Universidade de Santiago de Compostela.

Publicidade

Dende 2001, Villani é catedrático na École Normale Supérieure de Lyon

Finalmente, en 1998 presenta a súa tese doutoral na que estuda as colisións rasantes nos gases e o aumento da entropía segundo a teoría de Boltzmann. Dous anos despois consegue a cátedra na École Normale Supérieure de Lyon. Tras ser nomeado director do famoso Institut Henri Poincaré en 2009, obtén a Medalla Fields en 2010 “polas súas demostracións do amortiguamento non lineal de Landau e a converxencia ao equilibrio da ecuación de Boltzmann” e é elixido membro da Académie des Sciences de Paris en 2013.

Cédric Villani traballa nas ecuacións en derivadas parciais que aparecen na física estatística; concretamente na ecuación de Boltzmann que describe o comportamento estatístico dun sistema termodinámico fóra do equilibrio. Outro dos seus temas de estudo é a teoría do transporte óptimo, formulada en torno a un problema proposto no século XVIII polo matemático francés Monge. Cabe destacar tamén, pola súa orixinalidade, a aplicación de métodos de xeometría diferencial aos temas anteriores; en particular, a relación da curvatura de Ricci co transporte óptimo e a entropía.

Cédric Villani é un científico comprometido coa sociedade, que dedica parte do seu tempo á comunicación e divulgación científica, participa en documentais sobre o impacto das matemáticas na sociedade actual ou, entre outras cousas, promove cine-clubes onde debate con outros científicos sobre a representación da ciencia e a investigación no cinema ou a relación entre ciencia e arte.

Acumula una abondosa colección de importantes premios. Á Medalla Fields hai que sumarlle os premios Louis Armand de l’Académie des Sciences de Paris en 2001, o da European Mathematical Society en 2008 ou os Fermat e Henri Poincaré en 2009.

O programa ConCiencia
ConCiencia é un programa de divulgación científica que trae á cidade de Santiago especialistas de primeira orde mundial (premios Nobel, Abel, Medalla Fields…) para participar en diversas actividades dirixidas non só a público especializado senón a toda a cidadanía coa fin de achegar a ciencia á sociedade. Ademais, serve de ponte para o reforzamento de contactos científicos entre líderes da máxima relevancia científica e o corpo de investigadores da USC.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Guía para reciclar en Vigo: que vai en cada contedor e que non?

A cidade conta con sete contedores para separar vidro, papel e cartón, envases, materia orgánica e outros residuos

Por que os vapers lle cambiaron a voz a Selena Gómez? O (pouco) que se sabe dos cigarros electrónicos

A docente da USC Julia Rey explica que conteñen substancias canceríxenas tamén presentes no tabaco convencional

Un estudo identifica as claves xenéticas da “adaptación evolutiva única” das píntegas das Illas Atlánticas

A UVigo participou na investigación, que achou que en dúas localizacións do parque nacional as femias dan a luz crías terrestres, en lugar de larvas acuáticas

A borrasca Austen activa a alerta laranxa en Galicia por ondas que poderán superar os sete metros

Trátase da segunda das tres frontes atlánticas que pasarán por Galicia esta semana, coa terceira prevista para o domingo