Necropsias, fotosíntese e patóxenos van de campamento

Practicar unha necropsia ou cultivar árbores nun tubo de ensaio. Investigar patóxenos no microscopio ou facer análises clínicas. Así é un verán diferente no Campus Xuvenciencia, que a Universidade de Santiago organiza en Lugo do 22 ao 26 de xuño, aberto a rapaces da ESO e de Bacharelato de toda Galicia. Unha iniciativa que vai pola súa terceira edición e que demostra o pulo destas actividades que combinan educación e lecer. E que teñen en Ourense outro exemplo no Campamento Tecnolóxico Tecnópole, que se celebra do 1 ao 14 de xullo. As vacacións científicas para escolares están de moda.

Os rapaces traballan nos laboratorios en Xuvenciencia.
Os rapaces traballan nos laboratorios en Xuvenciencia.

Moitas actividades do Campus Xuvenciencia chaman a atención. Unha delas é Animal CSI, que aproveita os estudos de Veterinaria en Lugo. Nunha xornada do campamento, os rapaces aprenderán a practicar unha necropsia, a determinar as causas da morte dun animal ou a aprender a diferenciar ósos humanos e animais. O escenario da actividade será a Sala de Necropsias do Laboratorio de Anatomía Patolóxica.
Pero hai moitos outros proxectos para os rapaces, como crear o seu propio anuncio publicitario, coñecer o funcionamento do seu ordenador, analizar patóxenos nun microscopio, cultivar vexetais en tubos de ensaio ou investigar con proteínas.
O laboratorio de Fotosíntese Artificial levará aos escolares a descompoñer auga tanto por vía fotoquímica como electrolítica. Científicos do laboratorio de Catalizadores Biomiméticos da Facultade de Ciencias aprenderán aos participantes a rachar a molécula de hidróxeo e osíxeno da auga, imitando o proceso que fan as plantas coa fotosíntese.

Profesores universitarios abren os seus laboratorios aos rapaces do campamento

Na Escola Politécnica, os mozos e mozas coñecerán un simulador de ondas e correntes mariñas. Na facultade de Ciencias, comprobarán como as cores das plantas dependen do pH (acidez) dos seus pigmentos. E, noutro laboratorio, entenderán que é a luz ou por que brillan as vagalumes.
Polas mañás haberá actividades prácticas e obradoiros relacionados coas titulacións científico-técnicas ou científico-sociais do Campus de Lugo nos laboratorios e aulas dos centros e dos servizos xerais da Universidade, así como centros colaboradores. Polas tardes, e xa en grupos moi pequenos, vanse realizar un proxecto científico-técnico ou científico-social dirixido por profesorado universitario. Ademais, haberá unha xincana, un espectáculo científico, un encontro con ex-alumnos, unha festa de despedida, premios e, segundo os organizadores, moitas sorpresas.
O Campus de Verán XuvenCiencia vaise celebrar do 22 ao 26 de xuño de 2015, de 9:30 h a 18:00 h no Campus Universitario de Lugo. A preinscrición pode formalizarse ata o 10 de maio. Está dirixido ao alumnado preuniversitario de cursos altos da ESO e Bacharelato. Os prezos van dos 40 euros para o programa diurno aos 120, en pensión completa e aloxamento na residencia universitaria Abeiro. A inscripción pode formalizarse na web do propio Xuvenciencia.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo feito en Lugo revela que case o 30% dos adolescentes sofren fobia a quedar sen móbil

A investigación USC saca á luz a relación deste medo irracional co consumo de alcol, tabaco e cánnabis

Unha obra no río Miño afecta a dúas especies vulnerables e pon en alerta os ecoloxistas

A restauración dun caneiro en Acea de Olga, na cidade de Lugo, obriga a trasladar a dúas poboacións de bivalvos ameazadas

Un bólido cruza a costa de Lugo ata caer no Cantábrico

A segunda bóla de lume visible dende Galicia en apenas dúas semanas procedía da chuvia de estrelas das delta-leónidas

Novos achados revelan o carácter funerario da ‘roda’ de Adai, un xacemento único en Galicia

A descuberta dunha ola que se conserva completa e de pé sobre unha lousa suxiren que servía para actos rituais fundacional