O Ézaro cae ata unha curta ría desde corenta metros de altura.

O Ézaro cae ata unha curta ría desde corenta metros de altura.

Fervenza do Ézaro, a xénese dunha paraxe única

A influencia do mítico Monte Pindo provocou que o río Xallas sexa un caso excepcional en Europa pola súa desembocadura en forma de fervenza

A natureza ten o poder de agasallarnos con imaxes que nos levan a fregar os ollos para comprobar se o que estamos vendo é real. Unha desas imaxes podemos contemplala na fervenza do Ézaro, entre Dumbría e Carnota, onde o río Xallas cae desde máis de corenta metros de altura sobre unha poza que desemboca no mar. É un caso único en Europa, á marxe dalgúns regatos que se precipitan nas as augas dos fiordos nórdicos. Xa no século XVIII, a fervenza do Ézaro foi descrita polo Padre Sarmiento, e existen textos que contan como os mariñeiros tomaban como referencia a columna do vapor, visible desde varias millas mar adentro. Pero cales son as causas de que este salto de auga sexa único en Europa? Nos seus últimos quilómetros, o Xallas discorre entre o macizo granítico do monte Pindo, o chamado Olimpo Celta. Aquí está unha das claves da beleza do Ézaro.

Segundo explica o xeólogo Juan Ramón Vidal Romaní, catedrático da Universidade da Coruña, director do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal e gran coñecedor e asiduo visitante da zona, “o Xallas é un río novo, xeolóxicamente falando. Formouse probablemente durante o Terciario, entre 65 e 24 millóns de anos antes de agora”. Sinala Vidal Romaní que debido á súa ‘xuventude’ e ao seu pequeno caudal, “ademais de se ter atopado na súa desembocadura coa masa granítica do Pindo, que aínda non deu escavado, o seu canal ficou a medio facer. Esa é a razón de chegar ao mar na fermosa fervenza do Ézaro”. O Pindo, unha inmellorable atalaia desde onde se ve toda a costa entre o cabo Fisterra e a praia de Carnota, a máis longa de Galicia, “xerouse no interior da Terra hai 325 millóns de anos a 24 quilómetros de profundidade, aínda que non ficou ao descuberto debido a erosión ata hai 200 millóns de anos”, conta o xeólogo.

Vista aérea do último tramo do río Xallas, entre o encoro de Santa Uxía e O Ézaro, incluída a fervenza.

Vista desde satélite do último tramo do río Xallas, entre o encoro de Santa Uxía e O Ézaro, incluída a fervenza, co macizo do monte Pindo á dereita.

Todos os ríos galegos que alimentan as rías teñen unha fervenza, pero só no Xallas quedou á vista

O curioso, non en tanto, é que o mar galego agocha máis fervenzas como a do Xallas. Se o nivel das augas retrocedera aos puntos máis baixos da última glaciación, poderiamos ver este tipo de fenómeno en moitas rías do país. Explica Vidal Romaní que “todos os ríos atlánticos galegos, agás o Xallas,  rematan nunha ría, agora asolagada polo mar, o que forma un entorno de características ecolóxicas e de produtividade biolóxica salientable. En todos os casos dáse a mesma circunstancia: o río ten unha fervenza, aínda que está agochada no fondo das rías. O Xallas, moito máis pequeno que o Tambre, o Ulla, o Lérez, o Verdugo, o Oitabén ou o Miño-Sil, ten unha ría moito máis curta, e a fervenza cadra xusto na liña de costa”. Amais, a maior antigüidade (100 millóns de anos), lonxitude e caudal destes cursos de auga incrementou a erosión da súa canle. Deste xeito, “as fervenzas fican máis arredadas da liña de costa, e ás veces non se poden ver porque se teñen construído embalses sobre elas (é o caso do Tambre, por exemplo)”. Conclúe o xeólogo, por tanto, que todos os ríos atlánticos galegos teñen as mesmas características que o Xallas, pero desenvoltas dun xeito diferente: “A maior antigüidade e maior caudal explican unas aparentes diferenzas entre eles que de feito non existen”.

“O Xallas segue a ser un río secuestrado e colonizado”

Diciamos ao comezo que a beleza da fervenza do Ézaro provoca que moitos visitantes queden abraiados. O que tamén sorprende é saber que até hai só cinco anos, esta paraxe, única en Europa, estivo agochada en favor do aproveitamento económico do seu salto de auga. Non foi ata 2011 cando Ferroatlántica, propiedade do empresario Juan Miguel Villar-Mir, viuse obrigada a incrementar o caudal que nutre á Fervenza do Ézaro tras unha denuncia da asociación Ríos con Vida, o que permitiu recuperar a fermosa estampa do salto de auga, arrebatada a veciños e visitantes durante máis de dous decenios.

Juan Ramón Vidal Romaní.

Juan Ramón Vidal Romaní.

Desde os anos 80 do século XX, o salto de auga foi unha especie de Guadiana que só podía verse de cando en vez. Nos primeiros anos, só se abría cando a empresa se vía obrigada a aliviar o volume de auga acumulado nas presa de Santa Uxía, río arriba. No ano 2000, Manuel Fraga e o empresario madrileño inauguraron unha ‘fervenza por horas’, que ‘abría ao público’ os domingos de 12 a 14 horas, pero que o resto do tempo era propiedade de Ferroatlántica. Houbo que agardar ata o ano 2011, coa denuncia do grupo ecoloxista, para que os tribunais obrigaran a Villar Mir a manter o caudal ecolóxico mínimo que alimenta á fervenza. Aquel litixio segue o seu curso nos tribunais. No 2015, un xulgado de Santiago impúxolle a Ferroatlántica unha fianza de 8,5 millóns de euros e o fiscal do caso pediu un ano e medio de cárcere para Francisco Pan Montojo, que no 2001 era director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Xunta, por una decisión “totalmente inxustificada” que lle permitiu á compañía eléctrica obviar, co beneplácito do ente autonómico, a obrigación de manter o caudal ecolóxico e aumentar, deste xeito, os seus beneficios económicos.

Hoxe, o Xallas soporta, nos seus escasos sesenta quilómetros de percorrido, tres encoros (Fervenza, Castrelo e Santa Uxía). Para Vidal Romaní, o río está “sobreexplotado”. Deste xeito, segundo o xeólogo, “non funciona como sistema fluvial natural máis que cando no inverno hai tanta auga que a empresa ten que liberala por obriga, pois non lle entra máis auga nos embalses”. Ante isto, o catedrático da UDC cre que “o Xallas segue a ser un río secuestrado e colonizado pola industria hidroeléctrica. Galicia ten sido destinada á produción de enerxía eléctrica para o resto da España industrializada. Foi así sempre e segue a selo, a situación mantense sen troco algún”, conclúe.

5 respostas a “Fervenza do Ézaro, a xénese dunha paraxe única”

  1. Jorge 3A

    A fervenza de Ézaro encóntrase entre Dumbría e Carnota, onde o río Xallas cae dende corenta metros de altura e acaba desembocando no mar. É un caso único en Europa. O Xallas pasa polo monte Pindo, o chamado Olimpo Celta. Dende alí hai unhas vistas inmellorables á fervenza e é o que lle da máis beleza. Ata 2011 pertencía a Juan Miguel Villar-Mir e á súa empresa. Unha asociación (Ríos con vida) permitirlles recuperala.
    Jorge 3A

  2. paula 3ºA

    FERVENZA DO ÉZARO
    -O Ézaro é un río que en vez de rematar no mar, emata nunha fervenza.
    -O Ézaro deixa abraiados a todos os que o visitan.
    -A fervenza foi aproveitada para conseguir auga e foi canalizada toda no ano 2011.
    -O río só se podía ver de vez en cando.
    -O río está sobreexplotado.

    Paula 3º A

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.