Os candidatos dos cinco principais partidos, no debate celebrado na TVG.

Os candidatos dos cinco principais partidos, no debate celebrado na TVG.

Así son as promesas electorais de ciencia e tecnoloxía do 25-S

GCiencia analiza os programas, nos que todos os partidos apostan por reforzar o investimento en I+D+I nos sectores clave da economía galega

Os partidos galegos apuran nestes días os esforzos de cara ás eleccións deste 25 de setembro. Nos actos electorais que teñen lugar por todo o país, os candidatos propoñen e prometen todo tipo de actuacións e iniciativas se obteñen o favor dos electores o vindeiro domingo. Todas estas propostas artéllanse nos programas e electorais, que desde GCiencia quixemos analizar desde a nosa propia perspectiva, a da ciencia e a I+D+I. Para iso, realizamos unha análise das propostas programáticas de PP, PSdeG, BNG, En Marea, CxG e Ciudadanos de cara ás eleccións autonómicas que decidirán o futuro de Galicia.

Debido á transversalidade dalgunhas propostas, que abarcan a ciencia, pero tamén entran noutros eidos de actuación (economía, enerxía, medio ambiente), decidimos enfocar a nosa análise na parte dos programas dedicada á aposta polo investimento en I+D+I e ao apoio á investigación científica nas universidades e centros de investigación de Galicia. Amais das propostas que indicamos baixo estas liñas, todos os partidos prometen, con diferentes medidas, unha aposta pola innovación en sectores estratéxicos para a economía galega, como o pesqueiro, o naval, o forestal e o agrogandeiro, así como en eidos innovadores como o aeronáutico e o agrobiotecnolóxico.

Segundo un informe da Fundación Cotec, en 2014 Galicia gastou en I+D un equivalente ao 0,87 por cento do seu PIB. Esta cifra non só está lonxe da media europea (1,94 por cento), senón que tamén é inferior á media española (1,23%), situándose no posto 11 das comunidades, moi por debaixo do País Vasco (2,03), Navarra (1,75), Madrid (1,68) ou Cataluña (1,57). No 2010, cando se acadou o máximo estatal, o gasto público en Galicia era do 1,04 por cento.

A continuación, resumimos as propostas dos principais partidos.

pp

PP: Os populares propoñen a dedución do 25 por cento por donativos para centros de I+D+I de universidades galegas e promovidos ou participados pola Xunta. Prometen poñer en marcha aceleradoras de empresas en Cabana de Bergantiños, Ferrol, Mondoñedo, Monforte, Xinzo de Limia e Celanova, todas elas en colaboración coa Escola de Organización Industrial. Respecto á GAIN, intentarán captar investimentos de I+D+I, buscando a atracción de investimentos de grandes empresas a Galicia e desenvolvendo axudas específicas para que as pemes galegas aposten pola industria 4.0. O PP proponse continuar coa Axenda da Competitividade Galicia-Industria, co programa Capacita directivos, concursos de ideas, subvencións e axudas e aceleradoras no sector aeronáutico e agrobiotecnolóxico.

En canto á investigación universitaria, os populares prometen desenvolver a Estratexia Galega de Investigación Universitaria. Falan de “modernizar os mecanismos de incorporación de investigadores aos centros universitarios, crear un entorno capaz de reter aos investigadores cualificados, optimizar a estrutura do sistema para dotar aos centros dun alto grao de autonomía e responsabilidade e implicar activamente ás universidades e á comunidade científica nos procesos a prol do sistema de investigación universitaria”.

Continuarán co programa Principia, para a contratación de mozos e mozas recentemente titulados ou doutorados en tarefas de I+D+I en empresas e centros de investigación. Do mesmo xeito, din que ampliarán o Oportunius Retorna, que pretende captar e reter os investigadores excelentes que aposten por desenvolver a súa actividade en centros de investigación galegos. Tratarase dun programa de contratos que subvencionaría gastos de investigación a catro anos para investigadores formados en Galicia que retornen a centros de investigación do país.

psdeg

PSdeG: O programa da candidatura que encabeza Xoaquín F. Leiceaga propón un “novo Plan Galego de I+D+I” que duplicaría o gasto autonómico “para converxer a medio prazo coa media española”. O PSdeG aposta tamén por “diversificar as fontes de financiamento” dando maior entrada aos fondos europeos e animar ao sector privado a investir en I+D+I a través de fórmulas de transferencia tecnolóxica, colaboración público-privada no eido investigador e melloras no tratamento do mecenado. O programa fala tamén de aumentar e incentivar os investimentos de capital risco conseguir capital paciente para os proxectos a longo prazo.

A nivel orgánico, os socialistas apostan por un cambio estrutural para “redefinir o papel da GAIN”, unificando a xestión autonómica das políticas de I+D+I, en troques da “actual fragmentación”. Á súa vez, tamén potenciarán o Observatorio da Innovación Galega e crearán un Instituto Galego da Investigación aplicada, “na liña do ICREA catalán ou do Ikerbasque”.

Respecto á investigación pública, o PSdeG promete aumentar nun 25 por cento durante o primeiro ano de goberno a dotación para as bolsas pre e postdoutorais autonómicas, un programa de consolidación dos grupos de investigación. Do mesmo xeito, afirman que apoiarán aos investigadores novos, estabilizando a “situación precaria” que xorde ao remate dos contratos Ramón y Cajal ou outros plans de acollida. Para isto, os socialistas primarán estas intervencións na estrutura laboral “antes que as convocatorias de prazas de catedráticos ou melloras de profesorado”. Do mesmo xeito, desenvolverán o Estatuto do Persoal de Investigación do sector público.

enmarea-rgb

En Marea: O partido instrumental tamén porá en marcha un Plan Galego de I+D+I, co obxectivo de achegarse “ao longo da lexislatura” á media europea, cun gasto “que suporá o 2 por cento do PIB galego”. No programa fálase tamén da unificación da GAIN, “rematando coa actual dispersión entre consellerías”. Dentro desta estratexia, En Marea tamén requirirá “a xestión propia” dos fondos FEDER, rematando coa actual situación onde “dous terzos dos fondos que lle corresponden ao noso territorio se xestionan en Madrid”. No caso de gobernar, o partido tamén afirma que revisará “a elevada concentración de recursos en torno á UAVs Initiative” (o proxecto de drons en torno ao aeródromo de Rozas).

No eido da investigación pública, a formación destaca a reactivación da Unidade de Muller e Ciencia, como instrumento de visibilización e valorización da actividade investigadora e innovadora realizada polas mulleres, e potenciar o estudo feminino das carreiras científico-técnicas para diminuír a fenda de xénero existente. Nas universidades, prometen dotalas dun financiamento que as consolide como focos de innovación para toda a sociedade, asegurar que as partidas orzamentarias concedidas poidan ser executadas en tempo e forma.

Falan tamén de potenciar e aproveitar o talento galego, con programas que garantan unha oferta laboral suficiente para os e as investigadoras e atraer “ás persoas que nos últimos anos tiveron que buscar noutros países as oportunidades que aquí se lle negaban”. En Marea promete, do mesmo xeito, “mellores contratos pre e postdoutorais para os mozos e mozas que inician a súa carreira investigadora en Galicia, tendo en conta tamén “ás xeracións que nos últimos anos quedaron sen a oportunidade de optar ás convocatorias que foron suspendidas ou adiadas”. Mencionan tamén a aposta por “programas e espazos de divulgación científica que incrementen o coñecemento e o interese pola ciencia no conxunto da sociedade, especialmente na mocidade, impulsando as vocacións científicas”.

logo-bng

BNG: O BNG tamén aposta pola xestión íntegra dos fondos europeos de I+D+I desde Galicia. Propoñen impulsar o Programa de Articulación do Sistema de Investigación e Innovación, creando un modelo de transferencia de tecnoloxía que facilite a integración dos coñecementos científicos e a tecnoloxía empresarial, de xeito que a combinación do sistema público de I+D e os centros de investigación e innovación sexan o laboratorio de I+D do tecido empresarial galego. Neste sentido, buscarán a incorporación de de investigadores e tecnólogos ao sistema de I+D+I, reforzando financeiramente os programas de apoio á súa incorporación, e mudando a cultura empresarial para que as empresas resulten atractivas para o persoal con alta cualificación.

No eido da investigación pública, e dentro do Plan Retorna, que abarca un amplo abano para devolver a Galicia aos mozos e mozas emigrados, desenvolverán un programa de retorno de científicos galegos. A nivel de formación, o BNG promete impulsar o sistema universitario de I+D+I, con propostas como o soporte aos aspectos básicos da produción científica como elemento esencial na xeración de novo coñecemento; a consolidación e estruturación do sistema público de I+D+I, promovendo a competitividade e especialización das unidades de investigación, e a posta en valor das capacidades e resultados da investigación pública e potenciación das novas empresas de base científica e tecnolóxica xurdidas das actividades de investigación en centros públicos.

Nas universidades, os nacionalistas apostar por promover liñas de investigación centradas nas necesidades específicas de Galicia, creando e consolidando de grupos interuniversitarios de investigación, rematar coa temporalidade dos contratos nos proxectos de investigación no marco do fomento da investigación, favorecendo a libre difusión do coñecemento no canto da súa mercantilización e a promoción de programas de doutoramento industrial. Así mesmo, reclaman o traspaso a Galicia dos servizos, funcións, medios, recursos e persoal correspondentes aos centros costeiros do Instituto Español de Oceanografía en Vigo, a Coruña, así como as correspondentes ao Instituto de Investigacións Mariñas en Vigo.

ciudadanos

Ciudadanos: O partido laranxa propón un gran Pacto Autonómico para o Avance da Ciencia que favoreza “unha mellora na cultura científica de Galicia, desenvolvendo unha educación orientada ao coñecemento e comprensión do método científico fronte as pseudociencias”. Para isto, Ciudadanos propón incrementar o investimento en I+D, “público e privado”, ata o 3 por cento do PIB anual como obxectivo a longo prazo, e do 2 por cento ao final da lexislatura. Sobre a organización dos entes dedicados á innovación, propoñen que “toda a dirección político-administrativa da I+D+I de Galicia, incluíndo a GAIN, dependa directamente da presidencia da Xunta. Tamén propoñen dar “un novo enfoque” ao Igape, orientando as axudas primordialmente cara as empresas que propoñan proxectos de desenvolvemento de produtos tecnolóxicos en colaboración coas universidades.

No eido investigador, Ciudadanos propón un “plan de emerxencia de choque” para aumentar os fondos destinados á formación dos mellores estudantes de doutoramento. Do mesmo xeito, financiarán “un plan de captación de investigadores de excelencia galegos e/ou de calquera parte de España e estranxeiros”. Tamén promoverán un plan de estadías no estranxeiro para investigadores galegos e estadías en Galicia para científicos foráneos, “co fin de facilitar un acceso directo ao coñecemento de vangarda internacional nas áreas de interese estratéxico para o sector produtivo galego. Incrementarán os fondos xa existentes no programa Oportunius e farán máis estables os contratos Ramón e Cajal e Miguel Servet naqueles casos que obtivesen unha valoración excelente.

Ciudadanos tamén contempla a creación da Regacet (Rede Galega da Ciencia e e Tecnoloxía), inspirada na Saretek vasca, para mellorar a produtividade da economía galega, e a Cotega (Corporación Tecnolóxica de Galicia) para regular o funcionamento dos centros tecnolóxicos existentes en Galicia, favorecendo o uso compartido de recursos. Tamén propoñen mellorar o funcionamento da coordinación entre as sociedades públicas e o capital risco e priorizar a financiación pública do I+D+I naquelas áreas “que resulten relevantes para Galicia conforme a unha estratexia de especialización intelixente para a rexión”.

cxgCompromiso por Galicia: Pola súa parte, CxG promete “axudas e promoción do investimento público e privado en empresas de alto contido tecnolóxico, en colaboración coas universidades galegas”, así  como o desenvolvemento da investigación científica e técnica sobre as problemáticas ambientais e formas de produción limpas e sostibles. Debido as “características propias que deveñen do forte avellentamento” da poboación galega, CxG propón aumentar os esforzos en investigación biomédica”. Do mesmo xeito, impulsarán “a participación dos axente públicos e privados en proxectos de biotecnoloxía nacionais e internacionais”.

A nivel orgánico, propoñen a “elaboración dun mapa de investigación sanitaria para eliminar duplicidades en programas de investigación, xerar sinerxias entre equipos complementarios e aumentar o uso eficiente das infraestruturas científico-tecnolóxicas”.

No eido público, CxG propón a “creación da Rede galega de centros de investigación e desenvolvemento (REGACINDE) como instrumento para empregar con maior racionalidade e eficiencia a infraestrutura científica e tecnolóxica existente”, incluíndo os centros de investigación que dependen xa da administración pública galega, “mais os doutros organismos que deberían transferirse, facendo mixtos algúns centros e servizos tecnolóxicos da universidades e do Centro Superior de Investigación Científicas. Tamén contemplan a creación da Universidade Aberta Galega, para atender as necesidades, potencialmente moi amplas nun futuro próximo, de docencia superior a distancia, e o achegamento do sistema universitario galego, os seus centros de investigación e das súas facultades a vilas e cidades de todo o país”.

doDemocracia Ourensana: O partido dirixido por Gonzalo Pérez Jácome, a pesar de que só se presenta na provincia ourensana, destaca pola súa proposta de implantar “un gran Instituto de Investigación en Intelixencia Artificial“, o “primeiro do mundo hispánico. D.O. asegura que “terá unha plantilla dun milleiro de traballadores”.

Aquí podes consultar os programas completos:

Partido Popular

PSdeG-PSOE

En Marea

Bloque Nacionalista Galego

Compromiso por Galicia

Democracia Ourensana

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.