Investigadores dos grupos Geotech e GTE. Fotos: Duvi.

Edificios máis eficientes con selo da UVigo

Os grupos Geotech e GTE participan no proxecto europeo Enginency

Tres pequenas empresas industriais de España, Francia e Holanda xunto con dous grupos de investigación do eido da enxeñaría industrial e da enxeñaría de minas traballan conxuntamente no proxecto Enginency, que ten como obxectivo desenvolver, implementar e optimizar solucións para mellorar a eficiencia enerxética dos edificios. Trátase dun proxecto europeo seleccionado polo programa Horizonte 2020 e cun orzamento total de tres millóns de euros e dous anos de duración. O proxecto está coordinado pola compañía española ICM División Industrial, pero os motores do proxecto son os dous equipos de investigación da Universidade de Vigo implicados: Grupo de Tecnoloxía Enerxética (GTE) e Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas (Geotech). Precisamente este martes todos os socios mantiveron unha xuntanza de traballo no campus vigués para facer unha posta en común dos avances dos diferentes grupos de traballo.

Os investigadores principais destes grupos, Enrique Granada e Pedro Arias, explican que “a idea xorde no campus” a partir dunha rede de excelencia da Xunta de Galicia, conformada por catro grupos da Universidade de Vigo. “Apostamos por trasladar a idea a un proxecto europeo e buscamos empresas deste sector como socios”, e así implicáronse nesta iniciativa ademais da Peme española que coordinada, a francesa QIVIVO e a holandesa DEMO Consultants BV. Deste xeito tres empresas privadas e unha institución pública de investigación de tres países unen os seus coñecementos para ofrecer solucións tanto para instalacións e obras novas como para adaptar a xestión das xa existentes. O proxecto arrancou en xullo deste ano e ten dous anos de duración cun orzamento de 3 millóns de euros, dos cales a Universidade de Vigo xestionan 712.000.

Unha das innovación é unha mochila con sensores que analiza o interior dos edificios.

Unha das innovación é unha mochila con sensores que analiza o interior dos edificios.

O obxectivo de Enginency é facer unha posta en común do potencial técnico, económico e social destas institucións para reducir drasticamente o consumo de enerxía dos edificios e diminuír as emisións de CO2. Os investigadores explican que Enginency poderá ser empregado como un apoio para a toma de decisións por parte dos xestores e expertos en enerxía a través da integración da auditoría enerxética con solucións tecnolóxicas avanzadas para a toma automatizada de medidas. “Permitirá realizar simulacións sobre modelos calibrados automaticamente e motores de análise para desenvolver unha ferramenta holística para inspeccionar edificios e medir a súa eficiencia enerxética”. En particular, Enginency permitirá ao usuario final reducir o consumo enerxético dos edificios por riba do 50%, cunha fórmula de risco cero, ao tempo que permite ás empresas de servizos enerxéticos unha redución do 94% nos custes de inspección e unha redución do 88% na duración da inspección, obtendo resultados 15% máis precisos, cun tempo de recuperación de só 12,4 meses.

O consorcio de Enginency aproveitará o importante crecemento previsto do mercado da eficiencia enerxética en Europa, así como a experiencia e a actual rede de distribución dos seus socios, para entregar a súa solución a empresas de servizos enerxéticos e usuarios finais xerando 65 novos postos de traballo dentro do consorcio e un ingreso acumulado que agardan supere os 20 millóns de euros durante os cinco primeiros anos de comercialización. Segundo os investigadores, isto representa unha “oportunidade única de crecemento e expansión do mercado para os membros do consorcio”.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.