Capa de cinzas nun estudo tras o incendio do monte Pindo no 2013. Fonte: SGHN

Capa de cinzas nun estudo tras o incendio do monte Pindo no 2013. Fonte: SGHN

Científicos alertan do risco de sustancias canceríxenas na auga tras os incendios

A Sociedade Galega de Historia Natural pide á Xunta que analice os encoros das zonas queimadas por risco de hidrocarburados aromáticos

A Sociedade Galega de Historia Natural pediu hoxe oficialmente á Çonsellería de Sanidade “que proceda urxentemente a analizar os niveis de hidrocarburos aromáticos policíclicos e elementos traza nas augas e nos sedimentos dos encoros nas zonas afectadas pola recente vaga de lumes forestais”.

Benzo(a)pireno, un hidrocarburo moi tóxico para a saúde.

Benzo(a)pireno, un hidrocarburo moi tóxico para a saúde.

Os motivos desta petición son ‘a aplicación do principio de precaución‘, xa que as cinzas dos lumes forestais conteñen hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAPs), que teñen efectos nocivos sobre a saúde humana e mesmo provocar cancro e mutacións xenéticas. Estes compostos poden pasar ás fontes e aos encoros, contaminando a agua potable, segundo explica no estudo publicado hoxe esta organización científica galega, fundada en 1973.

Hai que salientar que os hidrocarburos aromáticos policíclicos se producen de xeito natural na combustión de moitas sustancias. Por exemplo, no tabaco ou na carne preparada á brasa. Tamén, de xeito masivo, na queima de carbón en centrais eléctricas ou de combustible nos vehículos a motor. A súa toxicidade está demostrada e a SGHN manifesta a súa preocupación porque, tras unha vaga de lumes como a vivida en outubro, poden xerarse masivamente e facer que as augas de consumo non sexan potables e que danen a vida natural de flora e fauna.

“Os hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAPs) son un grupo de máis de 100 sustancias orgánicas químicas diferentes que se forman durante a combustión incompleta do carbón, petróleo, lixo e outros produtos orgánicos; tamén poden ser produtos industriais empregados na construcción, tinturas e pesticidas”, explican na súa nota os científicos: “Moitos HAPs son contaminantes orgánicos tóxicos, persistentes e bioacumulables, que en maior ou menor medida teñen (ou se sospeita que teñen) efectos carcinoxénicos ou mutaxénicos”.

No ano 2014, a SGHN xa pediu a Augas de Galicia que mostree estes hidrocarburos

A Sociedade Galega de Historia Natural recorda que os HAPs “tamén se orixinan en grandes cantidades durante os incendios forestales e logo son arrastrados polas choivas cara aos cursos e masas de auga, ata o punto de que unha recente publicación científica empregou as súas concentracións en sedimentos dun lago para elaborar un rexistro histórico de incendios na súa bacía (Denis et al., 2012)”.

A presenza en praias e sedimentos de encoros galegos de HAPs orixinados por incendios forestais xa está comprobada alomenos por dous estudos. Por unha banda, nunha investigación sobre niveis destes hidrocarburos nos ovos das píllaras das dunas (Charadrius alexandrinus) (Vidal et al., 2011) detectouse un incremento de 5 veces na concentración de HAPs despois da vaga de lumes de 2006, que tivo uns efectos maiores nos niveis de HAPs que a marea negra do Prestige.

Un segundo estudo, o de Impacto Ambiental da “Central reversible Salas-Conchas” detectou niveis moi elevados de HAPs nos sedimentos recollidos preto do muro de presa do encoro das Conchas (río Limia), tras sucesivas vagas de lumes.

A SGHN destaca tamén que nos sedimentos erosionados de zonas queimadas en Galicia (Gómez-Rey et al., 2013) “téñense detectado niveis moi elevados de algúns elementos traza (nomeadamente zinc e manganeso) que poderían comprometer a potabilidade das augas”.

Monte de Pazos de Borbén afectado polos incendios. Foto: Duvi.

Monte de Pazos de Borbén afectado polos incendios. Foto: Duvi.

Xa no ano 2014, os científicos da SGHN pediron a Aguas de Galicia que incluíse a análise de hidrocarburos aromáticos policíclicos nas súas análises de masas de auga naturais ou artificiais. “para avaliar se existe ou non contaminación e, xa que logo, factores de risco para a calidade das augas, os organismos acuáticos e a saúde humana

“A recente vaga de lumes que asolou boa parte de Galicia, incluindo zonas densamente habitadas, calcinou extensas superficies nas cabeceiras ou na contorna de mananciais, captacións de auga, ríos e encoros tanto hidroeléctricos como de abastecemento de auga ás poboacións, polo que existe o risco de que as cinzas, carbóns e sedimentos arrastrados polas choivas ocasionen a contaminación dos cursos e masas de auga, incluidas as empregadas para abastecemento humano e animal”, di o informe do SGHN.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.