Venres 26 Abril 2024

A ciencia recorda a Luis Iglesias no Día do Científico Galego

Hoxe, 16 de xuño, celébrase o VII Día do Científico Galego. E para conmemóralo, a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) leva a cabo un programa de actividades que inclúe varios espectáculos didácticos dirixidos a grupos escolares e un acto académico aberto ao público. O día está adicado o naturalista vigués Luis Iglesias, de quen se recoñece especialmente a súa contribución á entomoloxía e á loita contra as pragas agrícolas causadas tanto por insectos como por fungos, cunha especial atención a Galicia.

Ao longo da mañá terán lugar dous talleres-espectáculo nos que, a través de experimentos divertidos e didácticos, se dará a coñecer o legado do homenaxeado. Estas sesións divulgativas, deseñadas especificamente pola Fundación Barrié para a ocasión, celebraranse na Facultade de Química da Universidade de Santiago de Compostela (USC), na que Luis Iglesias desenvolveu boa parte do seu labor docente e investigador.

Publicidade

Alí tamén terá lugar, ás sete da tarde, o acto académico para homenaxear a figura de Luis Iglesias, presidido polo presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos, e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo. O evento, de carácter público, incluirá unha semblanza persoal a cargo de Manuel Bermejo, catedrático de Química Inorgánica da USC. Ademais, Victoriano Urgorri, catedrático de Zooloxía da USC e director da Estación de Bioloxía Mariña da Graña, impartirá unha conferencia sobre o museo que leva o nome do homenaxeado.

A RAGC aprobou a elección de Iglesias pola súa contribución á entomoloxía e á loita contra as pragas agrícolas

Ademais, o Concello de Santiago, que vén de acondicionar o parque de San Roque como Parque das Ciencias Isidro Parga Pondal e nos seus bancos colocou placas alusivas aos científicos galegos recoñecidos pola RAGC, instalará hoxe a correspondente a Luis Iglesias.

Tamén se dará a coñecer o nome do gañador do preguntoiro científico online sobre a figura de Luis Iglesias que a Fundación Barrié puxo en marcha na súa web. Ademais, durante as próximas semanas será distribuída nos centros escolares de toda Galicia a unidade didáctica elaboradas por expertos sobre a figura e o legado do naturalista galego.

A colaboración da Fundación Barrié nesta iniciativa realízase no marco de educabarrié, a iniciativa da Fundación Barrié para achegarse á comunidade educativa, e que está xa activa en centros escolares das catro provincias.

A RAGC aprobou por unanimidade a elección de Iglesias pola súa contribución á entomoloxía e á loita contra as pragas agrícolas causadas tanto por insectos como por fungos. Luis Iglesias dálle nome ao Museo de Historia Natural da USC, a colección de patrimonio histórico-científico máis importante de Galicia, que está pendente de reabrir as súas portas na súa nova sede. O museo fora creado no século XIX, pero logo dunha etapa de decadencia polo abandono das autoridades universitarias e políticas recuperou o seu esplendor a principios do século XX, en gran medida grazas á achega de Iglesias, que contribuíu cunha colección de cerca de 6.000 insectos clasificados e documentados.

Especies de insectos

Mediante a súa tese de doutoramento, Iglesias foi o primeiro investigador en catalogar en España a familia de insectos coñecidos como curculiónidos, formada por gurgullos e picudos. A súa enumeración consiste en 135 xéneros con 1.117 especies destes insectos, moitos deles causantes de pragas moi prexudiciais para diferentes tipos de cultivos agrícolas. Este sería un dos detonantes que orientaron máis adiante o labor de investigación aplicada que Iglesias levou a cabo para controlar e erradicar estas e outras pragas.

O seu labor investigador sobre os insectos foise centrando co paso dos anos na fauna galega, con descubrimentos significativos no campo dos coleópteros, concretamente os das familias CarabidaeCerambycidae Chrysomelidae. Son especialmente valiosos os seus estudos sobre o comportamento destes e outros insectos, que documentou en obras como Escenas de la vida de los insectos e La vida social en el hormiguero.

O seu traballo sobre as langostas españolas, os seus parásitos e os medios para combatelas, xunto con outro sobre as principais enfermidades das plantas de interese agrícola e a maneira de erradicalas convertérono nun entomólogo experto de referencia na loita contra as pragas dos insectos no campo.

Neste ámbito, Iglesias colaborou coa empresa Zeltia e dirixiu o Laboratorio de Fitopatoloxía e Consultorio de Pragas do Campo do Instituto de Estudos Rexionais, que el mesmo axudara a fundar. Durante cerca de trinta anos, o científico prestou a través deste consultorio un servizo divulgativo e práctico ao agro galego na loita contra as enfermidades provocadas nos cultivos por insectos e fungos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O economista galego Antón Costas, novo ingreso na Academia de Ciencias

O acto celebrarase o vindeiro luns no compostelán Pazo de San Roque ás 19:00 horas

Atracción fatal ou confusión? Este é o verdadeiro motivo polo que os insectos voan arredor das bombillas

Estes animais non se dirixen ao foco luminoso, senón que se inclinan cara a el, desvíanse e modifican de forma errática a súa traxectoria

A chegada do mosquito tigre a Galicia, unha visita que a comunidade científica esperaba

O aumento das temperaturas favorece a proliferación deste tipo de especies que pode criar nas contornas das casas

Galicia avanza para contar cos seus propios medicamentos CAR-T nos próximos anos

A finais de ano abrirá un centro de produción en Santiago e un proxecto de investigación traballa para aplicalos en tumores sólidos