A momia e o esqueleto van ó médico. O, máis exactamente, é o médico quen lles pasa consulta. Porque a Paleopatoloxía é unha disciplina que permite diagnosticar o antigo estado de saúde a través dos restos mortais dun humano. O xeito como se alimentaba, as doenzas que sufría, o seu modo de desprazarse… nos ósos e nos tecidos xa mortos están as respostas ao modo de vida de comunidades antigas. O que se ten convertido nunha forte ferramenta en Arqueoloxía.
Coñecer desde unha nova perspectiva as trazas que a alimentación, as enfermidades ou a mobilidade deixan nos corpos humanos é o obxectivo da xornada ‘Paleodiet meets Paleopathology’ (A paleodieta atópase coa paleopatoloxía), que se celebrará na Universidade de Santiago entre o 15 e o 16 de outubro e que reunirá na cidade a máis de oitenta especialistas e investigadores de Europa e América, entre eles destacados expertos das universidades de Cambridge, Bradford, Leiden, Copenhague ou Estocolmo. O rexistro no congreso está aberto ata o 27 de setembro e é de balde.
Segundo os organizadores, o simposio procura establecer pontes entre disciplinas científicas tradicionalmente separadas entre si. A química dos ósos pode reconstruir a dieta dos nosos antergos. E as doenzas deixan marcas nos esqueletos. E poden revelar enfermidades como a tuberculose ou a obesidade, asi como a detección de periodos prolongados de fame.
Doenzas como a tuberculose deixan marcas nos esqueletos
O obxectivo é explorar as sinerxias entre a dieta e as enfermidades, pero tamén entender outras circunstancias de antigas poboacións humanas, como a alimentación de homes e mulleres, a propagación das doenzas infecciosas ou as migracións.
A través do desenvolvemento de técnicas como a análise de isótopos estables ou o ADN antigo hoxendía é posible reconstruír datos clave da dieta e as mobilidade dos individuos. Pero o encontro ‘Paleodiet meets Paleopathology’ vai reunir especialistas diversos, dende a arqueoloxía, á bioloxia ou á antropoloxía física.
O encontro está organizado pola Rede Consiliencia, que agrupa a grupos de investigación das universidades de Santiago de Compostela e A Coruña nos ámbitos da Arqueoloxía, Historia, Ciencias Sociais, Antropoloxía Física, Ciencias da Terra e Tecnoloxías da Información e Comunicación. A rede está financiada pola Xunta de Galicia (R2014/001). As coordinadoras do evento son as doutoras Olalla López-Costas (USC), Gundula Müldner (Universidade de Reading) e Aurora Grandal D´anglade (UDC).