Venres 29 Marzo 2024

Actos en toda Galicia festexan o 'Día da Ciencia en Galego'

Diversas institucións e colectivos festexan este mércores 4 de novembro o ‘Día da ciencia en galego‘, que reivindica a oportunidade do uso da lingua galega para a investigación, a divulgación e a docencia. A xornada enmárcase dentro do Mes da Ciencia, que se celebra ao longo de novembro cun intenso programa de actos. As tres universidades galegas teñen organizado eventos, dentro da rede na que participan en conxunto dende o ano 2010, co lema ‘En galego tamén se fai ciencia‘.

Cartel da edición de 2015 do Día da Ciencia en Galego.
Cartel da edición de 2015 do Día da Ciencia en Galego.

A Universidade de Santigo ten programado un abano de actividades “coas que se reivindica o dereito a unha formación científica en lingua galega en todos os niveis educativos”, segundo a institución. Este ano a efeméride estará dedicada aos científicos galegos Carlos Gómez-Reino Carnota e Isidro Parga Pondal, este último universalmente considerado como símbolo do científico galego.
O acto co que comeza o Día da Ciencia en Galego na USC presidirao o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, ás 11.00 horas no Museo de Historia Natural (Parque de Vista Alegre, s/n). A esta sesión asistirán tamñén a directora do Museo, María Isabel Fraga; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Miguel Ángel Ríos; Isidro Parga en representación da familia Parga Pondal; e o director do CEIP de Prácticas López Ferreiro, José Ramón Carril. Coincidindo con esta conmemoración, a entrada ao Museo será de balde durante todo o día.
O Día da Ciencia en Galego contempla un abano de actividades que, ademais do acto no MHN, terá continuidade noutras iniciativas como a da Biblioteca Xeral da USC que publica en formato PDF a obra ‘Isidro Parga Pondal e Carlos Gómez-Reino Carnota na bUSC’ na que se recolle unha escolma da bibliografía que sobre o ilustre xeólogo e o profesor de Física se atopa nesta biblioteca.
En Lugo, ás 16.30 horas no Parque Rosalía de Castro, está programada a ruta xeolóxica ‘A historia que contas as pedras que pisas’. Posteriormente, ás 19.30 horas na Casa do Saber, celebraranse dúas conferencias arredor de Parga Pondal como cidadán e como científico e, especificamente sobre o seu labor científico.

O Museo de Historia Natural da USC lembra a figura de Parga Pondal

Xa o sábado 7 o Museo de Historia Natural da USC acolle unha serie de obradoiros gratuítos arredor do pai da Xeoloxía en Galicia, para os que é preciso inscrición previa. Nenos e nenas de entre 6 e 12 anos visitarán en horario de mañá as coleccións do MHN nas que Parga traballou e realizarán actividades ao seu redor coas que poderán comezar a súa propia ‘Colección de pedras de Galicia‘ como no seu día fixera Parga Pondal. A quenda dos adultos será o mesmo día en horario de tarde, de 17.00 a 19.00 horas.
Ese mesmo día, a Biblioteca Intercentros de Lugo acolle de 10.30 a 19.00 horas o segundo ‘ Wikimaratón’ do Día da Ciencia en Galego.
Por outra banda, a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística festexará a xornada cunha videoconferencia para os centros de ensino secundario en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística e a Área de Redes e Comunicacións Multimedia da Universidade da Coruña.
Xurxo Mariño Alfonso, Doutor en Ciencias Biolóxicas pola USC, especialista en neurofisioloxía e activo divulgador científico, ofrecerá una charla para o alumnado do 2º ciclo da ESO e o Bacharelato que chegará a 108 centros educativos e máis de 6.000 alumnos.

Publicidade

Mes da ciencia do CSIC en Galicia

Pola súa banda, o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) presentou unha programación máis ampla, que se desenvolve ao longo de todo o mes de novembro, como mes da ciencia. O programa de actividades terá como escenarios Santiago de Compostela, Vigo e Pontevedra e comeza o sábado 7 de novembro. Entre os seus obxectivos atópanse achegar liñas de investigación do CSIC na comunidade galega, fomentar as vocacións científicas e aumentar a Cultura Científica na sociedade.

Presentación do Mes da Ciencia do CSIC Galicia.
Presentación do Mes da Ciencia do CSIC Galicia.

O luns 16 de novembro ábrese ao público no Liceo Casino de Pontevedra (Rúa Manuel Quiroga, 21) a exposición dos debuxos que se presentaron ao concurso escolar ‘O Solo’, que conmemora a celebración este 2015, do Ano Internacional dos Solos. Esta iniciativa está organizada polo CSIC a través da Misión Biolóxica de Galicia, xunto co Liceo Casino de Pontevedra, a Sociedade de Ciencias de Galicia e a Estación Fitopatolóxica do Areeiro.
A exposición permanecerá aberta ao público, con entrada libre, ata o venres 20 de novembro, cando, ás 19.00 horas, terá lugar o acto de entrega dos diplomas aos finalistas e os premios aos galardoados nas dúas categorías (6-8 anos; 9-11 anos).
A MBG, ademais, oferta visitas guiadas ás súas instalacións para estudantes universitarios e de bacharelato, e talleres prácticos sobre as súas liñas de investigación para alumnado de ESO, Bacharelato e Formación Profesional.
En Vigo, no Instituto de Investigacións Mariñas terán lugar os ‘Seminarios Mes da Ciencia no IIM’. Así, o 13 de novembro ás 11.00 horas Ricardo Prego impartirá a charla titulada ‘Son raras as terras raras en Galicia?’ e o 20 de novembro Antonio Figueras coa charla  ‘Son malos os transxénicos?’. A entrada é libre ata completar aforamento.

Haberá visitas guiadas a centros do CSIC como a Misión Biolóxica ou o IEGPS

A segunda quincena de novembro, na rúa do Príncipe o IIM realizará ‘Obradoiros de Ciencia Mariña’, para centros escolares en horario de mañá e para o público xeral en horario de tarde. Nesta actividade realizaranse cinco talleres titulados: ‘O ADN do peixe’, ‘Sal de mesa nos océanos’,  ‘Mini-estación de peixe cebra’, ‘As mates que nos alimentan’ e ‘Que hai nunha pinga de auga de mar?’
Ademais, en colaboración coa Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia, o IIM realizará os días 26 e 27 de novembro a actividade ‘Tarde entre microbios na Biblioteca Pública central de Vigo’, que virará ao redor dos audiovisuais Kaleid@labs, cuxa produción estivo financiada pola FECYT-MINECO. Diríxese ao público infantil (4-8 anos). A entrada é libre. Por outra banda, no marco tamén da 25º Semana de Cinema Submarino o IIM estreará o documental ‘Un espectador vulnerable’, que presenta os resultados do proxecto CEFAPARQUES.

A sétima edición de Biodiversión ofrece experimentos para os cativos

En Santiago de Compostela, os sábados do mes novembro o CSIC participará na Cidade da Cultura no programa de actos do ‘Mes da Ciencia nas Bibliotecas de Galicia’ con diversas actividades que terán lugar na Biblioteca e no Arquivo de Galicia ás 17.00 horas. O 7 de novembro a responsable da UCC do CSIC en Galicia fará unha sesión de contacontos en torno ao conto ‘Non quero ser un polbo’ (OQO Editora). O obxectivo é introducir aos asistentes, dun modo ameno e divulgativo, contidos científicos relacionados coa vida dos cefalópodos. A entrada é libre ata completar aforamento (120 prazas) e a actividade diríxese ao público familiar. En canto aos talleres, o 14 de novembro levará a cabo o ‘Obradoiro de extracción de ADN’; o  21 de novembro o ‘Obradoiro de Arenoglifos’ e o  28 de novembro o de ‘Flora e fauna nunha pinga de auga’.
Os días 16, 18 e 20 de novembro de 09.30 a 13.30 horas terá lugar no IIAG (Campus Vida, s/n) a sétima edición de Biodiversión, cuxo obxectivo é achegar, a través de talleres prácticos, a ciencia e as liñas de investigación do citado centro ao alumnado de Primaria desde un punto de vista lúdico e divertido. A iniciativa contempla, ademais, un concurso de debuxo e outro de relatos.
O Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento, pola súa banda, ofrece visitas guiadas ás súas instalacións para alumnado de ESO e Bacharelato. Estas visitas correrán a cargo do seu director, Eduardo Pardo de Guevara e Valdés, quen, ademais de presentar en ton divulgativo o labor do centro no ámbito da historia de Galicia, mostrará aos asistentes o material musealizado que se conserva e a biblioteca.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo do CSIC logra controlar unha doenza causante da extinción dos anfibios

Os investigadores aplicaron un funxicida agrario sen observar trazas do produto nin efectos significativos na química e bioloxía da auga

Zendal lanza a primeira vacina de tecnoloxía ADN contra a leishmaniose canina

‘Neoleish’ reduce a presenza do parasito en máis dun 90% e mellora os signos clínicos da doenza

Un composto natural reduce o impacto da seca e mellora a produtividade do tomate

Un equipo do CSIC e da UPV descobre como actúa o butanoato de hexenilo, un aroma que emiten estas plantas para resistir ás bacterias

Como usar datos históricos para a conservación de especies: así é a nova metoloxía con pegada galega

A UVigo e o CSIC proban un método en escaravellos coprófagos ibéricos que permite comprender a súa resposta a cambios ambientais