Marilar Aleixandre, profesora da USC e membro da comisión de Ciencia do Consello da Cultura Galega.

Marilar Aleixandre, profesora da USC e membro da comisión de Ciencia do Consello da Cultura Galega. Foto: Anxo Iglesias.

“A pseudociencia ocupa máis espazo nos medios que a ciencia”

Marilar Aleixandre, escritora e profesora de didáctica das ciencias na USC, reclama unha divulgación científica rigorosa e en galego

Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) leva tantos anos en Galicia -chegou na década dos 70- como tempo loitando pola presenza do idioma nos ámbitos científicos e no ensino das ciencias. Bióloga de formación, profesora de didáctica das ciencias na Universidade de Santiago, escritora e unha das coordinadoras de Setestrelo, a canle científica do Consello da Cultura Galega, reivindica o galego entre as fórmulas químicas e os algoritmos matemáticos, e chama a atención das facultades de ciencias, afastadas da docencia no idioma propio. A divulgación científica é unha obriga da comunidade investigadora pero cómpre rigor ao facela: lamenta Aleixandre que as pseudociencias seguen a ocupar máis minutos e espazo nos medios que a investigación seria.

Que significaba ensinar e divulgar a ciencia en galego nos anos 70?

Comecei a dar clases en galego nun momento no que non había ningún manual e no que ademais, a mediados dos 70, non había nin sequera dicionarios.  Eu o único que tiña era o de Don Eladio, aquel dicionario en tres tomos. Unha das primeiras cousas que fixen foi elaborar en Vigo materiais en galego e lembro tamén que no ano 1976 se fixeran unhas xornadas do ensino en Maceda nas que un grupo de xente presentamos uns folletos sobre as árbores de Galicia. Esas xornadas acabaron coa Garda Civil entrando porque foran prohibidas polo Goberno Civil. No 1981 tiñamos case acabado o primeiro libro de ciencias en Galego e a editorial parouno porque non lle pareceu adecuado nese momento. Levaba o nome de Xilbardeira e editámolo finalmente como edición de autor na imprenta de Vigo onde todos os partidos clandestinos facían os seus panfletos. Distribuíse directamente nos institutos e tivemos un montón de leas. Foi no ano 1989 cando xa saíu Setestrelo 1 e 3, para 1º e 3º de BUP. Estes son os primeiros libros de ciencias en galego. Ao mellor  hai xente que non sabe que o primeiro libro que editou Xerais foi o do colectivo Vacaloura, un libro de matemáticas en galego. O galego nas ciencias é unha reivindicación presente dende o comezo.

‘Moita xente non sabe que o primeiro libro que editou Xerais foi de matemáticas en galego’

Que hoxe exista un Día da Ciencia en Galego -o 7 de novembro- fala de que malia os avances aínda quedan cousas por facer.

O famoso decreto do trilingüísmo déixalle ao galego un terzo das horas lectivas como se fose unha lingua estranxeira. Xustamente hai materias como Física ou Matemáticas que se colocan impartidas obrigatorias en castelán. Penso que isto reflicte unha idea por parte do goberno galego que dá moito que pensar, materias que teñen que ser en castelán e outras en galego. Dende principios dos 80, hai mais de trinta anos, estamos no mesmo que hoxe… temos que seguir dicindo que as ciencias poden ser, e deben ser, abordadas en galego. Durante todo este tempo o certo é que a divulgación en galego foi cousa de total voluntarismo individual, dende clases e materiais en galego a todo o traballo de divulgación científica. Non había practicamente nada até hai uns cinco anos, ou algo así, que aparecen algún libros, GCiencia máis tarde, varias liñas editoriais de divulgación científica e mesmo programas na radio e televisión, como o espazo de Jorge Mira ou Efervesciencia, os dous na Radio Galega. Tamén actividades nos bares, combinadas con teatro, como fai Xurxo Mariño. Todo isto é moi recente.

Marilar Aleixandre.

Marilar Aleixandre. Foto: Anxo Iglesias.

E un dos ámbitos máis tardíos a normalizar?

Eu fun profesora de instituto durante doce anos antes de selo na Universidade.  Lembro que daquela moito alumnado coñecía o nome das árbores en castelán.  Co actual decreto resulta que, non sei por que, unha das materias que se está dando en inglés en moitos centros é precisamente a de Ciencias da Natureza. Os nenos aprenderon que  o sauce é o salgueiro e agora diranlle willow! Eu conto unha anécdota de Dieste e da súa muller, que era inspectora e visitaba escolas. El preguntáballe a uns nenos se sabían o nome dunhas flores que había por alí, o mexacán, esta floriña amarela, e a nena dixo que non o sabía. Pero logo á mestra díxolle que si, que se chamaba mexacán, pero que non se atrevera a chamarlle así.  Estamos perdendo todo ese patrimonio lingüístico. Onte tiven unha actividade de laboratorio cos alumnos e leveilles mexacáns; para eles era unha margarida. Antes había moito máis contacto coa natureza, porque os rapaces vían o campo. Hai unha perda total do que é o coñecemento de árbores e plantas; non é doado atopar unha persoa que distinga o que é unha xesta dun codeso… E logo hai outra cousa: a cultura enténdese por cultura humanística e a cultura científica non se considera parte. Se non sabes que Follas Novas o escribiu Rosalía considérante un analfabeto, pero cando ven o granito do Porriño chámanlle mármore e quedan tan tranquilos. Mesmo xente culta non distingue máis alá de media ducia de árbores. Tenme pasado, con escritores mesmo. Esta conversa, por exemplo: – Mira que sabugueiro en flor! – Anda, non me digas que é un sabugueiro! -Pero se o tes nun poema!  -Pero non sabía que era isto!

‘Ata hai cinco anos, case non había divulgación científica en galego, agás voluntarismo individual’

Segue a haber prexuízos cara o idioma?

Eu creo que non nese aspecto. Antes do 1982 si que había xente, profesorado, que aínda non tendo mala actitude cara o galego, se sentía inseguro á hora de dar as ciencias en galego. Hoxe en día en teoría ese problema non existe porque a xente que fixo os seus estudos a partir do 82 estudou en galego. Hai libros de ciencias en galego e gran cantidade de materiais, afortunadamente, guías, materiais didácticos, na rede. Porén, hai que dicir que as facultades de ciencias son as que menos usan o galego.

Iso non revela prexuízos?

A porcentaxe de uso do galego é pequena en todas as carreiras. A USC é a única que leva moitos anos estudándoo sistematicamente e non chega nin ó 30% de media. Cando se deron as primeiras clases en galego na Universidade? Aconteceu simultaneamente en Químicas, con Manolo Bermejo, e en Letras, en Gramática, con Antón Santamarina. Antes deunas Carballo Calero pero eran xa clases de lingua galega. Nesa facultade de Química nos anos 70  na que se deron as primeiras clases en galego unha persoa que fixo a tese comigo acabou a carreira de Química sen recibir unha soa clase en galego, na USC. Creo que a comunidade científica ten que facer un esforzo para incorporarse. Espero que coa xente nova cambie, estamos nun momento no que conservar o galego debería ser esforzo de toda a sociedade, cada sector debería poñer o seu. Hai moito máis galego nas aulas de Infantil e Primaria que na universidade. Nas carreiras de ciencias e nas enxeñarías o galego é anecdótico.

‘Hai moito máis galego nas aulas de Infantil e Primaria que na universidade’

Hai que crear aínda un público para os contidos científicos nos medios?

Xa teñen un público e unha audiencia, eu cre que o publico existe e tamén se crea. É mentira que a xente non lea, le moito máis ca antes porque, entre outras cousas, sabe ler todo o mundo. O que teñen é que ser comunicadas dun xeito accesible. Non esperta o aspecto afectivo como os animais ou mesmo as árbores, pero hai un público. Creo que a persoa que máis charlas dá nos institutos é Anxo Carracedo.

O reto é facer contidos culturais dende a ciencia.

Creo que hai certo prexuízo e descoñecemento. Hoxe a xente ten que saber o que é o buraco de ozono ou por que dicimos que o cambio climático é algo xerado pola actividade humana para saber que todos temos unha responsabilidade niso. É importante ter unha opinión pública que obrigue aos gobernos a tomar medidas.

Toleraríamos menos con máis información científica?

É importante que a xente coñeza para que poida tomar decisións e para iso é necesario que a ciencia se recoñeza como parte da cultura. Existe o tópico de que o único que ensina a pensar son a Filosofía e as Humanidades. É un bulo que se botou a rodar por aí interesadamente por xente que sabe ademais que non é certo. As miñas investigacións son sobre iso, o razoamento científico, baseado en probas científicas. As ciencias axudan a ese pensamento crítico, a formar unha opinión crítica.

Di que a pseudociencia abunda nos medios.

Si, a pseudociencia ten moitas máis páxinas nos xornais e horas nas televisión e radio que a ciencia. Decatémonos da cantidade de suplementos e xornais, por non dicir todos, que levan páxina de horóscopo. E logo en cousas máis serias,  a homeopatía neste momento está aprenderse nalgún sitios das universidades, empezando pola USC, e eu non o podo entender. Cando se usaban o mercurio ou o arsénico como medicamento, si, nese momento era mellor beber auga, pero neste momento non hai ningunha proba científica a favor da homeopatía. Acontécelle como á astroloxía, non mudou nunca, e esa é unha das características das pseudociencias, porque as ciencias cambian. A xenética que fai Carracedo non ten nada que ver coa xenética na época de Mendel, e Mendel foi un gran científico. As hipóteses cambian cando aparecen novos datos. A homeopatía vai contra todo o que sabemos da química e da física. É un escándalo que se lle faga propaganda. Eu vou pechando as farmacias de Santiago que venden homeopatía, quedei con moi poucos lugares onde poder mercar.

‘Eu poño como exemplo en divulgación a Carracedo, a Jorge Mira e a Xurxo Mariño’

Que debe ter a boa divulgación?

En primeiro lugar ten que ser rigorosa e para iso ten que facerse con coñecementos científicos. É importante que se escriba nun rexistro accesible. O discurso ten que transformarse. Hai grandes científicos aos que lles custa moito comunicar nunha linguaxe accesible. Pero non hai unha preocupación por ensinarlle á xente a comunicarse nun rexistro que sexa accesible ao público e creo que falta na educación. Ponse moito o acento na escrita, e na Universidade sería importante tamén que as persoas que se forman nas especialidades de ciencias fosen capaces de comunicarse en diferentes rexistros. Neste sentido o papel de proxectos como Gciencia é moi importante e obriga aos científicos  a contar o que fan de maneira que poda chegar ao público. É tamén o que queremos en Setestrelo.

Facerse entender sen renunciar ao rigor.

Creo que no mundo anglosaxón hai máis grandes científicos que son grandes divulgadores, como Richard Dawking, que fala de cousas como xenética dun xeito accesible. Iso comeza aquí. Poño o exemplo de Carracedo porque é unha persoa que o fai moi ben, ou Jorge Mira, eu escoito o seu espazo na Radio Galega e cóntao dun xeito moi claro, como Xurxo Mariño. Nestes momentos estase poñendo en marcha unha normativa da UE para comer insectos. Sobre iso hai prexuízos pero calquera dos que comemos chapulíns en México sabemos que é moi semellante a comer camaróns. Pódese facer que isto se entenda, mesmo para nenos e nenas de Primaria e ademais pódese facer en galego, que vale para cantar unha muiñeira pero tamén para dar unha clase de Física.

En que medida axuda tamén a recoñecer o labor dos científicos nun momento no que ademais os orzamentos de investigación se reducen e obrigan a moitos investigadores a emigrar?

A sangría que sufriu a investigación científica en España coa crise dende hai catro anos é algo que vai tardar en recuperarse décadas. Podemos pensar no problema persoal, que é enorme, pero o problema é o que sufre o país. Estamos enviando fóra á xente mellor formada e é algo que pagamos toda a sociedade.  A ciencia en Estados Unidos é a primeira do mundo pero moitos dos científicos non foron formados alí. Eu xa escoitei falar de oportunidades. Eu falo cinco idiomas e son perfectamente consciente disto, fixen estadías en distintos países e iso é unha cousa distinta. A xente ten que poder traballar aquí porque é necesario para os equipos científicos. Eu colaboro bastante con dous equipos de Estados Unidos que están facendo un estudo sobre as clases de ciencias. Estase facendo con máis de 50 profesores e cun orzamento de tres millóns de dólares. Non ten nada que ver cos proxectos que temos aquí de educación, que andan polos 70 mil euros para tres anos. E ademais parte do profesorado, tamén nas universidades, é interino, profesorado que está en precario, pouco máis que mileuristas.

Unha resposta a ““A pseudociencia ocupa máis espazo nos medios que a ciencia””

  1. Vaia coa académica

    En serio, as palabras desta “académica da lingua galega” déixanme atónito. Para empezar, polo ataque desproporcionado e sen sentido que fai contra as Humanidades. As seguintes frases non teñen desperdicio: “Hai unha perda total do que é o coñecemento de árbores e plantas (..) E logo hai outra cousa: a cultura enténdese por cultura humanística e a cultura científica non se considera parte”. Claro, e que para esta “académica” é moito máis importante coñecer 30 variedades de flores (coa tremenda utilidade que ten) que leerse as obras de Rosalía, Castelao, Méndez Ferrín… O seu concepto de “cultura” está bastante afastado da realidade e parece que vive na Posguerra máis que no século XXI… Pero as mellores opinións da “académica” son as -paradoxicamente- que dedica á lingua e a súa situación actual na sociedade e no ensino. Afirmar que a presenza do galego nas aulas de Infantil e Primaria e moito maior que na Universidade -cousa, por outra parte, que de ser real estaría xustificada por cuestións que a “académica” nunca entendería- demostra o seu descoñocemento da realidade. Nunca pisou un aula de Infantil, iso está claro. O peor é que realiza esta afirmación sen aportar evidencia empírica ningunha, sen citar polo menos algún traballo que aporte datos neste sentido. Creo que para loitar contra a “pseudociencia” ela mesma debería dexar de facela, porque cando fala de cuestións lingüísticas non fai más que “pseudociencia”. Claro que para ela, “académica” da lingua galega, a Lingüística non será unha ciencia e o único que fai é ocupar o lugar que deberíamos destinar ao coñecemento de 40 variedades de castaño… E pensar que ocupou o lugar de Neira Vilas na Academia…

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.