Galego de laboratorio

"Aínda hai mentes estrañas que pensan que non se pode facer ciencia en galego", reflexionaba un científico do noso país

“Aínda hai mentes estrañas que pensan que non se pode facer ciencia en galego“, reflexionaba hai uns meses un científico do noso país. Dío alguén que percorreu medio planeta e que traballou nunha das mellores universidades do mundo. Algo máis aló de Pedrafita si que foiTodos escoitamos algunha vez as críticas cara o “galego de laboratorio“, ou as súas variantes -“xunteiro”, “do telediario”, etc.- en contraposición a un suposto galego xenuíno e popular, ás veces castelanizado de máis. Curiosamente, un galego que ofrece unha enorme gama de variantes e matices a través do territorio. Son ideas que equiparan a normalización da nosa lingua coa artificialidade e cunha crenza errónea de imposición. Non por casualidade, estas ideas rematan entroncando co illamento que o galego aínda sufre hoxe na ensinanza científica e tecnolóxica. Imos ver:

Sempre fomos lingua de pobres e poetas, lingua do pobo. Despois da escuridade e da noite de pedra, fomos quen de coller o galego das casas, das agras e dos portos e levalo, non sen atrancos, ás aulas, aos hospitais, ás xanelas da administración, aos medios e á cultura.

E desde os seus comezos, o sistema cultural galego centrou nas artes e nas humanidades os seus esforzos na difusión do idioma. Grazas a este labor, hoxe gozamos dunha notable e constante produción literaria e artística de noso. Incluso se asumiron algunhas normas non escritas que non deixan de ser paradoxais: ao falar sobre cultura, os medios nos que predomina o castelán mudan de xeito sistemático ao galego. Pequenas conquistas, mais insuficientes.

“O sistema cultural galego centrou os seus esforzos nas artes e as humanidades”

E a ciencia? Onde ficou a ciencia? É certo que o inglés manda, como lingua académica de referencia, e que os nosos científicos deben publicar nese idioma para daren a coñecer os seus avances nas revistas de maior impacto. E en menor medida, tamén manda o castelán. Pero debe significar isto unha renuncia? O problema non está aí. Aparece moito antes, xa na infancia, cando esas “mentes estrañas” das que falaba o científico deciden, por exemplo, que os nosos nenos e as nosas nenas non poden aprender matemáticas en galego durante o ensino primario. Por que? Tan complicado é dicir “álxebra”,” tanxente”, “eixe” ou “converxente”? Na secundaria tampouco se pode falar de tecnoloxía, física ou química no noso idioma. Por que non se pode dicir “funil”; “baleiro”, “osíxeno”, “xofre” ou “chumbo”? O que se deixa de nomear acaba por non existir e morre.

Houbo que agardar ata este mesmo ano, 2017, para que unha editorial galega apostase por unha colección dedicada en exclusiva a libros de divulgación científica escritos na nosa lingua. Con esta iniciativa “a cultura galega madurou por fin”, engadía o científico do que falamos ao comezo. Así como tivemos a Rosalía temos a Ángel Carracedo e tivemos a María Wonenburger, a Ángeles Alvariño, a Parga Pondal ou Ramón María Aller, e é a nosa obriga dar a coñecer as súas brillantes traxectorias.

Un país que desexe prosperar debe apoiar aos seus científicos e ás súas investigacións. Do mesmo xeito, a fala precisa tamén á ciencia para sobrevivir e prestixiarse, para que non deixe de existir o que se deixa de nomear. Precisamos escribir e falar de matemáticas, de física, de astronomía, de química e de bioloxía. Precisamos berrar moi forte “xofre”, “Xúpiter”, “fungo”, “casula”, “elo” e “funil”; “xene”, “ollomol”, “píntega”, “amieiro” ou “ril”.

Así conseguiremos ter, algún día, unha verdadeira lingua de laboratorio.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.