As pasadas edicións de Ciencia Singular foron un éxito de asistencia.

Os centros singulares de investigación da USC abren as portas ás familias

A investigación do CiQUS, CiMUS, CiTIUS e IGFAE porase un ano máis ao servizo da divulgación o vindeiro sábado 16 de novembro

Tres edicións e, por primeira vez, catro centros de investigación: o vindeiro sábado 16 de novembro, a Rede de Centros Singulares de Investigación da Universidade de Santiago (RCSI-USC) celebrará unha nova edición de ‘Ciencia Singular’, a xornada de portas abertas dirixida á súa contorna social máis próxima. Un encontro concibido como o maior evento anual de divulgación promovido ata o de agora polos equipos de investigación de CiQUS, CiMUS e CiTIUS, e no que por primeira vez en 2019  estará tamén presente o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE).

A participación nestas xornadas é complemente gratuíta e require rexistro previo a través da web oficial do evento: https://cienciasingular.usc.es. As persoas interesadas en participar, soas ou acompañadas das súas familias, poderán inscribirse a partir do próximo martes 5 de novembro ás 16:00, ata completar aforo.

A escala molecular
A Química é unha das ferramentas máis poderosas coas que conta a sociedade para afrontar os desafíos do século XXI. Cada día, o compromiso dos investigadores do CiQUS permite explorar novas aplicacións en campos como a saúde (Química Biolóxica e Médica), ou a industria (Materiais Funcionais, Catálisis). En só oito anos, o centro tense consolidado como referente de investigación interdisciplinaria na fronteira entre a Química, a Biomedicina e a Ciencia de Materiais.

Enfermidades crónicas e medicina molecular
O CiMUS traballa na prevención, comprensión e tratamento das enfermidades crónicas en áreas como cancro, endocrinoloxía, cardiovascular, neurociencias, xenética e bioinformática, nanomedicina ou desenvolvemento de fármacos. Xunto co Hospital Clínico Universitario de Santiago, o centro está integrado no IDIS, un Instituto de Investigación Sanitaria acreditado polo Ministerio de Sanidade.

Tecnoloxías intelixentes
Os investigadores do CiTIUS traballan no desenvolvemento dunha nova xeración de tecnoloxías intelixentes que leven a Intelixencia Artificial do plano teórico ao mundo real, permitindo a súa integración na industria e na sociedade dunha forma transparente, robusta e fiable. As aplicacións destas tecnoloxías abarcan múltiples ámbitos que van desde o tecido empresarial ata a seguridade civil, pasando pola saúde, o transporte ou as cidades intelixentes, entre outras.

Na elite da Física
O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) é un centro acreditado como Unidade de Excelencia María de Maeztu, cuxas áreas de investigación tentan dar resposta a moitas das preguntas esenciais da natureza física: o estudo da realidade microscópica a nivel fundamental (Modelo Estándar), a conexión entre física de partículas e cosmoloxía, e a estrutura nuclear e as aplicacións médicas. Dende a súa fundación, o IGFAE leva no seu ADN a colaboración internacional con grandes infraestruturas internacionais de prestixio, como o Gran Colisor de Hadróns do CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear).

Aquí podes reservar a túa praza en CIENCIA SINGULAR

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.