Nace o CITMAga para fortalecer a investigación matemática en Galicia

As tres universidades públicas impulsan un centro que aposta pola "excelencia e a transferencia de coñecemento en todas as áreas das Matemáticas"

O CITMAga
O CITMAga "dotará a cidadanía e a industria de coñecemento innovador e vantaxes competitivas e sostibles a través do acceso a capacidades científicas e tecnoloxías de primeiro nivel”, segundo destacan os impulsores. Foto: Santi Alvite / USC.

A USC, UDC e UVigo unen forzas na creación do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemáticas de Galicia (CITMAga), un novo centro que aspira a converterse nun piar de excelencia científica dentro do ecosistema de innovación e investigación de Galicia, formando, atraendo e retendo talento, “para dotar a sociedade e a industria galega e española de coñecemento innovador e vantaxes competitivas e sostibles a través do acceso a capacidades científicas e tecnoloxías de primeiro nivel”, sinalan dende as tres institucións.

A iniciativa integra deste xeito as capacidades científicas e tecnolóxicas das tres institucións no eido das Matemáticas máis competitivas e no marco dunha nunha Axenda científica común, aliñada cos retos globais definidos polos programas marco europeos (Horizon Europe), a Estratexia Española de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación e a RIS3 de Galicia.

“Somos unha potencia na investigación e na transferencia das matemáticas e neste senso o CITMAga continuará co bo facer que ata o de agora desenvolveron tanto o Instituto de Matemáticas da USC, como o Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI)”, quixo subliñar o vicerreitor de Investigación e Innovación da USC, Vicente Pérez Muñuzuri, logo da reunión do Consello Reitor celebrada este mércores e que serviu de punto de partida para este centro interuniversitario.

Nesta reunión do Consello Reitor tamén se nomeou o Consello Asesor Científico Externo, que estará integrado por Manuel de León, fundador e ex-director do Instituto de Ciencias Matemáticas (ICMAT); Luis Vega, ex-director do Basque Center for Applied Mathematics (BCAM); Emilio Carrizos, presidente da Red Math-in; Patrizia Pucci, profesora da Universidade de Perugia; e Kathryn Hess, profesora da Ecole Polytechnique Federale de Lausane, todos eles referentes no ámbito das Matemáticas a nivel internacional, e líderes de iniciativas de éxito coma o ICMAT ou o BCAM.

Dado que a actividade de transferencia é tamén un piar do centro, o CITMAga contará cun Comité Asesor Industrial do que formarán parte Rebeca Acebrón, CEO en Acebrón Group e vicepresidenta de ASIME; Emilio Bruquetas, director xeral de Reganosa; Javier Bullón, ex-director de I+D de Ferroatlántica; Antonio Torrado, director da área de Big Data & Advanced Analytics de SDG Group Iberia; e Xosé Ramón Sousa, director de I+D de Optare Solutions.

Obxectivos e funcións

Segundo os seus estatutos, o obxecto do CITMAga será o da “investigación de excelencia e a transferencia de coñecemento en todas as áreas das matemáticas, a través do establecemento dunha axenda científica orientada e especializada, organizada en áreas de investigación e programas dirixidos á consecución dos retos globais establecidos nas estratexias marco de I+D+i”.

Así, a través da xeración de coñecemento, as colaboracións científicas, académicas, científicas e de transferencia ou a contribución á formación matemática ás novas xeracións, CITMAga achegará todo este labor aos diversos axentes da sociedade galega.

Entre outras funcións, o novo centro acollerá os proxectos de I+D+i en colaboración con empresas e institucións, definirá e desenvolverá as estratexias e proxectos de valorización deste coñecemento, realizará actividades orientadas a favorecer a internacionalización deste traballo e á formación do persoal. Igualmente, encargarase de crear e impulsar as posibles empresas de base tecnolóxica que xurdan ao seu abeiro para integralas no mercado.

Estes obxectivos reflíctense claramente na súa organización científica. A Axenda M4 inclúe catro áreas de investigación e transferencia (AIT), —Matemáticas para a vida e a sustentabilidade, Matemáticas para a sociedade dixital, Matemáticas para a competitividade industrial e Matemáticas para a ciencia e o coñecemento— concibidas como programas interdisciplinarios que promoven a colaboración científica e a interacción institucional para resolver problemas globais relacionados coa vida e a saúde, a sociedade dixital e a industria, así como para xerar e difundir coñecementos matemáticos de vangarda.

Referencia internacional na disciplina

Segundo destaca a USC, a ciencia matemática é un ámbito científico no que a institución ocupa unha posición destacada en distintos rankings a nivel estatal e internacional. No ámbito da Física e as Matemáticas está entre as 10 mellores universidades españolas e a nivel internacional a súa posición adoita estar no tramo 300-400. Neste senso, o Instituto de Matemáticas da USC, creado en 1984 adscribiu a un bo número de investigadores en matemáticas desenvolvendo unha labor investigadora de alto nivel. “As matemáticas na USC teñen destacado no contexto español pola súa capacidade de establecer relacións coa contorna industrial, no ámbito xeral da matemática aplicada”, apunta o vicerreitor de Investigación e Innovación.

A estreita relación coa contorna e a necesidade de contar con mecanismos de transferencia adaptados ás necesidades das demandas por parte da industria levaron a un grupo de investigadores e investigadoras das tres universidades galegas, a promover a creación dun consorcio interuniverstario, o ITMATI, que dende a súa creación, en 2011, desenvolveu unha destacada actividade na posta a disposición do coñecemento e as capacidades matemáticas desenvoltas nas universidades galegas ao mundo empresarial. A relación co entorno industrial materializouse en distintas iniciativas como por exemplo a creación dunha Unidade Mixta de Investigación con REPSOL, coñecida multinacional española do sector enerxético, e tamén numerosas colaboracións con empresas punteiras como Reganosa. A creación do CITMAga supón, polo tanto, un novo paso ao tratarse dun centro interuniversitario que aspira a converterse nun centro de investigación de referencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.