Portas abertas para a divulgación nos centros de investigación da UVigo

Centos de investigadoras e investigadores desenvolven a súa actividade no Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (atlanTTic), no Centro de Investigación Mariña (CIM) e no Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio). Ao longo dos anos, o persoal dos tres centros de investigación da Universidade de Vigo foi quen de captar decenas de millóns de euros en proxectos e contratos de I+D, rexistrar decenas de patentes e sumar miles de publicacións, unha actividade que, non obstante, a sociedade apenas coñece e en consecuencia, apenas recoñece.

Cartel das xornadas.
Cartel das xornadas.

Co obxectivo de que a cidadanía poida descubrir, nalgúns casos, a existencia, e noutros, a actividade que realizan os centros de investigación da institución académica, atlanTTic, CIM e Cinbio, desenvolverán ao longo dos meses de outubro e novembro un programa de actividades que permitirán ás e os participantes descubrir “a investigación que se fai na Universidade e que o coñecemento que obtemos é útil para o benestar da sociedade”, explicou Belén Rubio, vicerreitora de Investigación esta mañá na presentación das xornadas de divulgación científica e tecnolóxica. De balde e previa inscrición, calquera persoa, tanto adultos como nenas e nenos, poderán participar neste programa de actividades que está financiado pola  Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia a través do Programa de Axudas para a acreditación, estruturación e mellora de centros de investigación singulares e agrupacións estratéxicas consolidadas do Sistema Universitario de Galicia cofinanciada polo FEDER, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Publicidade

Na presentación do programa de actividades, na que Rubio estivo acompañada polas directoras e directores dos centros de investigación e pola vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, a vicerreitora de Investigación lembrou que a Universidade de Vigo atópase, segundo o ránking elaborado por Times Higher Education, entre as mellores 500 institucións do mundo en enxeñaría, tecnoloxías da comunicación e ciencias do mar, “ámbitos que a Xunta puxo en valor coa creación no seu día dos centros singulares”.

Decenas de actividades

O programa de divulgación científica comezará o sábado 6 de outubro no peirao de A Laxe onde o Centro de Investigación Mariña porá, en varias quendas de mañá e tarde, a disposición das persoas, que previamente se inscribisen, un barco, a bordo do que poderán presenciar “exemplos de exploración mariña con drones e robots, recolleremos mostras do fondo e desembarcaremos no peirao da Ecimat, onde agardará un grupo de traballo de atlanTTic que fará demostracións sobre toma de medidas e uso de drones en investigación mariña e logo iremos á Ecimat onde haberá obradoiros dirixidos por persoal do centro”, explicou Daniel Rey, director do CIM.

Publicidade

Pola súa banda, baixo o lema Cinbio ConCiencia: Investiga con nós, o Centro de Investigacións Biomédicas colocará unha carpa, o 19 de outubro na rúa do Príncipe en Vigo e ao día seguinte no Paseo de Ourense, onde se desenvolverán obradoiros sobre xenética, nanopartículas bioinformática ou apnea do sono, así como un almorzo saudable. As actividades continuarán no propio Cinbio o 26 de outubro e no Politécnico de Ourense o 27 de outubro, con xornadas de portas abertas, “co obxectivo de que a xente coñeza que facemos no ámbito da investigación e a saúde. A idea é que toquen, vexan e poidan ver os laboratorios”, explicou África González, directora do Cinbio.

No caso de atlanTTic, as actividades desenvolveranse nas instalacións do centro, na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, o día 9 de novembro, a través de obradoiros “para achegar cousas que á sociedade lle soa que facemos as e os enxeñeiros de telecomunicación e que nalgúns casos non son difíciles de entender como as comunicacións por satélite, a manipulación de imaxes, a nova xeración de telefonía móbil 5G”, detallou Carlos Mosquera, director de atlanTTic.

A vicerreitora de investigación agradeceu a participación dos centros nestas actividades de divulgación que permitirán “achegar á cidadanía o que facemos e que se utiliza no día a día e moita xente descoñece que moitos deses descubrimentos fanse o lado da súa casa, na súa cidade”, asegurou Belén Rubio, que animou á cidadanía a participar, inscribíndose previamente.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Arden máis os espazos protexidos? Cando os datos non xustifican o relato

Os estudos dispoñibles non demostran que a protección aumente o risco de incendio nin que unha maior intervención sobre a vexetación sexa a resposta
00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto

Máis aló da madeira: o proxecto galego que busca novos aproveitamentos do monte dende Baroña

Multi-Forest, unha iniciativa impulsada dende Feuga, aplica imaxes satelitais para diversificar os usos do territorio, dende a micoloxía ata o certificado de calidade

Volven as G-Night: máis de 150 actividades científicas nas rúas das sete cidades galegas

Máis de 500 investigadores achegar experimentos, obradoiros e demostracións a públicos de todas as idades o 25 de setembro