Carracedo louva a unión entre Galicia e Portugal ao recibir o ‘honoris causa’ en Braga

O catedrático galego foi investido co recoñecemento da Universidade do Minho este luns, nun emotivo acto celebrado na Praza do Paço

“De sorriso fácil”, “neto de médico, fillo de bancario, e estivo a un paso de ser fareiro”, e “un dos maiores nomes da Xenética Forense en todo o mundo que lidera desde Galicia o maior grupo mundial deste sector”. Así presentaba a Universidade do Minho no vídeo conmemorativo para celebrar o nomeamento como doutor honoris causa en Psicoloxía de Ángel Carracedo (Santa Comba, 1955) da institución, que tivo lugar nun acto celebrado este luns no salón medieval da Reitoria da universidade, na Praza do Paço, en Braga.

A cerimonia, á que asistiron numerosas autoridades de Galicia e Portugal, entre elas, o reitor Antonio López, comezou coa intervención do neuropsicólogo e catedrático da Universidade  do Minho, Óscar Gonçalves, encargado da laudatio introdutoria.

Publicidade

A institución académica destaca de Ángel Carracedo que se trata dunha “personalidade esencial da sociedade científica”, amplamente recoñecido non só polo seu impacto nos campos da xenética forense, clínica e de poboacións, senón tamén na aplicación dos seus estudos en beneficio da sociedade, con importantes contribucións no campo da  farmacoxenética. Ademais, pon de manifesto “as súas enormes contribucións á cultura galega, sendo un fervente impulsor da alfabetización científica na difusión dos valores científicos e humanos”.

“Na antesala do Nobel”

Gonçalves, que non dubida en situalo “na antesala do Nobel”, asegura que o científico de Santa Comba entende “a ciencia como servizo, sobre todo como servizo”. Pola súa banda, Ángel Carracedo agradeceu o nomeamento, gratitude que fixo extensiva ao seu equipo e familia e pronunciou un discurso sobre ‘A  xenética e a psicoloxía’ no que falou, desde o punto de vista da xenética, da importancia da diversidade e a necesidade da  educación en valores.

Publicidade

No seu discurso en galego, Carracedo fixo un alegato na defensa da lusofonía e avogando pola proximidade lingüística e cultural, alén do xeográfico, entre Galicia e Portugal, descoñecida no país luso “sobre todo ao sur do Porto”. “Só unha minoría saben que os galegos existimos e resistimos con cultura propia, con esta lingua tan próxima da portuguesa, tan querida e estimada por nós. De xeito que ás veces non sentimos excluídos da familia e moi lonxe de sermos algo semellante a un palop do norte”, dixo Carracedo.

“Só unha minoría en Portugal saben que os galegos existimos e resistimos con cultura propia”

Do mesmo xeito, abordando xa a xenética, salientou a continuidade e estreita relación histórica entre as dúas beiras do Minho, coa “similitude paisaxística, cultural e humana entre as dúas beiras da raia”. “Teño que dicir que non me gustan as fronteiras, e a trazada entre Galicia e Portugal foi trazada precozmente nos tempos medievais pero nunca foi totalmente permeable, ao contrario cá maioría das europeas”. E engadiu: “Aínda que as linguas diverxeron, é reconfortante ver como unha das fronteiras máis antigas de Europa divide pobos que, despois de 800 anos de separación, aínda conseguen conversar de xeito espontáneo sen grande esforzo”.

Ángel Carracedo dirixe o grupo Genomics and Bioinformatics da USC e coordina o labor do Grupo de Medicina Xenómica (USC-IDIS), primeiro a nivel mundial en número de citas na área da Medicina forense e entre os primeiros na área da xenética. As súas principais liñas de investigación actuais son a xenética de enfermidades raras, a de trastornos psiquiátricos e a do cancro e farmacoxenómica que combina coa súa dedicación á Medicina forense.

Carracedo é director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica (SERGAS), do Centro Nacional de  Xenotipado e da Fundación Kaertor para o descubrimento de fármacos. Ao longo da súa traxectoria profesional, o profesor Carracedo publicou máis de 700 artigos en revistas internacionais, incluíndo artigos en Nature, Science e Cell, ademais de nas principais revistas de cancro, psiquiatría,  farmacoxenómica e medicina legal.

Asemade, recibiu numerosos premios, entre os que destacan o Premio Rey Jaume I de Investigación, concedido por un xurado de máis de 20 premios Nobel; a Medalla Adelaide, a distinción máis importante a nivel mundial en Medicina Forense; a Medalla  Galien, a Medalla de Ouro de Galicia, o Premio Prismas de Divulgación, a Medalla Castelao, o Premio Novoa Santos, a Cruz ao Mérito da Policía e da Garda Civil, o Premio Fernández-Latorre, a Medalla de Ouro da Organización Médica colexial, ou a Medalla de Ouro da USC, entre outros. O profesor Carracedo é tamén doutor honoris causa por outras universidades de Europa e América ás que se suma o recoñecemento deste luns.

1 comentario

  1. Emocíoname ,anímame e tamén enorgulléceme que unha persoa da talla personal e centífica como Carracedo manifeste íste compromiso e declaración pública da idea da Unión de Galicia-Portugal. Tamén que lamente- con tanta claridade- a intervención política o longo da historia querachou realidades xeogràficad e culturales, dividindo e separando en dúas mitades un mesmo País..

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos

Galicia presenta no Parlamento Europeo unha ferramenta pioneira para avaliar o uso do galego na IA

O Proxecto Nós, impulsado pola USC, amosa os resultados iniciais de “Arena Nós”, que analiza como os grandes modelos comprenden, xeran e representan a lingua