Venres 1 Decembro 2023

Universidade+Santiago = Matemáticas

As matemáticas non minten. Certo que os recortes orzamentarios están facendo caer ás tres universidades galegas nos rankings internacionais. Pero hai áreas onde se manteñen altas. Vigo faino en Enxeñería e Biotecnoloxía. A de Santiago, en Matemáticas e Ciencias Naturais en xeral. A de A Coruña ten un problema: non destaca nos ránking, por razóns que habería que estudar.

Para a USC, as matemáticas son un filón. De feito, a universidade compostelá está no posto 52 do mundo nesta área segundo o ránking de Shanghai, o máis prestixioso do mundo. E só tres universidades españolas están no Top 100 desta materia. Aínda que tamén padecen a falta de financiación, as contas son moi claras: Universidade+Santiago= Matemáticas. Aínda que nesta suma poden aparecer outras disciplinas nas que está en vangarda, por exemplo as vencelladas ó Campus Vida.

[box size=”large”]10 universidades españolas están entre as 200 mellores do mundo no eido das matemáticas[/box]

Dez universidades españolas están entre as 200 mellores do mundo. Son datos moi salientables como evidencia o feito de que países como Alemaña ou Reino Unido sitúan once e oito universidades, respectivamente, nestes postos de honra.

Estes apuntamentos conforman o informe elaborado pola Conferencia de Decanos, Decanas, directores e directoras de Matemáticas xunto coa Real Sociedade Matemática Española (RSME-CDM) presentado na xuntanza que se celebrou esta semana na Universidade de Santiago. O informe, unha análise da situación da investigación en Matemáticas en España, afirma que a investigación española ocupa un lugar relevante no contexto internacional tanto institucional como individualmente.

A produción científica española neste ámbito científico representa o 12% das publicacións europeas en Matemáticas e un 4,6% no ámbito mundial, cun incremento acentuado nos últimos anos xa que en 1996 representaban o 7,6% da produción europea e o 2,6% da mundial. Ademais, o número de citas por artigo supera nun 6% a media mundial da área.

Son máis de 1.000 as persoas dedicadas a investigación neste campo, participantes habituais en proxectos de investigación financiados no marco do Plan Nacional de I+D+i. Ademais impártense 40 programas de doutoramento, o 62% valorados positivamente na mención de excelencia do Ministerio de Educación, Cultura e Deportes, e deféndense aproximadamente 140 teses de doutoramento anualmente, das que algo máis do 10% abordan temáticas de enfoque interdisciplinar con outros campos científicos. Como se puxo de manifesto na presentación do informe, “a investigación en Matemáticas é extremadamente rendible dende un punto de vista científico, destacando ademais o seu aspecto multiplicador polo cada vez maior compoñente interdisciplinar”.

[box size=”large”]Os decanos advirten do risco de ‘retroceso irreversible’ polos recortes en investigación[/box]

Fronte este panorama, a diminución orzamentaria, a inestabilidade e incerteza nos prazos e condicións das convocatorias xunto ás crecentes trabas burocráticas ameazan gravemente con provocar un “retroceso irreversible”. “O panorama en España é preocupante de cara ao futuro”, alertan os decanos e decanas de Matemáticas ante a evolución experimentada pola investigación en España cun descenso continuado, tanto do número de proxectos como do seu financiamento por parte do Ministerio de Economía e Competitividade. Dos 126 proxectos e 7 millóns de euros de financiamento acadados en 2011 aos 77 proxectos e 3,5 millóns en 2013.

O informe tamén chama a atención sobre o reducido número de contratos posdoutorais Ramón y Cajal concedido para este área: 4 en 2012 e 5 en 2013 para toda España. Segundo os expertos reunidos en Compostela, esta tendencia unida á crecente ausencia de estabilidade para os contratados/as “condiciona gravemente o relevo xeracional na investigación matemática española”.

Alta taxa de emprego

Xunto aos indicadores investigadores, o informe tamén alude á proxección dos estudos de grao. Segundo a enquisa de poboación activa publicada polo INE en 2013, os titulados/as universitarios en Matemáticas rexistran a taxa de desemprego máis baixa de todas as profesións, un 6,81%, e a taxa de emprego máis alta xunto aos de Informática e titulacións de Ciencias da Vida. Na actualidade, máis de 6.000 estudantes cursan estudos nos 25 graos de Matemáticas impartidos por universidades públicas españolas, unha cifra crecente nos últimos anos.

Con esta Conferencia de responsables de facultades de Matemáticas, unha das actividades máis relevantes neste ámbito en España, conmemórase o 25 aniversario da creación da CDM, que se reuniu por primeira vez en Santiago de Compostela no ano 2000. Agora, 14 anos máis tarde a Conferencia volve á USC como recoñecemento á relevancia nacional e internacional da Facultade compostelá tanto no eido docente, investigador como na transferencia das matemáticas á sociedade.

[box size=”large”]Santiago imprate 3 másteres en matemáticas e atrae gran número de alumnos[/box]

A de Santiago foi a primeira facultade de España, xunto ás da Universidade Autónoma de Barcelona e Salamanca, en impartir o grao de Matemáticas e ocupa tamén os primeiros lugares en número de alumnos de novo ingreso tendo unhas valoracións moi positivas nas enquisas de inserción laboral. Ademais, imparte tres másteres e tres títulos de doutoramento.

Do seu recoñecemento internacional dan conta, por exemplo, o posto 51-75 do Ranking de Shanghai en investigación mundial matemática, o terceiro no de Leiden ou o primeiro no de Granada. Nesta Facultade traballa tamén algún dos investigadores mais citados a nivel mundial no ámbito matemático nos últimos anos.

Como mostra do alto nivel de formación do alumnado destacan os numerosos premios nacionais e internacionais que reciben polos seus traballos, ben de investigación de docencia ou divulgación. Entre os máis recentes, o John Chambers Statistical Software de 2014, co que a American Statistical Association recoñece o deseño e desenvolvemento de programas estatísticos novidosos que faciliten a análise, visualización e manipulación de datos; o premio á mellor investigadora novel na XIV Conferencia Española de Biometría; o Bernd Aulbach que concede a Sociedade Internacional para as Ecuacións Diferenciais ou o de Promoción de Novos Investigadores 2013 da Real Academia Galega de Ciencias. Un dato máis: 5 das 13 axudas estatais concedidas para contratos predoutorais na área das Matemáticas para a Formación de Profesorado Universitario recibiunas alumnado da facultade compostelá.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia avanza para contar cos seus propios medicamentos CAR-T nos próximos anos

A finais de ano abrirá un centro de produción en Santiago e un proxecto de investigación traballa para aplicalos en tumores sólidos

Así era Castro Valente: a fotografía láser recrea a muralla da gran fortaleza medieval galega

Un estudo da USC usa as novas tecnoloxías para ampliar información sobre o xacemento de 10 hectáreas situado entre Padrón e A Estrada

O meteorito que brillou como cincuenta lúas cheas xa pode visitarse en Santiago

Tratouse dun asteroide de 1,15 metros de tamaño e 2,62 toneladas de masa que chocou contra a atmosfera a 15 Km/s

Unha tese galega demostra a viabilidade de reutilizar restos vinícolas e pesqueiros no país

Antonio Cortés avaliou a sustentabilidade das estratexias de valorización de residuos orgánicos, alén de estudar a ecoeficiencia dos procesos