Domingo 28 Abril 2024

Minas elabora un mapa enerxético en 3D das cidades de España

O investigador Pedro Arias.
O investigador Pedro Arias.

Foise co vento. Gran parte da factura da calefacción das nosas vivendas pérdese no aire por un mal illamento térmico. En Europa, preocupa este desfilfarro, que ten custos económicos e medioambientais. Así que a UE e o Goberno de España financian un gran estudo para coñecer o alcance da perda enerxética. Enxeñeiros da Universidade de Vigo traballan xunto a Universidade de Salamanca e a empresa privada para facer un retrato do país. Para iso, empregan “drons” e cámaras de alta tecnoloxía. Cando rematen teremos un espectacular  retrato en 3-D do Principio da Conservación da Enerxía: Nin se crea nin se destrúe… só se despilfarra.

No proxecto Ensmart converxen os esforzos de investigadores das universidades de Vigo e Salamanca, a spin-off da Universidade de Vigo Enxeñaría Insitu e as empresas Marsan e Dinsa, esta última coordinadora da iniciativa. As cinco entidades están a traballar no deseño dun mapa enerxético en tres dimensións das zonas urbanas de España que achegará datos sobre a cualificación enerxética dos edificios para poder mellorar a súa eficiencia. O obxectivo do proxecto é contar con mapas enerxéticos tridimensionais que permitan o coñecemento dos consumos enerxéticos dos edificios, para mellorar a eficiencia enexética tanto en contornas profesionais como domésticas.

Publicidade

A investigación emprega un avión non tripulado e veículos especiais

Cunha duración de tres anos, Ensmart arrancou en 2012, aínda que as universidades se incorporaron no 2013. O grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas da ETSE de Minas encárgase, xunto cos investigadores de Salamanca, de compilar a información sobre a envolvente térmica de edificacións en diferentes lugares de España para crear este mapa tridimensional. O investigador do grupo vigués Pedro Arias explica que “as institucións académicas se ocupan do modelado enerxético, é dicir, de recoller a información”, para o que deseñaron e implementaron tres vehículos que toman os datos da envolvente térmica dos edificios tanto dende terra como dende o aire. Dinsa e Enxeñaría Insitu ocuparanse da análise da información recollida, estimando o comportamento das edificacións e realizando as correspondentes recomendacións. Pola súa banda, a empresa valenciana Marsan céntrase no eido da seguridade e a saúde.

O proxecto está cofinanciado polo Ministerio de Economía e Competitividade e a Unión Europea, a través dos fondos Feder e ao abeiro do programa Unha maneira de facer Europa. Conta cun orzamento de 1,6 millóns de euros, un terzo dos cales son achegados por Dinsa.

Equipos terrestres e aéreos

Arias explica que “con este proxecto preténdese facer modelados ambientais urbanos dende a perspectiva enerxética, é dicir, determinar o comportamento de edificios dende este punto de vista”. Para iso estase a facer un modelado de fachadas de diferentes contornas urbanas de todo o país para identificar os puntos de fuga de enerxía, os puntos quentes, etc. Para isto os investigadores deseñaron tres vehículos equipados especialmente para recoller este tipo de datos, un deles percorrerá as rúas das cidades e os outros dous recollen información dende o aire.

As cámaras termográficas retratan a perda de calor nos edificios

O grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas encárgase do Mobile Mapping System (MMS), un vehículo terrestre destinado á adquisición da nube de puntos, imaxes, posición xeorreferenciada, intensidade e termografía de edificios ata o terceiro andar dos edificios. Neste equipo integráronse sensores ‘LiDAR‘ (Light Detection and Ranging) e sistemas inerciais e de xeorreferenciación que, de xeito independente, adquiren “grandes cantidades de información de edificios e mobiliario urbano”. O vehículo aéreo non tripulado (UAV), co que traballan ambas universidades, é manexado a distancia por un sistema de navegación autónomo, de tipo GPS/IMU, ademais de dispor de sensores con cámaras termográficas e cámaras visibles RGB que permiten obter información ata o último piso dos edificios, de xeito que cubre zonas ás que non chega o MMS. Finalmente, os investigadores da Universidade de Salamanca empregan o Paramotor, un vehículo tripulado que ten maior autonomía de voo e integra sensores coma os utilizados co UAV, o que lle permite sobrevoar zonas “máis amplas” e obter unha visión aérea das cubertas dos edificios.

Sensor térmico usado na investigación.
Sensor térmico usado na investigación.

As probas piloto realizáronse en Ávila, onde traballa o Grupo de Tecnoloxías da Información para a Documentación do Patrimonio (TIDOP) da Universidade de Salamanca, pero os investigadores de ambas institucións teñen xa recollidos datos de diversas localidades, que permiten obter resultados, aínda que de momento de xeito moi preliminar. O grupo vigués encárgarase do modelado de zonas urbanas en Galicia, seleccionando localidades de diferentes tamaños e orografías e localizacións para analizar como as diferentes casuístas afectan á eficiencia enerxética dos edificios. Pedro Arias explica que non se trata de facer un mapeo intensivo das cidades, senón de recoller datos que permitan facer unha idea dos diferentes comportamentos dos edificios”.

Información útil para auditorías enerxéticas

A combinación da información compilada polos tres vehículos permitirá reconstruír as zonas en tres dimensións posibilitando visualizar de forma completa dende todos os ángulos os edificios analizados”, apunta Diego González Aguilera, investigador do grupo TIDOP. Neste ano porase en marcha a plataforma Ensmart que será a que permita, a partir deste mapa en 3D, obter a información necesaria para a súa importación ao software de cualificación enerxética CE3X.

Xerarase posteriormente un informe cos resultados de cualificación enerxética que achegará, segundo os investigadores, “maior información que a proporcionada actualmente polos informes xerados polos programas de cualificación usados”. Esta información pode ser de grande utilidade para os procesos de auditoría enerxética desenvoltos por empresas de servizos enerxéticos e polas administracións públicas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas

Os bioplásticos e polímeros sintéticos teñen realmente capacidade de biodegradación?

O proxecto Polbio nace para determinar se este proceso pode ter algún efecto tóxico en ambientes terrestres e acuáticos