Mércores 21 Febreiro 2024

Medio cento de actividades de divulgación científica para celebrar a G-Night en Galicia

Os obradoiros, paseos, visitas guiadas, charlas e espectáculos gratuítos celebraranse nas sete cidades galegas o 29 de setembro

G-Night volverá encher de ciencia as rúas, museos e bares galegos o vindeiro 29 de setembro. A terceira edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras contará con preto de 50 actividades de divulgación, lecer e entretemento científico baixo o lema Conciencias Creativas. Os obradoiros, paseos, visitas guiadas, charlas e espectáculos gratuítos terán lugar nunha vintena de localizacións, espalladas polas sete principais cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo.

A coordinación desta iniciativa en Galicia correspóndelle á Universidade de Vigo (UVigo), que lidera un consorcio formado por unha ducia de socios, entre os que se atopan as universidades de Santiago de Compostela e A Coruña e organismos de investigación galegos. O  evento desenvólvese simultaneamente en preto de 400 cidades europeas, que se suman a esta iniciativa da Unión Europea (UE), financiada por Marie Sklodowska Curie Actions. No caso de Galicia, a G-Night desenvólvese cos recursos propios das entidades que integran o consorcio e co apoio da Xunta de Galicia.  

Publicidade

Case unha vintena de postos na expo-feira científica

O edificio Redeiras será o epicentro das actividades da G-Night en Vigo, que xunto cos soportais da praza Ribeira do Berbés, o café Vitruvia e o Porto, completan as localizacións das actividades da Noite Galega das Persoas Investigadoras organizadas pola Universidade de Vigo. Entre as 17.00 e as 21.00 horas, a sede institucional da UVigo acollerá a expo-feira, que contará con 19 postos científicos nos que integrantes de grupos da investigación da institución achegarán os seus coñecementos ao público asistente. Mergulla no solo, Termografía infravermella, Química Verde na industria téxtil: reciclaxe dos seus residuos e descontaminación das augas, Sobrevive ao cambio climático, Nanopartículas plasmónicas: un arco da vella metálico, Prende a chispa das túas neuronas, Unha viaxe polo nanomundo, Utilizamos residuos para limpar a nosa auga, Nós facemos robots, Velaquí a nosa pegada, Achégate ás telecomunicacións, Comprendendo as mentes materiais: modifica o mundo construído o cerebro?, A febre dos materiais e As Matildas da Ciencia son as actividades que se desenvolverán na feira, na que tamén participará o alumnado da UVigo responsable dos proxectos UVigo SpaceLab e UVigo Motorsport. 

Ademais, haberá un espectáculo de danza titulado Medo azul: cambio climático e incerteza na xente do mar, do grupo Future Oceans Lab (CIM). Tamén se celebrarán, no primeiro andar do edificio, dous obradoiros: Extractos de algas e cosmética (do grupo Biodesost, do CINBIO) e Os textos antigos tamén falan sobre a vulnerabilidade (do grupo GEAAT). No primeiro presentaranse cremas cosméticas ás que se incorporaron extractos de algas pardas e vermellas obtidos nos laboratorios da universidade; e no segundo, ao que cómpre inscribirse previamente, practicaranse tres escrituras da antigüidade: xeroglífica, micénica e latina.

O edificio Redeiras será o epicentro das actividades da G-Night na UVigo

Paralelamente, a aula 1 do edificio Redeiras tamén acollerá, desde as 18.15 horas, tres conferencias sobre a desigual distribución de custos do cambio climático, a intelixencia artificial e os fenómenos climáticos extremos. Ademais, entre as 20.00 e as 20.45 horas o público poderá asistir a unha charla do CITMaga, na que o investigador Carlos Meniño Cotón ofrecerá un relatorio titulado Matemáticas para a ciencia e a vida: topoloxía, datos e os segredos de Pompeia. Mentres, a aula 2 de Redeiras converterase nunha sala de proxeccións na que o público asistente poderá visualizar algúns capítulos da miniserie documental Desafíos do Océano: científicas ao mando, que forma parte dun proxecto do Campus do Mar liderado pola UVigo.

Tamén se proxectará Walking together in innovation, un vídeo promovido polo CINBIO e protagonizado pola investigadora do grupo de Filoxenómica Loretta de Chiara, que pon en valor o papel das mulleres investigadoras e inventoras. A peza foi o cuarto finalista no concurso internacional promovido pola WIPO este ano. A programación audiovisual completarase coa proxección do documental Xakexi Xjuani: La memoria de una lengua, de Mauricio Sereno, así como varios episodios de La Universidad responde, unha serie de pílulas audiovisuais nas que persoal investigador da UVigo ofrece solucións a preguntas frecuentes desde unha perspectiva científica.

Paseos científicos pola ría

As actividades da G-Night en Vigo complétanse cos tres paseos científicos a bordo da embarcación Inndaga do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, nos que unha ducia de persoas poderá coñecer as técnicas de mostraxe de sedimentos e caracterización de propiedades físicas da auga e do fondo mariño que emprega o persoal investigador do CIM. Os paseos dunha hora de duración, comezarán ás 15.00 horas, con saída desde o porto de Vigo, e será preciso rexistrarse para participar.

Ciencia no bar en Vigo, Ourense e Pontevedra

Outra das actividades que se repite nesta edición é a Ciencia no Bar, tras a súa boa acollida en anos anteriores. En Vigo o lugar escollido é café Vitruvia. Entre as 21.00 e as 22.00 horas do día 29 desenvolveranse dúas charlas, dirixidas especialmente a público adulto. Na primeira delas, Diana Valverde (CINBIO) e Paloma Morán (CIM), abordarán o impacto do sexo e o xénero sobre as enfermidades. Na segunda, Ana Larrañaga (Cintecx) falará sobre a ciencia de datos e o seu verdadeiro propósito. 

En Ourense o escenario será o Café & Pop Torgal, que o venres 29 de setembro acollerá, a partir das 18.00 horas, dúas charlas científicas que impartirán a investigadora María José Vázquez, quen ofrecerá un relatorio titulado A ciencia axuda a reducir a violencia de xénero, sobre a influencia da pornografía nas redes sobre as relacións e interacción sexuais; e o investigador José Manuel Galiña, quen ofrecerá unha charla baixo o nome Barferencias: Historia, Arte e Xerografía. Tanto no caso de Ourense coma no de Vigo, a entrada e libre ata completar a capacidade da sala.

En Pontevedra, a sesión de Ciencia no bar complétase cun paseo pola cidade. Baixo título Repensar a economía: desaprender para transformar, a cita será ás 19.00 horas na cervexería Nasa da man de Ecobas e o PostGrowth Innovation Lab. A idea é realizar obradoiros participativos que sinalen os límites e as oportunidades da economía nun mundo en crise para, a continuación, ás 20.30 h, realizar un paseo investigador onde se empregará a cartografía participativa para identificar sementes doutro tipo de economía e de ciencia económica. Para esta actividade é preciso reservar praza.

Un paseo científico polo río Gafos en Pontevedra

Ademais, continuando con Pontevedra, o Programa Universitario de Maiores ofrecerá un paseo científico polo río Gafos en horario de mañá, no que as persoas participantes terán a oportunidade de observar e diferenciar os diferentes liques que medran nas árbores e aprender sobre a súa importancia como bioindicadores. Esta saída terá unha duración de dúas horas cun límite de 20 prazas e é preciso rexistrarse para participar.

Researchers at schools

Durante estes días previos á celebración da G-Night estanse desenvolvendo visitas de científicos e científicas da Universidade de Vigo a centros escolares e institutos de Vigo, Pontevedra e Ourense no marco da iniciativa Researchers at schools. O obxectivo é achegar o traballo do persoal investigador da Universidade de Vigo ás escolas e institutos e dar a coñecer, ademais, as actividades da G-Night. 


Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo da UVigo demostra a viabilidade de ir a Marte usando propulsión solar eléctrica

Investigadores do campus de Ourense presentan o deseño preliminar dun satélite e proban a superiorade deste novo sistema

A UVigo adica febreiro a accións divulgativas polo Día da Muller e a Nena na Ciencia

O programa da Universidade de Vigo polo 11F inclúe obradoiros, feiras divulgativas, charlas e certames

A planta ‘Zostera’, aliada para mitigar os efectos da baixada de salinidade nas rías

Un equipo do CIM realiza un estudo pioneiro nas instalacións de Toralla onde imitan as condicións das mareas e os efectos das precipitacións intensas

Un equipo galego usará IA para detectar contaminantes nas augas termais

Investigadores da UVigo lideran o proxecto Aquapred que predicirá a posibilidade de aparición de bacterias como a lexionela e a E. coli