Martes 30 Abril 2024

A pequena ciencia dos grandes proxectos

 Español bandera-uk English

Empecemos polo principio. Detrás do complicado nome de nanobiotecnoloxía escóndese unha non menos complexa rama da nanotecnoloxía con aplicacións ou usos biolóxicos ou bioquímicos. É o campo no que se move Nanoimmunotech, unha spin-off xurdida das universidades de Vigo e Zaragoza, con desenvolvementos tan útiles como diversos: da localización de tumores á detección exprés de salmonella, ou da elaboración de test de embarazo á depuración de augas con ozono e nanopartículas de ouro.
“A empresa xurdiu en 2009 como consecuencia do enorme coñecemento que se atesoura no campo da nanobiotecnoloxía e das importantes perspectivas comerciais que ofrece”, explica o seu máximo responsable, Rubén Santos. O Centro de Investigacións Biomédicas de Vigo (Cinbio) e o Instituto de Nanociencia de Aragón (INA) unían as súas forzas para o desenvolvemento dunhas posibilidades que se enxergaban extensas. A participación en programas de colaboración, como os tres consorcios empresariais Interconnecta nos que participou, completan “un claro exemplo do éxito da tripla hélice: institucións, empresas e universidades”.

Bioconxugación, nanosensores e nanotoxicidade son as súas grandes áreas

Nanoimnmunotech, con sedes en Vigo e Zaragoza, participou en proxectos conxuntos para o desenvolvemento dunha vacina contra a cistite, a detección de substancias en plantas potabilizadoras ou a determinación do nivel de estrés en animais previo ao seu sacrificio, a través de análises de suor ou saliva, con compañías como CZ Veterinaria, Copasa ou Coren. Deste xeito, puido desenvolver un I+D no que traballan de forma permanente un mínimo de 14 empregados. “Somos unha empresa basicamente de I+D; é a principal finalidade do noso gasto, ao que destinamos máis do 50% do presuposto,” resume Santos.
A través das súas cinco marcas, a spin-off universitaria ofrece unha ampla gama de produtos e servizos feitos á medida: por exemplo, o deseño de nanopartículas, nanomateriais ou nanosistemas complexos; a comprobación das propiedades dun produto, os seus efectos biolóxicos ou o deseño de revolucionarios biosensores para a detección rápida, sinxela e ultrasensible de multianalitos.

nano1
Rubén Santos.

bioconxugación é un dos tres grandes campos nos que se desenvolve a compañía. “Trátase de pegar, unir biomoléculas con outras biomoléculas, nanopartículas, superficies, principios activos, fármacos… é algo que dá máis valor engadido á nanobiotecnoloxía, ademais do éxito que tiveron estes novos materiais biotecnolóxicos. A bioconxugación é moi interesante porque se logra un conxunto ou conxugado que ten como funcións a suma de todas as partes que se engadiron”, relata Santos. “Prestamos servizos a empresas do talle de Philips para mellorar os seus produtos de diagnóstico, e o que achegamos son os servizos de bioconxugación”.
A partir de aí, Nanoimmunotech buscou unha mellor formulación para facilitar unha ferramenta aos investigadores, tanto do ámbito público coma privado. Así comezou a desenvolverse un I+D que derivou en Nitzipper, unha tecnoloxía patentada que provén das universidades de Vigo e Zaragoza e que se destina a investigacións tan variadas como diagnóstico humano e animal ou ao sector alimentario. “Agora está a primeira xeración de produtos no mercado e xa xera vendas incipientes en máis de 20 países e contratos de distribución en Alemaña, Xapón, Corea do Sur…

Publicidade

A compañía xorde das universidades de Vigo e Zaragoza, onde ten as súas sedes

Outra das liñas de traballo da empresa prodúcese no terreo dos nanobionsensores: algo que detecta un elemento vivo, sexa na auga, no aire ou no sangue, por exemplo. “Ao final ese biosensor necesita un elemento biolóxico de recoñecemento; detectar unha biomolécula á que se une e di: pois aquí hai un patóxeno como a salmonella, ou un pesticida, ou un marcador canceríxeno,”. Iso transfórmase nun sinal visible, unha tradución perceptible, como no caso das tiras de embarazo.
“Biosensores hai moitos, con tecnoloxías diferentes. No noso campo, o que ofrecemos é a tecnoloxía de bioconxugación, e vimos que había un nicho porque había tecnoloxías moi sensibles pero moi custosas, para diagnóstico hospitalario, por exemplo, e outras moi sinxelas pero de escasa sensibilidade”. Así foi como se abriu o terreo para desenvolver un sistema moi sensible, pero á vez sinxelo e económico. Xerouse unha tecnoloxía, en colaboración co CSIC e a Fundación Araid, que mide un cambio de temperatura. “Xérase calor que un pode detectar; está a funcionar moi ben no laboratorio con marcadores como o do cancro de colon, por exemplo,”. Pero é no sector alimentario e na detección de patóxenos, de interese para a industria por exemplo conserveira, no que se centra o seu desenvolvemento comercial.

Nanoimmunotech (35)
Nanoimmunotech ten sedes en Vigo e Zaragoza.

A terceira pata da investigación de Nanoimmunotech é a nanotoxicidade. Existen máis de 2.000 produtos que empregan nanopartículas, moitos deles de uso diario: dende fármacos a cremas cosméticas ou protectores solares, pasando por alimentos. Recentemente descubriuse que os ensaios deste tipo de produtos son incorrectos. Iso levou o Cinbio de la Universidade de Vigo, xunto con outras institucións, a desenvolver protocolos para facer deteccións fiables en produtos con nanoparticulas; é dicir, no campo da nanotoxicidade. “Todo ese coñecemento licenciouse para que houbese un beneficio mutuo e traballar nesa liña, e poder ofrecer así estes ensaios correctos”, explica o CEO da empresa.
Con todo ese abano de servizos, Nanoimmunotech consolidouse como unha demostración da importancia de trasladar ao mundo da empresa o coñecemento das universidades. O, dito doutro xeito, da proba de que o coñecemento tamén é economía.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un cento de persoas participan na Domus nun congreso científico para estudantes

Os catro gañadores do evento poderán gozar dunha estancia de dúas semanas xunto a grupos de investigación da UDC

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses

Si, pódese crear acuarela con bacterias: a UDC impulsa a divulgación a través da arte

CICAGallery estrea a súa primeira edición con cinco artistas que convivirán con distintos grupos de investigación da universidade