Xoves 25 Abril 2024

#FilosofíaSI, tamén na Ciencia

Canto máis neoliberal é o deseño educativo menor é a presenza do pensamento e o debate crítico de ideas na escola. Canto maior é o discurso da utilidade no curriculum escolar menor é a presenza do fundamental para aprender.

Neste contexto e cunha sucesión de reformas educativas ás costas que afondan un pouco máis no erro da cacarexada “empregabilidade” como obxectivo, hai uns meses un grupo de profesoras e profesores decidimos saír a rúa e buscar apoios para que a Filosofía se manteña nos institutos. A nosa intención era moi modesta. Pretendiamos ter as sinaturas necesarias para que o Parlamento galego debatise sobre o inxusto desterro educativo da Historia do pensamento. Non queriamos un debate sobre horas, sobre reparto de materias, sobre ciencias ou humanidades. Queriamos un debate global, porque no pensar non hai parcelas.

Publicidade

As disciplinas do saber son formas sempre provisionais para analizar o mundo, as persoas ou as relacións. O saber é un todo que necesita de diferentes métodos para coñecer os diferentes planos de iso que denominamos realidade. Sen reflexión sobre o que é pensar, para que pensar, porque non todo pensamento é válido, que é a verdade, a realidade, a acción correcta ou incorrecta… a educación dos mozos e mozas ten unha eiva importante. Un sistema educativo que despreza o pensamento ao tempo que enche de materias de 1 ou 2 horas pode que mellore no índice PISA que mide se estamos formando traballadores submisos e bos consumidores, mais non mellora para nada a capacidade de análise e reflexión do alumnado.

A formación científica e tecnolóxica é fundamental para vivir no noso mundo convulso e cambiante. Mais isto non exclúe unha formación en ideas e valores que máis que pechar respostas abre interrogantes ou esperta conciencias críticas, todo o contrario. Nunca foi tan certo o dictum kantiano de que non necesitamos ensinar filosofía senón a filosofar.

A campaña #FilosofíaSi foi unha sorpresa. Unha sorpresa para nós ao descubrir tanta xente preocupada pola educación, polo seu papel moito máis alá da mera instrución. Tamén o foi #ChíaPolaFilosofía e #VocesPolaFilosofía. Onde científicas/os, xente do teatro, da comunicación, da edición ou ensinantes de todas as materias contribuíron a espallar a nosa proposta resumida no lema “Penso, logo estorbo”.

Educar é acompañar no camiño da construción dun pensamento propio. Ningún reto é maior na vida. Ás mestras e mestres tocounos un momento social de desprezo do noso oficio e chegamos a interiorizalo dalgún xeito. Por encima das leis, as programacións, a inspección non-educativa, as aulas masificadas, os horarios imposíbeis traballamos con persoas nunha etapa crucial da súa vida. Iso é un agasallo.

Por todo isto saímos a defender a Filosofía nas aulas. Porque queremos compartir co alumnado as preguntas máis simples sobre a xustiza, a beleza, a identidade ou o coñecemento. Esas que todos e todas nos facemos e que requiren de andamiaxes conceptuais para poder respondelas ou simplemente para volver a formulalas. Porque queremos compartir coas Ciencias e coas disciplinas tecnolóxicas a paixón por coñecer. Non podemos entender nin interactuar no noso tempo sen saber ciencia. Mais tampouco sen recuperar disciplinas como Filosofía ou Literatura. A Educación ten que ser liberadora de prexuízos e medos. Se o pensamento entra a formar parte das materias inútiles, deberemos indagar quen e con que propósitos inventou esa definición.

A Ciencia comparte coa Filosofía séculos buscando xuntas o coñecemento, con erros e acertos, con hipóteses falsas e outras que o serán no futuro, en calquera caso comparten o máis importante, nacer da curiosidade e ser unha ferramenta necesaria para a Liberdade. Grazas a todas as persoas que apoiades #FilosofíaSI. Se pensar estorba, non estamos a salvo da barbarie.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses

Si, pódese crear acuarela con bacterias: a UDC impulsa a divulgación a través da arte

CICAGallery estrea a súa primeira edición con cinco artistas que convivirán con distintos grupos de investigación da universidade

Exoplanetas de spray e tinta: ciencia e arte alíanse nun proxecto internacional con selo galego

O artista vigués Tono Carbajo realiza unha residencia artística en Cataluña para desenvolver a súa obra visual e sonora a partir de evidencias astronómicas