O esqueleto humano actual é resultado dun longo e complexo proceso evolutivo.

Seis datos que igual non coñecías sobre o teu esqueleto

Unha complexa rede de ósos protexe os órganos vitais e fai posible que nos poidamos mover; aquí podes descubrir algunhas curiosidades sobre el

Todos temos un. Algún máis grande, outro máis pequeno; algúns máis robustos, outros aínda formándose e outros xa debilitados polo paso dos anos. É o esqueleto, unha rede construída pola evolución que é quen de que nos poidamos mover e protexe os órganos esenciais para a vida. É un mecanismo abraiante e vivo, capaz de repararse cando se rompe. E tamén se recompón diariamente en función da nosa actividade cotiá a través do procesos celular chamado remodelación. E aquí recollemos seis datos curiosos que din moito de como é o noso esqueleto.

1. Non todos temos 206 ósos

Podemos ler nalgúns libros que o número habitual de ósos é de 206, pero non é certo de todo. Os bebés nacen con máis de 300, aínda que son moito máis brandos, de cartilaxe, e vanse mineralizando durante os primeiros anos de vida. Algúns deles acábanse fusionando.

E por outra banda, hai persoas que nacen con ósos de máis, como outro par de costelas ou un dedo a maiores; e hai quen tamén pode perdelos, como é lóxico, por algún accidente ou doenza. Pero mentres vivimos poden nacer outros. Un estudo recente mostrou que a fabela, un pequeno óso en forma de faba que se atopa na parte posterior do xeonllo, está a volverse máis frecuente no corpo humano debido á mellora da nutrición e a que as persoas se volven máis pesadas.

2. O esqueleto humano cambia constantemente de altura

O cambio na estatura dun neno no seu primeiro ano é o máis rápido e alcanzamos a nosa estatura adulta na adolescencia media ou tardía. Pero mesmo unha vez que os ósos deixan de crecer, a nosa altura aínda pode cambiar.

Nas articulacións hai unha capa de cartilaxe que cobre os ósos. A cartilaxe é unha capa de tecido gomoso composta de auga, coláxeno, proteoglicanos e células. No transcurso dun día, a cartilaxe, particularmente na columna vertebral, vaise comprimindo por gravidade. Isto significa que xusto antes de deitarte, es máis baixo que pola mañá. Afortunadamente, despois dun período de descanso horizontal, a cartilaxe pode volver ao seu tamaño orixinal. A falta de gravidade no espazo ten o efecto contrario nos astronautas, que son ata un 3% máis altos despois dunha tempada no espazo.

E non é só a cartilaxe. Tamén os ósos se acurtan co impacto. Os científicos demostraron que no impacto ao correr, a canela da perna acúrtase temporalmente un milímetro.

3. Só hai un óso non conectado a outro óso

Situación do hioide sobre a larinxe.
Situación do hioide sobre a larinxe.

O óso da cadeira está conectado ao óso da coxa, e así sucesivamente, pero non todos os ósos do esqueleto humano están conectados entre si. Hai unha única excepción: o hioide. Este óso, cunha forma semellante á letra grega ípsilon, atópase enriba na larinxe e baixo a base da lingua, e mantense no seu lugar mediante músculos e ligamentos da base do cranio e os ósos da mandíbula. Este óso permite aos humanos (xa estaba nos neandertais) falar, respirar e tragar.

É moi raro que rompa o óso hioides, e un achado de fractura nun exame post mortem pode indicar estrangulamento ou aforcamento.

4. A medula ósea non é só un recheo

Os ósos longos, como o fémur, están cheos de medula ósea feita de células graxas, células sanguíneas e células inmunes. Nos nenos, a medula ósea é vermella, o que reflicte o seu papel na produción de células sanguíneas. En adultos, a medula ósea é amarela e contén o 10% de toda a graxa no corpo adulto. Durante moito tempo pensouse que as células graxas da medula ósea non eran máis que un recheo espacial, pero os científicos están a aprender cada vez máis como a graxa dentro dos ósos ten importantes funcións metabólicas e endócrinas, que afectan a todo o corpo humano.

5. Os ósos máis pequenos están no oído

Ósos do interior do ouvido: martelo, bigornia e estribo.
Ósos do interior do ouvido: martelo, bigornia e estribo.

Os ósos máis pequenos do corpo humano son o martelo, a bigornia e o estribo. Colectivamente, estes ósos coñécense como os osículos (en latín, “ósos pequenos”) e a súa función é transmitir as vibracións sonoras do aire ao fluído no oído interno. Estes non só son os ósos máis pequenos do corpo, senón que tamén son os únicos ósos que non se rexeneran despois dos primeiros anos de vida. Isto é importante, xa que un cambio de forma podería afectar a audición.

Os osículos tamén son importantes en casos arqueolóxicos e forenses. Debido a que se forman cando estamos no útero, a análise de isótopos pode dar pistas sobre a dieta e a saúde da nai en esqueletos adultos descoñecidos.

6. Os ósos cáusanche estrés

Dentro do corpo humano, o sistema nervioso simpático é o mecanismo polo cal o noso organismo se prepara para unha actividade intensa. Isto a miúdo chámase a resposta de loita ou fuxida e asóciase coa liberación da hormona adrenalina en resposta a unha situación estresante. Pero recentemente publicouse un artigo que identifica a osteocalcina, unha hormona liberada polas células formadoras de óso, cun papel clave na resposta ao estrés.

Os ratos criados especificamente sen a capacidade de producir osteocalcina non tiveron unha resposta de loita ou fuxida en situacións de tensión aguda en comparación cos ratos normais. Os científicos tamén examinaron os niveis de osteocalcina en humanos, onde atoparon niveis elevados en sangue e ouriños despois de que os suxeitos humanos estiveron expostos á tensión. Finalmente, demostrouse que a osteocalcina apaga o mecanismo parasimpático de descanso e dixestión, que permite a activación da resposta de loita ou fuxida.

Dado que sabemos desde hai tempo que a función física do esqueleto é protexer o corpo, por exemplo, as costelas protexen os nosos órganos máis importantes, talvez non debería sorprendernos que os nosos ósos tamén teñan un papel fisiolóxico para manternos a salvo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.