Hai 12 anos que Timothy Ray Brown se converteu na primeira persoa en curarse do VIH (Virus de inmunodeficiencia humana) grazas a un transplante de médula ósea. E a revista Nature publicará ao longo deste martes que un equipo de científicos do University College de Londres conseguiu, por segunda vez na historia, que remitira a doenza nun afectado polo virus despois de ser tratado con células nai. Segundo recolle The New York Times, o paciente leva xa ano e medio sen medicarse contra o VIH.
“Realizando unha aproximación semellante á do paciente de Berlín (nome co que se coñece a Timothy Ray, xa que contraíu a doenza na cidade alemá), amosamos que aquilo non foi unha anomalía, e que foi realmente o tratamento o que eliminou o VIH nestas dúas persoas”, conta o virólogo Ravinda Gupta.
Por casualidade
No caso do paciente de Berlín, Timothy Ray Brown, recibiu un transplante de médula ósea con células nai para tratar a leucemia que padecía. Por casualidade, o tratamento, que procedía dun donante cunha mutación no xene CCR5, (un trazo que dificulta a entrada do virus nas células), acabou co VIH que padecía Brown, e que non reapareceu ata hoxe.
Neste segundo caso, o afectado padecía un linfoma de Hodgkin, polo que recibiu outro tratamento dun donante coa mesma mutación no CCR5. Dezaséis meses despois daquel procedemento, o paciente non volveu tomar antirretrovirais e xa hai 18 meses que remitiu o VIH.
“Dez anos despois dos resultados positivos do paciente de Berlín, o novo caso confirma que o transplante de médula ósea dun donante coa mutación deste xene pode eliminar os virus residuais e parar calquera traza de virus que poida reaparecer”, contan os investigadores.
No traballo tamén participaron científicos do centro de investigación IrsiCaixa de Barcelona, que se encargaron de buscar, con precisas ferramentas de detección, as trazas do VIH que puideran resistir nas células do paciente, segundo informa Jessica Mouzo en El País.
No se ha observado la presencia del VIH en el paciente de Londres ni con las herramientas de detección más precisas que hay. De hecho, precisamente esa era la aportación de IrsiCaixa, medir la carga viral del paciente con los dispositivos más sensibles
Os científicos advirten que cómpre ter precaucións antes de garantir que a cura foi completa, e adiantan que isto non ten por que funcionar con todos os pacientes. pero o longo prazo de remisión do virus xerou moita esperanza para axudar aos preto de 40 millóns de persoas que aínda padecen VIH no mundo. Os investigadores e médicos seguirán con atención a evolución do paciente de Londres.