Xoves 25 Abril 2024

O usuario de Facebook censura o que non concorda coa súa ideoloxía

A rede social con máis seguidores do mundo, Facebook, posúe algoritmos que filtran os contidos aos usuarios segundo as preferencias que estes demostran ao navegar por internet. Un estudo da Universidade de Michigan (EUA) analizou a actividade de máis de 10 millóns destes usuarios e demostra que eles son os principais censores á hora de seleccionar a información oposta á súa ideoloxía.

Facebook.
Facebook.

A pregunta clave dos contidos que vemos nun roll de noticias é: Crean as redes sociais ‘burbullas que filtran’ para que os seus usuarios vexan só o tipo de novas que queren ver? Isto é o que se preguntaron Eytan Bakshy e o seu equipo da Universidade de Michigan nun estudo no que analizaron a actividade de 10,1 millóns de usuarios de Facebook que comparten a súa ideoloxía publicamente no seu perfil.
O equipo de investigadores estadounidense interesouse por este tema debido á crecente confianza das persoas nas redes sociais para abastecerse de noticias, e na posibilidade de que os algoritmos de Facebook prexudicasen a visión plural dos seus usuarios ao mostrarlles só contidos afíns ideoloxicamente
“Examinamos máis de 7 millóns de enlaces a páxinas web (URLs) que compartiron os usuarios de Facebook no seu muro durante seis meses, dende xullo de 2014 ata xaneiro de 2015″, declara Bakshy, líder da investigación.

Facebook filtra o 15% das noticias e o usuario o 70 por cento

Tras isto, o equipo observou as noticias que a propia rede social filtrara e, despois, as noticias que finalmente publicaron. Os resultados do estudo indican que Facebook filtra o 15% das noticias que poderían ideoloxicamente ser opostas aos usuarios, mentres que estes ignoraron arredor do 70% dos contidos discordantes coa súa ideoloxía persoal. A diferencia é moi notable. Son os usuarios os que máis censuran os contidos que non corresponden coas súas ideas, ou que poden rebatilas.
“As accións individuais teñen maior impacto na diversidade dos contidos mostrados que o sistema de selección de noticias desta rede social”, explica Bakshy. O sistema que atoparon os investigadores para observar o grao no que os usuarios de Facebook expresan a súa ideoloxía política mediuse polo que denominaron como ‘homofilia’ ideolóxica -tendencia das persoas a relacionarse entre iguais- nas redes de amigos.

Like, a icona de Facebook.
Like, a icona de Facebook.

Os investigadores clasificaron en dúas categorías os contidos compartidos. “Como noticias duras aquelas que facían referencia a historias sobre política e economía mundial, e brandas serían as relacionadas con deporte, celebridades e entretemento”, indica Bakshy.
A continuación, caracterizaron as publicacións nunha escala ideolóxica de cinco puntos, dende -2 (moi liberal) ata 2 (moi conservador). “Isto permitiunos observar a tendencia ideolóxica de cada historia compartida e medir así a homofilia ideolóxica das redes de amigos”, explica o investigador americano. Segundo este estudo, o 23% dos amigos dun usuario de Facebook estadounidense ten unha ideoloxía política contraria á súa.
Por outro lado, das noticias compartidas con contidos clasificados como duros, un 28,9% dos filtrados por Facebook presentan ideoloxía distinta á do propio usuario. Do total desta porcentaxe, o usuario só pulsa o 24,9% desta información.
Eythan Bakshy conclúe en entrevista coa axencia Sinc que a relevancia do estudo se centra en que por primeira vez “unha investigación cuantifica a cantidade de persoas que están expostas a noticias ideoloxicamente diversas nunha rede social”. E o resultado é que son os propios usuarios os que rexeitan as novas que non concordan coas súas ideas. Non queren lelas. O cal non resulta tan estrano, pois o mesmo acontece co seguemento dunha emisora de radio ou dun xornal que concorden coas nosas ideas políticas preconcebidas.
Podes atopar aquí información sobre as liñas de investigación de Eythan Bakshy. E un resumo do seu artigo en Science, neste enlace da propia rede Facebook e publicado hoxe mesmo.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Deseñan un algoritmo que ‘le’ os pensamentos das persoas a partir de escáneres cerebrais

Usando imaxes por resonancia magnética funcional, os investigadores de The Scientist decodificaron o que as persoas escoitaban e pensaban

Un proxecto da UDC sobre lingüística computacional recibe fondos europeos

O Consello Europeo de Investigación financia con 150.000 euros o programa, o único galego seleccionado na última convocatoria

A censura aos xornais na Grande Guerra

A propaganda foi unha arma decisiva na I Guerra Mundial e usouse en Galicia en medios convencionais e libelos