Agripino, Mc Nulty, Alberto, Arachnida, Martiño ou Hillman son algúns dos nomes que reciben os androides do artista galego coñecido como o Sátrapa, que hai tres anos puxo en marcha en Santiago unha factoría de produción de este tipo de esculturas. Algúns destes robots inspíranse en persoas do mundo real e outros remiten as influencias do artista, que ten entre os seus referentes ás películas de ciencia ficción de serie B dos anos 50.
As personaxes do Sátrapa naceron como pinturas que comezou a realizar nunha etapa de crise persoal ao quedar no paro hai uns anos. Das pinturas acabaron por xurdir as esculturas, que se fan con materiais reciclados de todo tipo. Transformadores, pezas de electrodomésticos, latas de conserva, obxectos de madeira e moitas outras cousas poden atoparse nos androides realizados por Sátrapa. Prestando atención pode verse como algunhas das características que tiñan os materiais empregados acaban por transmitirse aos androides.
O certo é que cada un destes personaxes ten a súa propia biografía e personalidade. O Sátrapa somete a cada un deles a un completo reportaxe fotográfico que ofrece pistas sobre a vida que leva cada androide. Algúns deles son mais aventureiros, outros máis reflexivos. Hai de todo no universo creado por Sátrapa, que ademais de androides xa creou vehículos e mesmo naves espaciais para completar o seu universo.
Ao revés do que fan moitos artistas que semellan estar obsesionados por estar presentes en tódolos medios, o Sátrapa prefire manterse nun segundo plano. Os protagonistas son os androides, unhas personaxes que espertan o interese de nenos e maiores xa que cada un de nós poderá atopar sempre algún co que se sinta máis identificado ou que lle faga recordar a algunha persoa ou situación.
Como adoita acontecer nestes casos, as creacións do Sátrapa atoparon unha mellor acollida fóra de Galicia que na súa propia terra. A Mostra Internacional de Arte Fantástico de Santander elixiu ao androide Mariano como a súa imaxe na edición de 2015 e acolleu unha exposición de traballos do Sátrapa que obtivo un grande éxito. Os androides do Sátrapa tamén chegaron ata Nantes, a cidade de Jules Verne, e algúns deles quedaron alí a vivir e poden atoparse na galería Mira desta cidade.
Cada personaxe ten a súa biografía e personalidade; hai de todo no universo do Sátrapa
En Galicia, os androides acudiron a varias mostras Maker e tamén puideron contemplarse nunha exposición celebrada a finais de 2016 na sala Nautilus de A Coruña. Os que queiran ver algúns destes androides poden atopalos na librería do CGAC de Santiago e na tenda Lorenzo Design do zona vella compostelá. A próxima viaxe do Sátrapa e o seu exército de androides será cara a Málaga, para participar na feira de arte contemporánea que se celebrará próximamente na cidade andaluza.
A páxina web www.satrapa.es permite ver a boa parte dos robots que compoñen a gran familia da Factoría de Androides, aínda que moitos deles xa voaron a outras latitudes e mesmo se sabe que algún chegou ata Brasil. A expansión do universo Sátrapa semella non ter fin. É lóxico xa que a procedencia extraterrestre de moitos destes androides fan que a Terra non sexa máis que unha etapa da súa viaxe.