Xoves 28 Marzo 2024

O xenetista que trazou a ruta dos escravos

O investigador da USC Antonio Salas Ellacuriaga, xunto con outros investigadores das universidades de Oxford, Copenhague, Stanford e Leiden, acaba de analizar por primeira vez a escala xenómica o ADN de restos humanos enterrados no Caribe no século XVII durante o período do tráfico de escravos transatlántico. O estudo analizou o xenoma enteiro de tres individuos enterrados na illa de San Martín orixinarios, segundo os resultados da investigación, de grupos bantús do norte de Camerún e de comunidades non bantús de Nixeria e Ghana. Este traballo, engade Antonio Salas Ellacuriaga, “indica polo tanto a procedencia dos escravos levados á illa de San Martín hai 300 anos e ilumina o proceso de configuración das comunidades afroamericanas e como puideron sobrevivir as culturas africanas no continente americano despois da súa chegada ao novo mundo”.
O estudo mostra as posibilidades que técnicas do ámbito das ciencias da saúde poden ofrecer ao estudo da historia e a reconstrución de acontecementos como apunta o doutor Salas, xa que neste traballo ponse de manifesto o “enorme potencial que existe para trazar a orixe xenética de individuos falecidos hai moito tempo, neste caso, vítimas do tráfico de escravos”. Neste senso, a xenética achega unha nova visión para a resolución de cuestións históricas onde a documentación é escasa ou simplemente non existe, engade o investigador.

A investigación  ilumina o proceso de configuración das comunidades afroamericana

A capacidade transversal da xenética xa se ten manifestado en anteriores traballos de Antonio Salas, con investigacións que amosan as aplicacións deste proxecto noutras disciplinas transversais como a xenética forense ou a xenética clínica. “Moitas aplicacións biomédicas teñen o seu fundamento sobre o entendemento da variabilidade nas poboacións humanas”, explica o investigador do Instituto de Medicina Legal quen non concibe “como se pode entender unha patoloxía de causa xenética sen entender antes o seu contexto poboacional”. A modo de exemplo, o investigador explica que “por exemplo, se sabe que as poboacións afroamericanas teñen unha maior predisposición a padecer determinadas enfermidades como a hipertensión ou diabete, entre outras”.
A investigación, en colaboración cos doutores Hannes Schroeder e Thomas Gilbert da Universidade de Copenhague, acaba de facerse público en Proceedings of the National Academy fo Sciences publicación que, xunto con Nature Science, está considerada como unha das máis prestixiosas da área de ciencias multidisciplinares. Trátase dun traballo novidoso dado que o Caribe é unha rexión particularmente complicada polas características adversas do chan e do clima o que, explica o doutor Salas, impide unha conservación adecuada dos restos óseos. O investigador considera que o proxecto “abre novas vías de investigación para estudos futuros relacionados co ADN antigo, como por exemplo a análise de restos precolombinos” e engade que pon de manifesto o enorme potencial das técnicas de secuenciación a grande escala e a súa capacidade para analizar restos onde existen cantidades mínimas de ADN, mesmo por debaixo do que ata hai pouco se consideraba o umbral mínimo de análise.

Publicidade

A xenética achega unha nova visión ante cuestións históricas onde a documentación é escasa

O tráfico de escravos representa un dos capítulos máis dramáticos da historia e na actualidade está recoñecido como un crime contra a humanidade. O doutor Antonio Salas e o seu equipo de investigación comezou hai algo máis de dez anos a estudar na USC os patróns de variabilidade en distintos continentes en relación co tráfico de escravos, con destacados resultados publicados en revistas de alto índice de impacto como American Journal of Human Genetics. Estes traballos previos focalízanse no “entendemento dos patróns de variabilidade nun plano continental, dende a perspectiva da meta-xenómica, pero tamén dende o interese máis local estudando os patróns en diversos países de América, como Estados Unidos, México, Cuba, O Salvador, Arxentina, Venezuela ou Colombia, ou en determinados grupos étnicos americanos”.
Estes traballos únense a outras investigacións realizadas polo equipo de Salas e que apuntaban a que a poboación europea actual procede da mestura de tres grupos procedentes de Oriente Medio, África e do norte de Europa e Siberia ou a que unha parte da poboación da zona franco-cántabra é portadora dunha secuencia que se dá practicamente en exclusiva nesta rexión xeográfica, entre outras achados.

A investigación publícase nunha das revistas científicas de maior prestixio internacional

Este ámbito de estudo está a ter cada vez máis presenza no ámbito empresarial xa que “cada vez máis, existen compañías de xenómica interesadas en explotar a demanda que existe nunha poboación cada vez máis numerosa desexosa de coñecer algo máis sobre as súas raíces históricas ou xenealóxicas”, explica ao respecto Antonio Salas para quen é unha actividade empresarial lícita “se se fai con rigor científico”. Na súa opinión, o problema xorde non obstante “cando as compañías din ofrecer un produto que no fondo non é o que o cliente demanda”, xa que “o cliente non está xeralmente o suficientemente preparado para entender os resultados dunha proba de ADN”.
Estes novos resultados do grupo de Antonio Salas enmárcanse no proxecto europeo Eurotast, rede europea de investigación cuxa misión principal é examinar as consecuencias do tráfico de escravos trasatlántico coa participación do mundo académico europeo e especialistas de África occidental e o Caribe. O deseño desta liña de investigación toma conciencia da necesidade de explorar o legado do tráfico de escravos en orixe e en destino, dende os principais responsables (Europa) aos principais afectados (África).

O estudo abre vías de investigación para o análise de ADN de restos precolombinos

Entre as institucións involucradas atópanse, ademais da Universidade de Santiago de Compostela, as universidades de Copenhague, de Bristol, de York, o CNRS e DeCode Genetics en Reikiavik. O seu fin último é intentar entender un dos movementos demográficos máis masivos da historia, xa que involucrou a máis de 12 millóns de persoas, así como estudar as consecuencias que se derivan hoxe en día deste proceso. De carácter multidisciplinar, a rede posúe ademais un forte carácter científico pero tamén un compoñente divulgativo ao querer trasladar os resultados das investigacións a museos, escolas e medios de comunicación. No proxecto conflúen expertos en historia, arqueoloxía, xénetica/xenómica e antropoloxía social. Ademais, o proxecto está financiado por unha Marie Curie Actions Initial Training Network, sendo a primeira vez que un investigador da USC acada esta subvención.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego detecta posibles biomarcadores da esquizofrenia resistente ao tratamento

Científicos do IDIS identifican un perfil de 16 microARN que diferencia aos pacientes que non responden á medicación dos que si o fan

Atopada unha proteína que evita que o ADN se triplique

Un equipo do CNIO descobre un sistema 'antifallo' que podería ter aplicación na prevención do cancro e doutras enfermidades

Por que os humanos non teñen cola? A resposta está nos “xenes saltóns”

Un estudo publicado na revista 'Nature' explica que secuencias móbiles de ADN propiciaron a perda deste apéndice

Os bebés con Down eran enterrados con rituais específicos na prehistoria europea

Unha investigación identificou seis casos de nenos e fetos, cinco deles de entre 5.000 e 2.500 anos atrás