Venres 19 Abril 2024

Unha galega busca a conexión das bacterias coas lesións cerebrais

As razóns polas que o noso cerebro enferma seguen sendo, en moitas ocasións, un misterio insondable para a ciencia. Os médicos e os científicos aínda non atopan a orixe do 90% dos casos de Alzheimer, Parkinson ou esclerose lateral amiotrófica (ELA). Aínda que a xenética e os hábitos de vida poden ser factores importantes, non abondan para determinar por que se producen estas doenzas. E isto é un desafío en letras maiúsculas para a ciencia. Nos últimos anos, varios estudos afondaron na posibilidade de que exista unha relación entre a microbiota do sistema dixestivo e o funcionamento do noso cerebro. Hai varios exemplos: descubriuse que as bacterias da microbiota humana secretan largas cantidades dunhas proteínas chamadas amiloides, que poden causar danos irreparables nas neuronas, o que podería relacionarse coa aparición de enfermidades neurodexenerativas; e tamén se viu, con experimentos en ratos, que a alteración da microbiota inflúe nunha mellor ou peor recuperación de lesións cerebrais e medulares.

Estímase que só entre o 1% e o 5% dos xenes do noso corpo son humanos; o resto son microbianos

Sonia Villapol é unha neurocientífica galega, de Bretoña (A Pastoriza), que leva case dez anos traballando nos Estados Unidos, e está decidida a atopar esta conexión entre as enfermidades cerebrais e as bacterias. Despois de licenciarse en Bioloxía na USC, Sonia fixo o doutoramento en neurociencias en Barcelona e seguiu aprendendo en prestixiosos centros de investigación franceses, como a universidade Pierre et Marie Curie. Actualmente é profesora na universidade de Georgetown, en Washington D.C.

Publicidade

A finais de abril, Sonia estivo en Galicia xunto ao seu marido, o bioinformático Todd Treangen, para divulgar un proxecto do que acaban recibir financiamento por parte do National Institute of Health (NIH) dos Estados Unidos. Preto de medio millón de euros de achega para unha investigación que leva por título O rol do microbioma intestinal na neuropatoloxía das lesións cerebrais traumáticas. Precisamente o NIH é unha referencia mundial no estudo dos microorganismos que viven asociados ao ser humano, como poden ser as bacterias, xa que desenvolveu durante varios anos o Proxecto Microbioma Humano, financiado con máis de 100 millóns de euros no que Todd colaborou, e en cuxo traballo se identificou a composición xenética destes organismos.

Todd e Sonia viven en Washington desde hai case 10 anos. Imaxe: R. Pan.
Todd e Sonia viven en Washington desde hai case 10 anos. Imaxe: R. Pan.

O volume de bacterias que temos no noso corpo é inxente. E están en todo o que nos rodean: nos alimentos que comemos, no aire que respiramos, nos lugares onde nos movemos día a día. “Estímase que só entre o 1 ó 5% dos xenes que temos no noso corpo son humanos; o resto son microbianos“, expón Sonia Villapol, exemplificando a magnitude e a importancia destes microorganismos na nosa vida. E comunícanse con todo, “co sistema inmune, endocrino, co nervioso… E estas relacións son a base do noso estudo”.

Para identificalas e coñecer as súas funcións, os científicos recorreron á metaxenómica, que permite secuenciar o ADN dos microorganismos mediante o procesado de cantidades enormes de datos. Aquí entra en xogo o Dr. Todd Treangen, profesor da universidade de Maryland. Coñecer a composición destas bacterias axuda, por tanto, a coñecer cal é o ‘ecosistema‘ que temos no noso aparello dixestivo. “Se coñecemos a bacteria e coñecemos o seu xenoma, podemos saber se está ou non no noso intestino, e en que cantidade“, explica Todd.

O 90% da serotonina, unha das ‘hormonas da felicidade’, prodúcese no intestino

E como cambia este ecosistema? Desde que medramos no útero das nosas nais estamos expostos a variables que condicionan a composición da nosa microbiota: a alimentación que seguen as embarazadas, se nacemos por parto natural ou por cesárea, se as nais dan o peito aos bebés ou non, se as criaturas medran nun entorno rural ou urbano, máis ou menos contaminado… E claramente, a alimentación é un factor clave: as froitas, as verduras ou os cereais levan consigo bacterias ‘mellores’ que os alimentos ultraprocesados, por exemplo.

“Os estudios científicos aseguran que hai polo menos 30 substancias que producimos no noso intestino e que melloran o benestar mental. E non só iso; tamén se demostrou que o estrés, a depresión e outros trastornos que aparecen no noso cerebro están relacionados coa maior ou menor resistencia a infeccións, ou cunha mellor ou peor captación de nutrientes. E isto pode ser un camiño de ida e volta. Se nos alimentamos mal, tamén pode ser que o cerebro adiante as sinais de que algo non vai ben“, explica Sonia Villapol.

As bacterias, a alimentación e o cerebro

É o caso, por exemplo, da serotonina, a coñecida como ‘hormona da felicidade’. “O 90% prodúcese no intestino“, afirma a científica galega. Parece que hai evidencias, por tanto, de que coidar a nosa alimentación e os nosos hábitos ten moito que ver co noso benestar mental e a saúde do cerebro. “O cerebro non está illado, está en conexión constante co que acontece no resto do corpo”, sinala Todd Treangen.

O estudo de Todd e Sonia, que se completará nos vindeiros dous anos, comeza xa a ofrecer resultados importantes. “Estudamos os excrementos de ratos; unha parte deles con dano cerebral inducido, e outros individuos sans. E atopamos que había diferenzas clave en canto ao tipo de bacterias“, conta Treangen.

Os dous científicos anticipan que nos vindeiros anos, moi posiblemente, continuarán aparecendo evidencias que relacionen o que acontece no noso cerebro co que pasa no noso intestino. Como consello, cómpre tomar nota da recomendación que Todd fixo ás persoas que asistiron á charla no Muncyt da Coruña: “Para arranxar o teu cerebro, comeza por arranxar a túa barriga”.

1 comentario

  1. Ánimo Sonia. A tua linha de investigação é verdadeiramente interessante… já os gregos associavam a saúde física coa mental, não si? É fascinante comprovar a possível implicação da fauna intestinal. Quanto melhor seria para nós que as pessoas brilhantes coma ti não tivessem que fazer carreira fóra e puidessem completar a sua vida laboral e produtiva na Galiza, atraendo inteligência, conhecemento e humanidade… semelha que só valoramos a exporação dos recursos primários por interesses alheios, mentras exportamos o melhor que temos e quando está eiquí despreçamo-lo, anulamo-lo… tristura de pais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Así se desenvolve o medo no cerebro

Neurobiólogos da Universidade de California descubriron en ratos como a tensión e o abafo convértense en afeccións como o trastorno de estrés postraumático

Un proxecto galego impulsa a sustentabilidade do sistema alimentario a través da IA

O proxecto no que participan USC e UVigo acometerá a crise do sector co apoio do Programa Marco ‘Horizonte Europa’

Desenvolto o mapa máis completo de interaccións para a supervivencia das bacterias

Os resultados revelan detalles ata o de agora descoñecidos destes mecanismos e ofrecen posibles dianas para o desenvolvemento de novos antibióticos

Por que o cerebro dos vertebrados é tan complexo? A clave está en virus antigos

Uunha secuencia xenética derivada de primitivos retrovirus resulta esencial para producir mielina, a capa que protexe as fibras nerviosas