Venres 29 Marzo 2024

A mirada entre can e dono reforza a súa unión emocional

Por que os humanos sentimos amor, amizade e mesmo apego social polos cans? Posiblemente inflúa a evolución deste animal xunto ao seu mellor amigo, pero a nivel biolóxico a clave está na hormona oxitocina, relacionada coa conduta maternal e paternal. Así o demostran varios experimentos nos que o simple contacto visual entre o can e o seu dono fortalece os seus vínculos afectivos.
A relación emocional que se crea entre pais e fillos ou, de forma xeral, entre persoas, ten boa parte da súa orixe na secreción da hormona oxitocina, tamén chamada ‘hormona do amor’, responsable de desencadear unha serie de procesos como a creación de lazos nos descendentes ou relacións sociais con outras persoas.

A oxitocina crea un vínculo entre cans e donos como o de pais e fillos

Esta substancia química tamén actúa como neurotransmisor no cerebro dos seres vivos porque funciona no núcleo accumbens, ao que se lle atribúe unha función importante no pracer, como a recompensa. Ademais, non só xera estreitos vínculos afectivos entre membros dunha mesma especie, senón tamén entre os de especies diferentes. Así acontece con humanos e cans que estableceron un mecanismo instintivo similar ao lazo de unión biolóxico que se crea entre pais e crías.
Para demostralo, investigadores xaponeses realizaron varios experimentos con 30 cans (15 femias e 15 machos) de diferentes razas e idades, e os seus donos (24 mulleres e 6 homes). Os resultados revelan que cans e humanos reforzan os seus vínculos biolóxicos nun circuíto neuronal de retroalimentación impulsado pola oxitocina, tal e como acontece entre pais e fillos. E todo grazas a unha simple mirada mutua.
“Cando can e dono se miran, ambos os dous amosan un aumento da oxitocina”, afirma Takefumi Kikusui, investigador no departamento de Ciencia Animal e Biotecnoloxía da Universidade Azabu (Xapón) e autor principal do estudo que publica a revista Science.
Nun primeiro experimento, os científicos introduciron os cans en cuartos onde xa estaban os seus donos. Durante os 30 minutos que cans e donos permaneceron no seu interior, o equipo de investigación rexistrou cada interacción (falar, tocar e mirar) entre as dúas especies. Ao medir os niveis de oxitocina dos ouriños de cans e donos antes e despois do experimento, os investigadores descubriron que o contacto visual prolongado entre as mascotas e os seus donos propiciou un aumento nas concentracións de oxitocina nos cerebros de ambas as dúas especies.

Publicidade

Os lobos domesticados non tiveron a mesma reacción hormonal que os cans


Segundo o estudo, os donos que mantiveron máis contacto visual cos seus cans experimentaron o maior cambio nos niveis da hormona despois de interactuar cos seus compañeiros. Pero non só iso, estes últimos experimentaron un aumento de oxitocina similar.
Para entender a creación biolóxica deste vínculo afectivo entre cans e humanos e demostrar a súa orixe evolutiva, o equipo nipón realizou os mesmos experimentos con lobos domesticados. Pero contrariamente aos cans, os lobos non buscaron a mirada dos humanos, mesmo despois de ser criados por eles. “Os lobos que teñen unha relación moi estreita cos seus criadores non poden estimular a oxitocina neles, posiblemente debido á falta de contacto visual”, indica o científico. Para Kikusui, “o uso deste contacto visual cara ao dono é diferente entre os cans e os lobos, e esta é a razón pola que os lobos non teñen este tipo de vínculo cos humanos”.

Podes ler máis
neste artigo de Science

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo relaciona oxitocina e agresividade en trastornos alimentarios e de personalidade

O traballo multicéntrico amplía o coñecemento sobre a “hormona do amor" como biomarcador destes comportamentos impulsivos-inestables

Ratos impotentes teñen ereccións tras aumentar unhas células do pene

A revista 'Science' publica un estudo en roedores transxénicos aos que se lles incrementou o número de fibroblastos

O meu can sofre ansiedade? Así podemos detectala e tratala

Ladrido excesivos, caída de pelo, tremores, agresividade... A ansiedade patolóxica pode manifestarse con múltiples síntomas

A calor e a contaminación poden aumentar as mordeduras de can

Un equipo de EEUU identificou un incremento da agresividade canina nos días con maiores índices de radiación ultravioleta, ozono e temperaturas