5.200 toneladas de po extraterrestre caen sobre a Terra cada ano

Un estudo analiza por vez primeira a caída sobre o noso planeta de micrometeoritos que traen diferentes moléculas con eles

Imaxe dun dos micrometeoritos captado polo equipo na Antártida.

Somos po de estrelas, porque moitos dos elementos químicos que forman o noso mundo proveñen de colosais procesos químicos no interior dos astros. Pero seica somos menos conscientes de que o po cósmico está a caer sobre nós cada día. Con todo, dado o seu tamaño microscópico, era moi difícil obter unha estimación precisa da cantidade. Agora, un novo estudo científico determina a magnitude do fenómeno. E recibimos 5.200 toneladas cada ano.

Tales micrometeoritos non son máis grandes que unha fracción de milímetro.  Son algo así como unha freila espacial que nos deixan os asteroides e cometas que pasan. Pero, despois de dúas décadas de colleitar o material na Antártida, un equipo internacional de científicos agora ten unha cifra aproximada: arredor de 5.200 toneladas de micrometeoritos de menos de 700 micrómetros (0,7 milímetros), cada ano están a caer anualmente sobre a Terra.

Diferentes micrometeoritos captados polo equipo.

Como consecuencia, os micrometeoritos son a maior fonte de material extraterrestre entregado á superficie da Terra. De feito, a atmosfera da Terra está chea de po de todo tipo. Un estudo do ano pasado atopou que arredor de 17 millóns de toneladas métricas de po groso están a moverse na atmosfera nun momento dado.

Para minimizar este po de “fondo”, o equipo dirixiuse á Antártida na estación Concordia onde o pó terrestre está practicamente ausente, o que permite analizar con máis exactitude o xeo e a neve. En seis expedicións ao longo de 20 anos, os investigadores fixeron precisamente iso. Identificaron un total de 1.280 micrometeoritos sen fundir e 808 esférulas cósmicas (rocha espacial fundida) por baixo de 350 microgramos de masa, o que lles permitiu calcular a velocidade á que estas partículas choven sobre a superficie.

Segundo os seus cálculos, extrapolados a todo o mundo e asumindo que a choiva se distribúe uniformemente, aproximadamente 1.600 toneladas de micrometeoritos e 3.600 toneladas de esférulas cósmicas chegan á superficie cada ano. Iso é un total de 5.200 toneladas anuais.

A base antártica onde traballaron 20 anos para esta investigación.

A seguinte parte da investigación foi unha análise do po para determinar a súa orixe, baseado na densidade dos grans. Unha densidade máis baixa e unha porosidad máis alta suxiren unha orixe cometaria, e unha densidade máis alta e unha porosidade máis baixa suxiren unha orixe meteorítica.

A partir disto, o equipo extrapoló que aproximadamente o 80 por cento do po cósmico que chega á superficie da Terra é expulsado por cometas a medida que avanzan nas súas viaxes orbitais.

Pescudar todas estas cousas do pó cósmico pode semellar unha certa perda de tempo, agás polo feito importantísimo de que pode estar relacionado mesmo coa aparición da vida no planeta Terra nos primeiros días do Sistema Solar, coa chegada dende o espazo de moléculas de auga ou de carbono, por exemplo.

Aquí podes consultar a investigación publicada en Earth and Planetary Science Letters

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.